Foto biblioteca

Foto biblioteca

11/12/19

Proposta de concursos en colaboración coa ANPA

     Un ano máis a Biblioteca do noso centro, en colaboración coa ANPA, promoverá varios concursos dirixidos ao alumnado do IES Illa de Ons.

     Aproveitando que en breve chegan as vacacións e teremos moito tempo libre para pasear, pensar,  idear e crear, propoñémosvos a participación nos dous primeiros concursos, un de fotografía (dirixido a todo o alumnado do IES Illa de Ons) e outro de deseño de logotipos (dirixido ao alumnado socio da ANPA).

     A continuación podedes ver os carteis promocionais e consultar as bases dos dous concursos.

       Animádevos a participar!




25/11/19

Guías de lectura e música

       Un ano máis a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo elaborou unhas guías con recomendacións de lectura e música en galego. Esta semana repartimos entre o noso alumnado as guías específicas para secundaria, pero se ademais queredes ideas para agasallar aos máis pequenos neste nadal aí van tamén as guías de primaria e infantil.

Ilustración da portada: Esteban de Tarabelos 

22/11/19

#NonViolenciaDeXénero

     Co motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o IES Illa de Ons organizou unha campaña de concienciación mediante a difusión dunha serie de carteis por distintos establecementos de Bueu e a montaxe dunha exposición na sala Amalia Domínguez Búa, en colaboración co CIM e o Concello de Bueu. A exposición permanecerá aberta ata o día 2 de decembro de 16:30 h a 20:30 h de luns a venres e os sábados e domingos abrirá tamén en horario de mañá, de 11:30 h a 13:30 h.


  Tomando como referencia a campaña de prevención do consumo de alcohol en menores #MenoresSinAlcohol que levou a cabo o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social no ano 2017, o alumnado do IES Illa de Ons creou diferentes mensaxes que inciden na reflexión contra as distintas formas de violencia machista presentes na nosa sociedade.

     Alumnos e alumnas de 1º e 4º da ESO participaron na construción das distintas mensaxes a partir dun debate guiado polas profesoras da materia de Igualdade de Xénero, arredor dos estereotipos e tipos de violencias detectados en diversos eidos da súa vida cotiá. No novo espazo audiovisual da biblioteca crearon, coa orientación da profesora de Educación Plástica e Visual, as escenas e retratos empregados para os carteis, usando como modelos aos seus propios compañeiros e compañeiras, así como a alumnado doutros cursos e profesores e profesoras do centro educativo.

     Este proxecto pretende cuestionar, á súa vez, o uso da violencia contra as mulleres na industria da publicidade a través da recreación de diferentes anuncios de marcas comerciais que tentan dulcificar ou recubrir de contido sexual(izado) imaxes que amosan violencia de xénero. Con lemas como #PublicidadeSexista ou #PublicidadeSenViolencia, o alumnado recreou diferentes posados e montaxes da publicidade actual, para cuestionar o erotismo ou sensualidade con que se revisten as escenas de ameaza e de agresión.

    O obxectivo do proxecto é enviar mensaxes de identificación, rexeitamento e prevención das distintas formas que adopta a violencia machista, sobre todo, nos espazos e formas de socialización da mocidade.

03/11/19

21 días co galego e +

     Durante este curso a Biblioteca participará, xunto co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e outros departamentos do centro, no programa 21 días co galego e +, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova. Os principais obxectivos deste proxecto procurarán:
  • O aumento e perfeccionamento do emprego da lingua galega oral durante 21 días, con desexable continuación no futuro en ámbitos académicos e, sobre todo, extra académicos.
  • A reflexión íntima e persoal da relación que cada un/unha de nós ten co galego dende a súa situación vital concreta e individual.   
  • O estudo sociolingüístico.
  • O achegamento á cultura galega actual.
      O pasado mércores comezamos a nosa andaina nesta aventura cun obradoiro de vídeo no que aprendemos cuestións técnicas e gravamos o noso primeiro vídeo. Deixámosvos cunhas imaxes desta xornada.

