Foto biblioteca

Foto biblioteca

11/06/25

Non é unha historia, é unha vida.

      En Bueu, un grupo duns cen refuxiados, a maioría chegados de África tras unha difícil viaxe en barco ás Illas Canarias, están a comezar unha nova vida. Grazas á acollida que lles brinda a ONG ACCEM e á asistencia temporal dun hotel, estas persoas buscan reconstruír o seu futuro lonxe da violencia, a fame e a pobreza. 

     Hoxe, estudantes de 2º ESO de Bueu fixéronlles unha entrevista na radio de Polos Creativos, para coñecer as súas experiencias e comprender mellor a súa realidade. O alumnado interesouse sobre as súas vidas antes de vir a Bueu, sobre o momento de tomar a decisión de marchar e a dureza de deixar o seu país e as súas familias. Tamén falaron da complicada viaxe desde o seu país ata as Illas Canarias.

     En canto á súa estancia en Bueu, os alumnos e alumnas preguntáronlles acerca dos principais retos aos que se enfrontaron, como foron acollidos e se sufriron algún tipo de discriminación. Falaron sobre o acceso que teñen aquí á educación, á saúde e ao emprego; sobre os seus medos, preocupacións e soños, así como sobre as proxeccións que fixeron de futuro en España.

     A través desta entrevista, coñecemos de primeira man as dificultades coas que se atoparon e as esperanzas que teñen. A súa realidade móstranos que non buscan privilexios, senón unha oportunidade para vivir con dignidade e seguridade, coma todos os demais. É necesario que reflexionemos sobre a importancia da solidariedade, a comprensión e o respecto por aqueles que comezan de novo lonxe dos seus fogares.

    O alumnado tamén entrevistou a Belén, membro da ONG ACCEM en Bueu, onde están a medrar iniciativas locais que promoven a inclusión e a solidariedade.

     A través das súas palabras, entendemos que acoller refuxiados non é só un acto de xustiza e humanidade, senón tamén unha oportunidade de enriquecemento mutuo. Como sociedade, fortalécemonos cando abrimos as portas, non só das nosas institucións, senón tamén dos nosos corazóns e comunidades. Sobre todo, é evidente que a maioría dos mitos que circulan sobre as axudas e os privilexios non se sosteñen ante a realidade do acompañamento, o esforzo e o desexo de reconstruír unha vida.

Ningún comentario: