Foto biblioteca

Foto biblioteca

30/6/17

Lecturas recomendadas para o verán


   
     Lecturas recomendadas do Departamento de Lingua e Literatura Castelá do IES Illa de Ons para o alumnado da ESO:
o   Los mejores relatos fantasmagóricos (Antología), Juan José Plans (Editor), M.R. JAMES, RUDYARD KIPLING, J. SHERIDAN LE FANU, CHARLES DICKENS, GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER, OSCAR WILDE, AMBROSE BIERCE,  Edit. Alfaguara, Serie Roja.
o   La bruja de abril y otros cuentos, RAY BRADBURY, Edit. SM.
o   Relatos de fantasmas, STEVEN ZORN, Editorial Vicens Vives, colección Cucaña.
o    El ojo de cristal, Charlie saldrá esta noche, CORNELL WOOLRICH, Edit. Vicens  Vives.
o   El cementerio de los ingleses, JOSÉ MARÍA MENDIOLA,  Edit. Edebé.
o   Las lágrimas de Shiva, CÉSAR MALLORQUÍ,  Edit. Edebé.
o   Los espejos venecianos, JOAN MANUEL GISBERT, Edit. Edelvives.
o   Los perros de agosto,  ALEXIS RAVELO,  Edit. Anaya.
o   La canción de Shao Li,  MARISOL ORTIZ,  Edit. Bambú.
o   El retrato de Carlota. ANA ALCOLEA. Edit, Anaya.
o   Trece minutos después de la medianoche, JO PESTUM,  Edit. Bruño.
o   Cuatro corazones con freno y marcha atrás, ENRIQUE JARDIEL PONCELA, Edit. Vicens Vives.
o   Oliver Twist, CHARLES DIKENS,Vicens Vives.
o   Las piernas de Amandú, L: MANTILLA, Edit. Anaya.
o   El secreto del hombre muerto, JOAN MANUEL GISBERT, Edit. Santillana.
o   Otra vuelta de tuerca, H. JAMES, Edit. Anaya.
o   El príncipe de la niebla, RUIZ ZAFÓN, Edit. Debolsillo.
o   El niño del pijama de rayas, JOBH BOYLE, Edit. Salamandra.
o   La isla del tesoro, ROBERT LOVIS STEVENSON, Edit.  Austral.
o   Los imaginarios, A. F. HARROLD,  Edit. Juvenil.
o   Jatakas, seis cuentos budistas, MARTA MILLÁ, Edit. Fragmenta.
o   El centinela del jardín, FRANCO VACCARINI, Edit, Edelvives.
o   La niña momia y otros cuentos, MARIO MÉNDEZ, Edit. Crecer creando.
o   El loco de Praga, LUCÍA LARAGIONE, Edit. Alfaguara Juvenil.
o   La leyenda del rey errante, LAURA GALLEGO, Edit. SM.
o   La ratonera, AGATHA CHRISTIE, Edit. Vicens Vives.
o   Bola de sebo y otros cuentos, GUY MAUPASSANT, Edit. Vivens Vicens.

CÓMIC
o   Café Budapest, ALFONSO ZAPICO, Edit. Astiberri Ediciones.
o   Contrato con Dios. La vida en la Avenida Dropsie, WILL EISNER, Edit. SA. Norma Editorial.

22/6/17

Novos Cinemas

 
     O festival Novos Cinemas, que se celebrará en Pontevedra entre o 27 de xuño e o 2 de xullo, contará con 40 filmes e unha nova sección competitiva.  Esta segunda edición dedicaralle unha retrospectiva ao director Matías Piñeiro, referente do novo cinema arxentino e autor de obras como A princesa de Francia, que ofrecerá o seminario 36 leccións de cinema.
     O público familiar poderá gozar da proxección de A vida da Cabaciña nunha sesión concibida para todos os públicos. Este filme de animación perfílase como un dos máis exitosos do último ano tras pasar polos “Premios Oscar,” os “Globos de Oro”, e ser premiada nos festivais de Annecy e San Sebastián. Ademais, o festival contará de novo coa presenza de Otto Roca e Diego Calvín no obradoiro “Luz · Tempo · Sol”, para que os máis pequenos da casa coñezan os limiares da fotosensibilidade no interior dunha cámara escura creada a escala humana.

21/6/17

Revista Umbrela nº 22


    A pasada semana distribuímos na nosa comunidade educativa o número 22 de Umbrela, a revista que anualmente imprime o noso centro e que inclúe, ademais das actividades organizadas polos distintos departamentos, crónicas, relatos e poesías escritas polo noso alumnado.

    Na barra lateral deste blog pódese acceder a esta e aos números publicados en cursos anteriores.

9/6/17

IES Illa de Ons, a fábrica de chocolate...

     Hoxe visitaron o IES Illa de Ons os alumnos e alumnas dos centros de primaria de Bueu que o próximo curso estarán matriculados no noso centro en 1º ESO.

     Para recibilos organizamos unha xornada con referencias ao libro de Roald Dahl "Charlie e a fábrica de chocolate", que forma parte das actividades conmemorativas polo centenario do nacemento do autor e que xa adiantamos hai uns días nunha publicación neste blog.

     Á súa chegada puideron ver unha exposición con lamberetadas de todo tipo, elaboradas polo alumnado de 1º e 3º ESO con papeis, cartón, cola... As piruletas, os bastóns de caramelo, os xeados, as tartas multicolores e todas as variedades de doces da nosa particular fábrica tiñan moi boa pinta! Que mágoa non poder comelos...



    
   Os alumnos e alumnas de 1º ESO Iris, Alejandro, Diana e Álex, exerceron de guías durante a xornada e, tras ver a exposición, acompañaron aos nosos invitados e ás súas profesoras ata o salón de actos.


     Alí, algúns alumnos e alumnas explicaron dun xeito especial aos rapaces de primaria, as distintas instalacións do centro que ían poder visitar. Tiñan preparadas unhas rimas-adiviñas inspiradas polos Oompa Loompa (traballadores da fábrica de Willy Wonka) con pistas das aulas e dos profesores que coñecerán o vindeiro curso. 


     Estas rimas, elaboradas polo alumnado de 1º ESO na clase de Lingua Castelá e posteriormente traducidas, forman parte do grupo de actividades realizadas no proxecto de Aprendizaxe Cooperativa que este curso desenvolvemos no noso centro. Coas rimas e cuns "cadáveres exquisitos" baseados tamén na obra de Roald Dahl e realizados na materia de Educación Plástica, elaboramos uns cuadrípticos que foron repartidos entre o alumnado e profesorado de primaria.

    
      Tras esta primeira introdución, e despois dunha serie de aclaracións sobre distintos aspectos da Educación Secundaria, repartíronse entre os convidados uns billetes dourados personalizados (os "Golden Ticket" das tabletas de chocolate de Willy Wonka) para poder degustar un delicioso chocolate quente con biscoitos.


     Despois do recreo tivo lugar o percorrido polas distintas instalacións do centro cos nosos marabillosos guías e, a continuación, unha serie de xogos populares no patio do instituto co alumnado de 2º ESO.

     A xornada non rematou aquí, ao finalizar o horario lectivo o alumnado de 6º de Primaria e de 1º ESO xunto con algúns profesore/as subiron ata Chans, onde xantaron. Despois da comida comezou unha andaina polos montes do Morrazo, o Monte Paralaia e Ermelo que rematou, a última hora da tarde, no instituto. Ao chegar, duchas, pixama, cea e a durmir. Ou non...

4/6/17

Encontro Internacional de Contadores de Historias

     Os días 8, 9, 10 e 11 de xuño de 2017 terá lugar en Pontevedra “Sete Falares” o Encontro Internacional de Contadores de Historias que, como cada primavera, volve para encher de narración oral a cidade.
     

     Agasallarannos coas súas historias contadores e narradoras de Uruguai, Portugal e Galiza. Serán catro intensos días coa oralidade e a forza das palabras como absolutas protagonistas.

     Nos Sete Falares haberá dúos de narradores, rutas de historias e sesións de contos en espazos singulares da cidade de Pontevedra. O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), a Casa das Campás, o Teatro Principal, as Ruínas de San Domingos ou o emblemático adro da Peregrina, serán algúns deles.