31/10/19

Miserábeis recunca en Cangas

     A comunidade educativa do IES Illa de Ons actuou onte por segunda vez no Auditorio de Cangas coa obra Miserábeis. O Musical. Novamente tanto o alumnado coma o persoal docente e non docente, emocionaron ao público co seu traballo que foi galardoado a finais do curso pasado co Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
    Esta adaptación da obra de Víctor Hugo, actualizada desde unha perspectiva feminista, supón unha aposta para educar na igualdade mediante unha aprendizaxe cooperativa e interdisciplinar, na que se tratan as liberdades, as desigualdades sociais, a coraxe, a revolución ou a defensa dos dereitos das mulleres. 

Noraboa a todas e todos unha vez máis!

21/10/19

Colaboracións en proxectos e novidades

Igualdade

   Durante este curso, a Biblioteca e outros departamentos do centro colaborarán en distintas propostas coas profesoras que imparten en 1º ESO a nova materia de libre elección sobre Igualdade. Estas semanas estamos a ampliar esta sección, creada o terceiro trimestre do curso pasado na nosa biblioteca. Algúns dos títulos adquiridos son:

Ciencia e Literatura

     Unha vez máis o noso centro participará na Feira de Ciencia e Literatura que este ano vai pola súa terceira edición. Polo momento estamos a ler as novidades sobre literatura e natureza adquiridas polo club de lectura a comezos deste verán, para decidir a temática a traballar, aínda que o máis probable é que centremos as nosas actividades en textos ornitolóxicos.

13/10/19

Ampliación da biblioteca

     Estas primeiras semanas do curso a biblioteca estivo ampliando o seu espazo. Tiramos grande parte do tabique que separaba a biblioteca da aula anexa e colocamos unha porta de correr, para poder aillar as dúas estancias en caso de necesitalas para a realización de actividades paralelas. 
     O equipo da biblioteca e o voluntariado estivo a trasladar estas semanas parte do depósito e a sección audiovisual a este novo espazo, que funcionará como aula creativa audiovisual, xa que conta cunha parede croma e co material de gravación necesario para realizar este tipo de actividades.


28/09/19

Voluntariado Biblioteca Escolar


     Presentámosvos ao equipo de voluntarios e voluntarias da Biblioteca do IES Illa de Ons para este curso académico. Son oito rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º ESO que desde o primeiro día do curso están mostrando grande interese por colaborar en todo tipo de actividades propostas pola Biblioteca.

     Os novos integrantes están a coñecer os espazos da Biblioteca e o seu funcionamento, e os veteranos, polo momento, están a realizar tarefas de xestión: empréstitos e devolucións, etiquetado, organización de fondos...

    
     Polo momento é un grupo pequeno pero durante o  transcurso deste primeiro trimestre seguramente haberá novas incorporacións. Animamos aos demais alumnos e alumnas do centro a formar parte do voluntariado, xa sabedes... a porta da Biblioteca sempre está aberta!

12/07/19

Curso de fotografía

     A última semana de xuño tivo lugar no noso centro un Curso de Fotografía, o premio outorgado ao alumnado gañador do II Concurso de Fotografía Obxectivo Bueu. Isabel Lemos, fotógrafa do estudio Materia Prima Fotoarte, foi novamente a profesional encargada de impartir este curso de perfeccionamento. As actividades realizadas centráronse en aplicar os coñecementos adquiridos no curso de fotografía do ano pasado para a creación de dúas curtametraxes, elaborados coa técnica de stop motion.
     No mes de setembro organizaremos un acto para facer a entrega dos diplomas deste curso e a proxección das dúas curtametraxes creadas.

01/07/19

Lecturas do club para o verán


     A coordinadora do club adquiriu, a comezos do mes de xuño, unha serie de libros para ler este verán e tantealos como posibles lecturas para os clubs do vindeiro curso. Todos eles tratan diferentes aspectos relacionados co mundo natural que nos rodea.

Cartas a un mozo científico 

Wilson, Edward O.

