Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/02/20

Premios caretas e cabezudos

     Aínda que a celebración do Entroido no noso centro tivo lugar o pasado venres, hoxe fixemos entrega dos premios do concurso de caretas e cabezudos. Este ano, coma case todos, o xurado tivo complicada a elección debido ao alto nivel dos traballos presentados. Desde o centro queremos agradecer ao alummado e ás familias a súa implicación nesta actividade.


No seguinte vídeo podedes ver un resumo da festa que montamos o pasado venres.


19/02/20

Entroido no IES Illa de Ons

     O vindeiro venres 21 de febreiro celebraremos no IES Illa de Ons a festa do Entroido. Ademais dun concurso de disfraces e actuacións variadas convocáronse os xa tradicionais concursos de gastronomía e o de caretas e cabezudos. Distintos xurados formados por profesorado, alumnado e persoal non docente outorgará diferentes premios en cada un destes concursos. 
     Abaixo tedes as bases que elaboraron os alumnos e alumnas de 4º ESO para poder participar nos de disfraces e de actuacións. Aínda non te anotaches? Pois veña, que ata o venres estás a tempo!!! 

07/02/20

Gañadoras e gañadores dos concursos da ANPA

    Hoxe celebrouse no noso centro a entrega de premios aos gañadores e gañadoras do III Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu" e do Concurso de Deseño de Logotipos “Deseña a túa ANPA”. Nesta ocasión foi Iván Novas, representante da ANPA, o encargado de facer entrega ao noso alumnado dos distintos agasallos
   

    Pedro Costas, Sara Soliño, Gael Calviño e Ana Rosales, autores e autoras das mellores imaxes, recibiron un diploma e unha ampliación en soporte ríxido das súas fotografías. Ademais, todo o alumnado participante foi obsequiado cun VALE para realizar un Curso de Iniciación á Fotografía, que será impartido no noso centro por unha fotógrafa profesional.


     En canto ao Concurso de Deseño de Logotipos, o alumno gañador foi Gael Calviño Comedeiro de 1º ESO, que fixo un deseño lineal xogando coas formas das letras e as illas Ons e Onza. O premio recibido foi un VALE por un reloxo da marca Mark Maddox, da xoiería Artegalia de Bueu.

     
     Noraboa a todos e todas e moitas grazas por participar.

04/02/20

Entrega de premios certames ANPA


   A pasada semana, o xurado do III Certame de Fotografía Obxectivo Bueu e do Concurso de Deseño de Logotipos Deseña a túa ANPA, formado por membros da Biblioteca, do Equipo de Dinamización da Lingua e da ANPA, decidiu os gañadores e gañadoras destas dúas propostas creativas. 
  

    A entrega de premios terá lugar o venres día 7 de febreiro ás 11:30 horas na entrada do noso centro. O/A autor/a do logotipo gañador será premiadocun reloxo Mark Maddox, da xoiería Artegalia de Bueu, establecemento adherido á ANPA. Os autores e autoras das mellores fotografías recibirán un diploma pola súa participación e serán premiados cunha ampliación das imaxes seleccionadas e cunha sorpresa que revelaremos ese mesmo día.