     O encontro promete ser toda unha festa da narración oral. Está orientado principalmente a público adulto, aínda que tamén teremos sesións dirixidas a público familiar. Toda a programación é de balde, a excepción da gala de clausura.
   

1/6/17

Levamos a escola ao cine

     Case sempre levamos o cine á escola, pero o martes pasado decidimos levar a escola ao cine. E fomos ver algo que non poderiamos contemplar nin nos cines comerciais nin na televisión. As mellores creacións dos directores de curtametraxes que participan no FICBUEU.



O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu nace en 2008 coma un espazo de difusión da cultura cinematográfica en formato curto, para abrir unha fiestra cara ese cinema local e internacional de calidade acotío vetado ao gran público.

Manuel Pena, o director do FICBUEU, tivo a amabilidade de facernos unha selección de curtas coas que desfrutamos contemplando, votando e comentando. Dende aquí o noso agradecemento por iniciativas tan interesantes e por permitirnos gozar das mesmas.

Imos dar os títulos das curtas por se alguén intenta velas:

Madam Black de Ivan Barge
Suspendu de Elie Grappe
Love Is Blind de Dan Hodgson
Penny Dreadful de Shane Atkinson
Meu Amigo Nietzsche de Fauston Da Silva

E a gañadora do noso público foi Penny Dreadful de Shane Atkinson.


Esperamos ansiosos a que en setembro abran as portas do festival para ver o que non se pode ver nas salas comerciais. Grazas por este regalo anual.

26/5/17

O IES ILLA DE ONS HOMENAXEA A ROALD DAHL

         No ano 2016 o magnífico escritor galés Roald Dahl tería cumprido cen anos. Nos cursos de 1º e 2º da ESO, na materia de Lingua Castelá e Literatura, celebramos este nacemento lendo dúas das súas obras: Charlie y la fábrica de chocolate (1º) e Boy (Relatos de infancia). Ambos os dous textos exemplifican á perfección a desbordante imaxinación do seu autor e tamén o seu singular humor, ingredientes estes que Dahl mestura maxistralmente coa materia prima que lle proporciona unha vida intensa, chea de acontecementos arriscados e extraordinarios.

        
      Como homenaxe ao escritor, Teresa Camila Bernárdez López (2ºA) recolle o guante que lanza Roal Dahld en Boy (relatos de infancia) e escribe un texto xenial e comprometido que de seguro, de poder lelo, celebraría o autor galés.
       Grazas Teresa por amosarnos como a conexión escritor – lectora – escritora compón unha suxestiva cadea que garante unha longa vida á literatura, aos soños e ás historias!
         Aquí tendes o magnífico diálogo textual entre Dahl e Teresa, unha deliciosa peza tocada a dúas mans.
         "Nestas andaba Roald cando neno na hora de estudo en St. Peter’s :
O desastre véuseme enriba cando, atolondradamente, ao ir mollar a pluma craveina sen querer na madeira do pupitre. A pluma rompeuse. Sabía eu que non tiña ningunha de reposto no peto, pero a ruptura dunha pluma non se aceptaba como escusa para non rematar os deberes. Nos puxeran como tarefa un exercicio de redacción co tema “Historia da vida dun penique” (aínda conservo ese traballo nos meus arquivos). Saírame un comezo bastante decente, e estaba escribindo xa de corrido cando se me rompeu a pluma. Quedaba aínda media hora e non podía estarme sen facer nada todo ese tempo. Tampouco podía levantar a man e dicirlle ao capitán Hardcastle que se me rompera a pluma. Sinxelamente non me atrevía. E ademais desexaba de veras rematar a redacción. Sabía exactamente o que lle ía ocorrer ao meu penique nas dúas páxinas seguintes non podía soportar a idea de deixarmo no tinteiro." 
“Historia da vida dun céntimo”
            A miúdo lembro a grande viaxe que foi a miña vida e todo o que teño feito ao longo destes sete anos que levo formando parte do mundo. Sempre me sentín insignificante por seres unha moeda de dous céntimos. O meu aspecto é pouco atractivo: pequena, cor de bronce escuro. Non teño nada que facer diante das moedas de dez, vinte ou cincuenta céntimos. Palabras maiores son as de un ou dous euros...
Lembro que ás veces tiven medo de que me fixeran un buraco como ás pesetas para formar parte dun colar ou acabar abandonado debaixo de calquera moble da casa. Pero, ata o de agora, tiven sorte. Incluso tamén cando nunha ocasión acabei dentro dunha lavadora. Non parei de dar voltas, pero quedei limpo e relucente. Daquela, aínda que eu non me vin, souben que o resto das moedas me miraba con envexa, notábao. Tamén teño formado parte da esmola dun sen teito ou das moedas dunha peixeira, coas mans aínda molladas da auga do peixe. Se entón puidese vomitar, teríao feito. A experiencia no Casino, pola contra, foi trepidante, indo de mesa en mesa...
            Mais nunca na miña vida me teño sentido tan importante como desde que estou aquí, na Fontana de Trevi, cumprindo cun desexo moi especial. A persoa que me botou a esta fonte non o fixo porque pensara que eu son insignificante. Todo o contrario. Estou aquí porque son unha das primeiras moedas que conseguiu ao chegar a terra despois de cruzar o Mar Mediterráneo nunha pateira. Si. Coma eu fixera na lavadora, tamén ela deu voltas e voltas e sentiu as miradas dos outros ao saír do mar. Mais non por envexa. Ela era pequena e insignificante, de cor bronce. Tivo medo de que lle fixeran un buraco, de quedar esquecida para sempre. Por iso eu son mais que un desexo, son tamén un agradecemento por non estar baixo a auga sen poder saír, xunto a outras moitísimas moedas. Certamente síntome orgullosa por cumprir este desexo. Sen dúbida, o meu é un bo final.
 

