Nesta semana de celebración das Letras Galegas, o departamento de Música do noso centro organizou un obradoiro impartido polo artista Mondra, que conseguiu achegar o folclore galego á rapazada dunha maneira dinámica e divertida.
Foto biblioteca
23/05/26
16/05/26
Letras Galegas 26
Un ano máis celebramos as Letras Galegas no IES Illa de Ons cunha serie de actividades arredor da figura homenaxeada, nesta ocasión a xornalista e escritora Begoña Caamaño.
Na entrada do centro organizouse unha exposición cos carteis gañadores no certame anual proposto pola Xunta, elaborados polo alumnado do IES Castelao de Vigo, e rodeados este ano de certa polémica polo que os autores consideran un acto de censura nun dos seus carteis por parte da Secretaría Xeral da Lingua. “De Circe a Morgana” é unha mostra que nos achega á vida, á obra e ao contexto histórico e cultural da escritora e xornalista galega. A exposición complétase coa guía didáctica sobre a autora, tamén elaborada por este centro educativo, que serve de apoio para coñecer mellor o legado de Begoña Caamaño.
Ademais, a biblioteca ampliou os seus fondos con dúas publicacións arredor da autora: Begoña ou o pracer da amizade, de Beatriz Maceda, e Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto, dúas lecturas moi recomendables para afondar tanto na súa traxectoria literaria como na súa dimensión humana.
Por outra banda, as “Pingas Musicais” desta semana para os intercambios de clase tiveron un marcado selo galego. Ao longo destes días soaron artistas como Dios Ke Te Crew, Ses, García MC ou Mondra, achegando ao alumnado diferentes estilos e voces da música actual en galego.
E precisamente falando de Mondra, temos a sorte de contar coa súa presenza no noso centro a vindeira semana nunha actividade organizada para gozar da música, da creación contemporánea e da lingua galega en directo. Estamos desexando que chegue o día!
07/05/26
Miserábeis na MOTESMO
O noso centro participou o pasado martes na MOTESMO (Mostra de Teatro no Ensino Secundario do Morrazo) coa obra Miserábeis. O Musical, unha montaxe que emocionou ao público grazas ao compromiso, á entrega e ao enorme traballo realizado tanto polo alumnado coma polo persoal docente e non docente implicado no proxecto.
Esta adaptación da obra de Víctor Hugo, que xa foi representada anteriormente en escenarios de Cangas, Bueu e Pontevedra, consolídase como unha proposta artística e educativa de grande impacto e constitúe unha firme aposta pola educación en igualdade mediante unha aprendizaxe cooperativa e interdisciplinar. Ao longo da representación trátanse cuestións como as liberdades, as desigualdades sociais, a coraxe, a revolución ou a defensa dos dereitos das mulleres.
Desde o IES Illa de Ons queremos felicitar a todas as persoas que formaron parte desta experiencia e agradecer a excelente acollida do público. A participación na Motesmo supón unha oportunidade para compartir cultura, crear comunidade e seguir demostrando o grande potencial educativo e humano do teatro.




