Foto biblioteca

Foto biblioteca

14/12/15

Guías de lectura para o Nadal


As festas de Nadal e Fin de Ano que están a punto de comezar son unha época típica para a realización de regalos, nomeadamente aos menores da casa. Dentro da múltiple oferta dispoñible, moita xente é partidaria de incluír algún elemento de carácter cultural, aínda que por veces a elección pode resultar complicada.
Nos últimos anos, coñecedores desta situación, os equipos de dinamización lingüística da comarca do Morrazo publican un folleto-guía para dar a coñecer ás familias as últimas novidades no relativo a discos, novelas, cómics, DVD..., co elemento en común de utilizaren todos a lingua galega. Este folleto preséntase dividido por idades para facilitar a localización de materiais acordes ás diferentes idades . Ademais, tamén inclúe un apartado de produtos dirixidos a adultos, pois este tipo de regalos resulta enriquecedor para todos nós.
 Un afectuoso saúdo co noso desexo de que pasen unhas felices festas.


03/12/15

Presentación do libro do noso compañeiro Óscar !

O vindeiro venres 4 de decembro dentro da programación do Culturgal (Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra), terá lugar ás 19.00 h no Espazo foro a presentación do libro "A nenez galega a través dos anteollos de CASTELAO", dos autores: Diana Vilas Meis, Óscar Rodríguez García, Laura Carpente Tielas e Manuel Rodríguez Conde. Colabora: Gabinete didáctico do Museo de Pontevedra. Publica: Deputación de Pontevedra.

02/12/15

CULTURGAL

Culturgal pretende ser unha experiencia única para todas e todos aqueles que participan dela: expositores, artistas, empresas, públicos, etc. A organización de Culturgal sabe que para acadar este obxectivo, o recinto do Pazo da Cultura ten que ofrecer unha serie de servizos que fagan gratificante a visita á gran cita da cultura do país.
Ademais de poder achegarte aos máis de 80 stands dedicados a libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía e máis, Culturgal conta cun programa de ao redor de 120 actividades propias durante os 3 días: concertos, espectáculos familiares, encontros con escritores, estreas de filmes e moito máis.
Culturgal 2015, 4, 5 e 6 de decembro, Pazo da Cultura de Pontevedra.
Presume de Culturgal!

 http://culturgal.com/programacion-culturgal-2015/

07/05/15

Conferencia no CEIP MONTEMOGOS.

O colexio Montemogos celebra a 28ª Semana Cultural e Letras Galegas.
 Con este motivo  convida ao profesorado, ás nais e aos pais e ao alumnado de Bueu a asistir á conferencia que o escritor Pedro Feijoo Barreiro (Vigo, 1975) impartirá na biblioteca doCEIP Montemogos en relación co seu libro Os fillos do mar.
 Nesta novela de intriga, finalista do premio Xerais, a trama transcorre en lugares como Vigo ou Bueu. Ao remate o escritor asinará exemplares e poderemos conversar con el.

09/03/15

ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES.

 O responsable da biblioteca do noso instituto, Xavier Blanco, asistirá o día 13 de marzo o encontro de bibliotecas que se vai celebrar en Santiago.

(os vindeiros 12 e 13 de marzo terán lugar en Compostela (Palacio de Congresos) os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, unha cita anual do profesorado que coordina e representa aos equipos de bibliotecas escolares dos centros integrados neste programa. No presente curso participan deste Rede de bibliotecas escolares que supón o PLAMBE, un total de 550 centros distribuídos por toda a xeografía do país.  
Coma en anos anteriores, a participación nos encontros será do seguinte xeito:
  • 12 de marzo: responsables das bibliotecas dos 33 centros que se incorporaron ao PLAMBE na convocatoria de 2014.
  • 13 de marzo: responsables do resto das bibliotecas do PLAMBE ata un total de 550. 
O programa elaborado desde a Asesoría de bibliotecas escolares, en colaboración co CAFI (Servizo de Formación do Profesorado), conta coa presenza de expertos como Casildo Macías (coordinador da Rede de bibliotecas escolares de Extremadura, coautor do Marco de referencia para las bibliotecas escolares- MEC,2011), Ana Garralón (experta e crítica de literatura infantil e xuvenil), Elisa Yuste (consultora con formación e experiencia no ámbito bibliotecario, editorial cultural e educativo), Ana Basterra (Asesora do ámbito socio-lingüístico no Berritzegune -centro de profesores- de Leioa, en Bizkaia, experta en metodoloxía de proxectos). Presentaranse experiencias de bibliotecas escolares de centros que salientan polas súas boas prácticas, e os participantes poderán tamén acudir a unhas reunións temáticas (sobre a formación audiovisual, as apps na biblioteca escolar , a colaboración entre as bibliotecas escolares e coas bibliotecas públicas ou sobre avaliación dos servizos da biblitoeca, entre outras). Poñerá o punto final aos encontros o catedrático de Mediciña Legal da USC, experto internacional en xenética e divulgador científico, Ángel Carracedo, autor do manifesto publicado no pasado novembro, con ocasión do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.) Texto do blog de bibliotecas escolares.