http://media-cache-ec0.pinimg.com/736x/cf/9f/ef/cf9fefeeb0801d5954c73dc715c3995c.jpg

Pois se Dahl espertou a inspiración dos lectores de 2º da ESO, en 1º da ESO A e B os inquedos e bromistas Oompa Loompa alimentaron o furor poético dos nosos alumnos que, dentro do proxecto de aprendizaxe cooperativa, se arrincaron a compoñer uns poemas-adiviña cos que presentar o noso centro. Un Instituto que, neste final de curso, vai experimentar unha doce transformación cando nos visiten os rapaces dos coles da contorna. Se queredes saber cal é a sorpresa, preguntádelle aos protagonistas que aconteceu no IES Illa de Ons despois do día 9 de xuño....

            Despois de saborear estes bocadiños, se vos apetece seguir disfrutando da obra de Dahl, na Biblioteca do noso IES contamos con algúns dos seus títulos en inglés, galego e castelán. Aquí tendes a relación:
  • Boy (relatos de infancia)
  • Matilda
  • Voando só
  • Charlie e a fábrica de chocolate
  • Charlie e o grande ascensor de cristal
  • Dany, o campión do mundo
  • As bruxas
  • Iago e o pexego xigante
  • The Swan and the Hitch-Hiker
  • A xirafa, o pelicano e o mono
  • Relatos arrepiantes de Roald Dahl

17/5/17

Regueifando nas Letras Galegas

     As  concellarías de Cultura e Normalización Lingüística dos concello de Bueu, Moaña e Cangas convocaron este ano, con motivo da celebración das Letras Galegas, o Certame de Poesía Improvisada "Regueifando no Morrazo".


     Os alumnos e alumnas de 2º da ESO e de 3º ESO B do noso centro participaron nunha sesión de traballo impartida polos mestres regueifeiros Luís O Caruncho e Pinto D´Herbón.  Nunha segunda sesión deste obradoiro foron seleccionados dez finalistas para participar na batalla final, que tivo lugar o pasado 3 de maio no Auditorio de Cangas, cos escollidos dos distintos centros de secundaria do Morrazo.


Noraboa a todos os participantes pola vosa valentía!
Lume!!! 

11/5/17

7/5/17

BIBLIOPATIO


Aproveitando a boa temperatura de comezos do mes de maio, o voluntariado da biblioteca puxo a funcionar a BIBLIOPATIO: unha pequena biblioteca móbil cunha selección de libros, revistas, cómics, xogos e pasatempos, para que o alumnado e o profesorado que o desexe poida gozar da biblioteca ao aire libre. 


