Foto biblioteca

Foto biblioteca

21/2/17

24 de febreiro #RosalíaTe

 

     Para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, a Biblioteca do IES Illa de Ons e o Equipo de Dinamización Lingüística sumáronse á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para os centros de ensino galegos. A actividade consistiu na gravación dun "reto do manequín" no que participou o alumnado de 1º e 3º ESO, posando en parellas de titores/as e titorandos TEI (titoría entre iguais). Tamén o profesorado e o persoal non docente colaboraron nesta iniciativa, así como as voluntarias da biblioteca de 2º e 4º ESO que deseñaron as poses e o percorrido da gravación. A voz que escoitamos no vídeo é de Ana Vilas, alumna de 4º ESO.

     Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!
    

10/2/17

BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS

     http://leer.es/image/journal/article?img_id=453895&t=1418118854100
    O IES Illa de Ons adheriuse recentemente á iniciativa “Voluntariado na biblioteca escolar” dentro do programa de BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS.
     Un total de trinta alumnos e alumnas apuntáronse a esta proposta de colaboración coa biblioteca do centro. Este alumnado, unha vez rematado o curso, e sempre que teñan realizado un mínimo de 15 horas de traballo voluntario na biblioteca, recibirán un diploma acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
     
     Polo momento o alumnado está a aprender a facer empréstitos e devolucións co Proxecto Meiga, a organizar os fondos e a etiquetar exemplares. Tamén están a colaborar coa planificación dun "Mannequin Challenge" para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.


 

8/2/17

Concurso de cartas e poesías "Dillo en galego"

     Para celebrar o día 14 de febreiro, os equipos da Biblioteca e de Dinamización Lingüística convocan o concurso "Dillo en galego". O alumnado interesado en participar poderá presentar cartas e poesías de amor ou amizade escritas en galego. Os traballos deberán incluír o nome e apelidos do autor/a e deberán depositarse en sobre pechado no "buzón do amor", situado na entrada do instituto, antes das 12:00 h. do martes 14 de febreiro.


     Nesta mesma data proxectarase na pantalla da entrada do noso centro a curtametraxe animada Paperman, a historia dun home que tenta conquistar á rapaza dos seus soños utilizando a imaxinación e uns papeis.
     Paperman, producida por Walt Disney Animation Studios e dirixida por John Kahrs, foi gañadora dun Óscar no ano 2012.