Os usuarios poden facer suxestións e solicitar títulos concretos dos fondos da biblioteca para telos dispoñibles neste tempo de lecer.

6/5/17

Contacontos

     O día 5 de maio algunhas alumnas de 1º e 2º da ESO do noso centro, foron contarlle varios contos aos nenos e nenas de cinco anos do centro infantil “A Pedra” de Bueu.
Laura Bernués de 2º B: “A princesa do Caurel”
Sara Soliño de 1º A: “A galiña roxa”
Antía Novas de 1º A: “Rato Tom e Rata Tomasa”
Jennifer Freire de 2º A: “Garavanciño”



23/4/17

23 de abril, Día do Libro.

Pensas que un libro pode cambiar unha vida?


      Os Fantásticos Libros Voadores do Sr. Morris Lessmore, curtametraxe dirixida polo autor e ilustrador William Joyce e o seu co-director Brandon Oldenburg, é unha entretida historia das persoas que dedican a súa vida aos libros e a quen os libros lles devolven o favor, unha alegoría sobre os poderes curativos dunha boa lectura. A historia vira en torno ao amor polos libros, a súa capacidade para iluminar as nosas vidas e o marabilloso que é mergullarse na lectura. 
 
     Esta curtametraxe resultou gañadora do premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos galardóns dos Óscar da 84th Academy Awards.

7/4/17

Entrevista a Fernando Lalana

     O pasado 29 de marzo visitou o noso centro o escritor Fernando Lalana, autor de máis dun centenar de libros publicados coas principais editoriais españolas do sector infantil e xuvenil.
     Os alumnos e alumnas de 3º ESO do Club de Lectura Ons, a illa do tesouro, que leron recentemente a novela La Tuneladora, fixéronlle unha interesante entrevista centrada na súa obra e na súa vida como escritor. 
     A charla, organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Castelá, foi presentada por Daniel Rúa, alumno de 1º ESO e voluntario da Biblioteca Escolar e José Luís Paz, alumno de 3º ESO e membro do Club de Lectura. 



1/4/17

Maruja Mallo en Bueu

     https://2.bp.blogspot.com/-NY9Vq8IoytU/WPXR7rw2wjI/AAAAAAAADCE/r9dmJsxxEO4KZDGwwn4K9BqGWqlomrv2wCLcB/s400/carlos%2Bbern%25C3%25A1rdez%2Barquitectura%2Bhumana.png
     
     A Deputación de Pontevedra celebra hoxe en Beluso o Día das Artes Galegas, dedicada este ano á pintora Maruja Mallo. A artista estivo na parroquia de Bueu en xullo de 1936 e durante esta estancia realizou unha serie de traballos que hoxe se coñecen como "Caderno de Bueu". 
     O acto celebrarase na Casa do Pobo e contará con dúas partes diferenciadas: unha dirixida a todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos, un contacontos do grupo Polo Correo do Vento,  e outra de carácter institucional. Enrique Mauricio e Carlos Taboada, compoñentes do grupo Polo Correo do Vento, escenificarán a través do debuxo e a palabra a traxectoria da artista e os fitos máis significativos da súa vida. Ambos ademais son autores do libro infantil Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, no que se baseará o contacontos.


     O pasado 8 de marzo, para celebrar o Día Internacional da Muller, o Concello de Bueu tamén organizou un acto homenaxeando á artista galega que incluíu unha conferencia impartida por Carlos Bernárdez, historiador da arte e autor do libro Maruja Mallo. A pintura da nova muller.  

     Nunha entrevista concedida ao Faro de Vigo, o autor fala da presenza de Maruja Mallo en Bueu e na praia de Beluso:
Ela estivo en Bueu no verán de 1936, xusto co inicio do golpe militar que derivaría na Guerra Civil. Foi algo moi traumático para ela. A relación con Bueu foi breve, pero ten un significado moi especial na súa obra. Ela veu acompañada do sindicalista Alberto Fernández "Mesquita". Nesa estancia realiza un traballo moi interesante, cunha serie de debuxos nun caderno que hoxe en día se conserva e que se chama "Caderno de Bueu". Eses debuxos van servir de modelo para un novo tipo de pintura que vai realizar a partir do seu exilio en Arxentina, a principios de 1937. A súa obra posterior, nun primeiro ciclo de pinturas, está relacionada con ese caderno, con arquetipos femininos moi vinculados a elementos de traballo como a pesca e oficios. Son representacións iconográficas de mulleres moi potentes. Algúns deses debuxos inclúen a súa datación en Bueu e Beluso, co que sabemos que hai algúns que son posteriores ao 18 de xullo. Despois do golpe ela refúxiase na casa dos seus tíos, en Lavadores (Vigo), e continúa facendo algúns debuxos. Máis tarde, cando xa está en Arxentina vai deixar testemuño da represión nunha serie de artigos publicado na Vangarda en agosto de 1938, con referencias explícitas a Bueu [ a artista cita a Johán Carballeira; ao sindicalista e carpinteiro de Beluso José da Torre, que foi o primeiro represaliado; e a Didio Riobó, propietario da illa de Ons e que segundo a artista foi "perseguido como masón, aforcouse na illa da que era propietario; non puido soportar o derrame de tanto sangue, a veloz desaparición de tantas vítimas. Deixou sete cartas escritas aos verdugos de Bueu"].

27/3/17

Visita do escritor Fernando Lalana

     O mércores 29 de marzo recibiremos no noso centro ao escritor de literatura infantil e xuvenil Fernando Lalana. O alumnado de 3º ESO que forma parte do Club de Lectura Ons, a Illa do Tesouro,  estivo a ler durante este mes a obra La Tuneladora, e será o encargado de entrevistar a Lalana, que fará unha exposición do seu traballo.


25/3/17

SarabelaTeatro e Salón do Libro

     O pasado venres, unha parte do alumnado do IES Illa de Ons desprazouse ata Pontevedra para ver a obra "Normas para saber vivir na sociedade actual", de Sarabela Teatro, e o VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil.


No seguinte vídeo podedes ver un resumo desta xornada:

22/3/17

XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

     O venres 24 de marzo visitaremos, cos alumnos e alumnas de 1º ESO e o alumnado de 4º ESO matriculado na materia de Artes Escénicas, o XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano leva por lema "O mundo que queremos". A organización do Salón quixo tratar este ano temas como o coidado do medio ambiente, a saúde, a integración e a igualdade. Todas esas accións que podemos levar a cabo a diario, aportando o mellor de nós mesmos e dos nosos coñecementos na medida que formamos parte da sociedade na que vivimos, son as que busca "O mundo que queremos". 
     Aproveitando esta saída, e no mesmo Pazo da Cultura de Pontevedra, veremos a obra de teatro "Normas para saber vivir na sociedade actual" de Sarabela Teatro.

21/3/17

Son de poetas

     Hoxe, Día da Poesía, deixámosvos unha ligazón ao blog Son de poetas, unha Antoloxía da poesía galega musicada elaborada polo Departamento de Lingua galega e Literatura e o Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña.
 
     Poemas de Curros, Pondal, Rosalía, Celso Emilio, Lorca, Ana Romaní, Lois Pereiro, Manuel María ou Neira Vilas entre outros, son interpretados por músicos como Berrogüetto, Carlos Núñez, Nao, Cristina Pato, Milladoiro...

http://sondepoetas.blogspot.com.es/

7/3/17

Muller e Poesía

     Co fin de celebrar dous días de grande importancia deste mes: o Día da Muller (8 de marzo) e o Día da Poesía (21 de marzo), a Biblioteca do IES Illa de Ons en colaboración co Departamento de Música gravou na xornada de hoxe un vídeo poema. A obra escollida nesta ocasión para ser recitada foi Días, incluída no libro Pel de muller, da escritora buenense Asun Estévez.
     Deste xeito a Biblioteca do noso centro quere tamén colaborar co proxecto "3, 2, 1... POESÍA!" proposto pola Biblioteca do CEIP Montemogos (Bueu) para conmemorar o Día da Poesía.
     

     Ana Vilas, María Simone, Antía Piñeiro, Aarón Fandiño, Paula Pena, Rebeca Fernández, Mila Estévez e Malena Ogando, acompañadas por Teté á guitarra, fixeron unha lectura compartida do poema. Colaboraron tamén na gravación as alumnas Lara Parada e María Villanueva.

21/2/17

24 de febreiro #RosalíaTe

 

     Para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, a Biblioteca do IES Illa de Ons e o Equipo de Dinamización Lingüística sumáronse á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para os centros de ensino galegos. A actividade consistiu na gravación dun "reto do manequín" no que participou o alumnado de 1º e 3º ESO, posando en parellas de titores/as e titorandos TEI (titoría entre iguais). Tamén o profesorado e o persoal non docente colaboraron nesta iniciativa, así como as voluntarias da biblioteca de 2º e 4º ESO que deseñaron as poses e o percorrido da gravación. A voz que escoitamos no vídeo é de Ana Vilas, alumna de 4º ESO.

     Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!
    

10/2/17

BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS

     http://leer.es/image/journal/article?img_id=453895&t=1418118854100
    O IES Illa de Ons adheriuse recentemente á iniciativa “Voluntariado na biblioteca escolar” dentro do programa de BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS.
     Un total de trinta alumnos e alumnas apuntáronse a esta proposta de colaboración coa biblioteca do centro. Este alumnado, unha vez rematado o curso, e sempre que teñan realizado un mínimo de 15 horas de traballo voluntario na biblioteca, recibirán un diploma acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
     
     Polo momento o alumnado está a aprender a facer empréstitos e devolucións co Proxecto Meiga, a organizar os fondos e a etiquetar exemplares. Tamén están a colaborar coa planificación dun "Mannequin Challenge" para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.


 

8/2/17

Concurso de cartas e poesías "Dillo en galego"

     Para celebrar o día 14 de febreiro, os equipos da Biblioteca e de Dinamización Lingüística convocan o concurso "Dillo en galego". O alumnado interesado en participar poderá presentar cartas e poesías de amor ou amizade escritas en galego. Os traballos deberán incluír o nome e apelidos do autor/a e deberán depositarse en sobre pechado no "buzón do amor", situado na entrada do instituto, antes das 12:00 h. do martes 14 de febreiro.


     Nesta mesma data proxectarase na pantalla da entrada do noso centro a curtametraxe animada Paperman, a historia dun home que tenta conquistar á rapaza dos seus soños utilizando a imaxinación e uns papeis.
     Paperman, producida por Walt Disney Animation Studios e dirixida por John Kahrs, foi gañadora dun Óscar no ano 2012.

    

30/1/17

Buzón de suxestións

     Estreamos buzón na biblioteca!

      Se tes propostas que facer ou opinións que aportar sobre a biblioteca e o seu funcionamento, podes utilizar o novo buzón situado na entrada.
     Queres saber como está feito? Na seguinte composición de imaxes podes ver o proceso de elaboración.

     Se queres facer un igual só necesitas unha caixa de cartón, pegamento termofusible, papel de alumnio e betún.
  1. Fai debuxos de liña sobre o cartón.
  2. Coa pistola de pegamento termofusible aplica sobre as liñas o produto (ollo co pulso!). Se non tes este tipo de material podes utilizar no seu lugar cola branca con aplicador.
  3. Deixa secar ben ata que endureza.
  4. Aplica cola branca (ou pegamento de barra) sobre toda a superficie.
  5. Coloca enriba o papel de aluminio e fai presión cun algodón por toda a superficie, pegando ben o papel de forma que envolva todos os volumes elaborados.
  6. Cunha esponxiña aplica o betún e deixa que seque uns minutos.
  7. Cun trapo vello limpa suavemente a superficie para eliminar o exceso de betún do altorrelevo, de xeito que as partes altas queden máis limpas (e deixen ver mellor o papel de aluminio) e as partes máis baixas e os contornos das liñas queden máis escuras.

11/1/17

Códigos QR

     Para facilitar o acceso da comunidade educativa a distintos sitios web da nosa biblioteca, elaboramos os seguintes códigos QR que serán distribuídos por distintas aulas e zonas do noso centro. Ademais a biblioteca contará con marcapáxinas con este deseño para o alumnado e as familias que o soliciten.