Edward O. Wilson aconsella aos investigadores presentes e futuros, e comparte a súa sabedoría coas novas xeracións de científicos a través de anécdotas autobiográficas que forxaron a súa carreira como científico.

Os últimos nenos no bosque

Luov, Richard

Acampar no xardín, andar en bicicleta polo bosque, rubir ás árbores, recoller insectos, recoller flores silvestres, correr entre pilas de follas de outono... Estas son as cousas das que están feitos os recordos de infancia. Os últimos nenos no bosque é o primeiro libro que reúne investigacións de vangarda que demostran que a exposición directa á natureza é esencial para un desenvolvemento infantil san: físico, emocional e espiritual.

O sentido do asombro 

Carson, Rachel

"Para manter vivo nun neno o seu innato sentido do asombro, necesítase a compaña de polo menos un adulto con quen poder compartilo, redescubrindo con el a alegría, a expectación e o misterio do mundo en que vivimos".

A banda da tenaza 

Abbey, Edward

Algo que lles indigna, ver o magnífico deserto do Oeste norteamericano desfigurado polas grandes companías industriais. Por iso, os catro rebeldes protagonistas deciden plantarlle cara á "gran máquina" e facer unha persecución de todo aquilo que pretendidamente chaman "civilización" e que non fai outra cousa que subverter "a orde natural" das cousas. Sen dúbida, unha denuncia dos excesos do mundo das corporacións industriais e do consumismo, un canto á natureza e un himno á desobediencia civil.

A historia natural de Selborne 

White, Gilbert

A finais do século XVIII, o cura anglicano Gilbert White, un home tranquilo que dedicou a maior parte do seu tempo para estudar a vida e as conversacións dos animais, publica unha serie de cartas nas que describe o mundo natural que ten ao seu ao redor.

A vida do pastor. A historia dun home, un rabaño e un oficio eterno

Rebanks, James

A vida do pastor é un cautivante relato sobre o oficio da familia Rebanks, pero sobre todo é un libro que fala da tradición, as raíces e o sentimento de pertenza, tan deostado nesta era de innovación e mobilidade constante, onde o cambio permanente parece imprescindible e sempre é benvido.

O clamor dos bosques 

Powers, Richard

Se as árbores puidesen falar, que dirían?
Un xefe de carga das Forzas Aéreas en Vietnam sae disparado polo ceo e sálvase ao caer sobre un baniano. Un artista herda cen anos de retratos fotográficos, todos do mesmo castiñeiro americano maldito. Unha universitaria trouleira electrocútase a finais dos oitenta, morre e regresa á vida grazas a unhas criaturas de aire e luz. Unha científica con problemas de oído e de fala descobre que as árbores comunícanse entre si. Estes catro personaxes e outros cinco descoñecidos máis, todos eles convocados polas árbores de diferentes modos, reúnense nunha última e violenta batalla para salvar os poucos acres de bosque virxe que quedan no continente americano.

Soños árticos 

Lopex, Barry

Unha cegadora paisaxe hostil de xeo que é fogar de millóns de animais e persoas; escenario de migracións masivas por terra, mar e aire; e escenario de épicas viaxes exploratorios. Soños Árticos non só é o relato dunha viaxe inesquecible, onde os perigos e belezas do Ártico danse a man, senón tamén un minucioso exame sobre as xentes, a fauna e a flora que habitan un lugar pouco coñecido aínda.

Alá lonxe e tempo atrás 

W. H. Hudson

Alá lonxe e tempo atrás é un fermoso libro de memorias no que o autor evoca os anos da súa infancia en Arxentina. Páxina a páxina, Hudson conta os seus paseos polas pampas, a vida dos gauchos, os pintorescos personaxes cos que se cruzou, as aventuras vividas entre os animais e as plantas das chairas, o seu amor pola súa nai e a enfermidade que acabou inesperadamente co paraíso perdido da infancia.

30/06/19

Excursión dos clubs de lectura

     O pasado xoves foron de excursión a Ourense os participantes nos clubes de lectura de 1º, 2º e 3º ESO, acompañados polas profesoras Lourdes Garrido e Olalla García.

     A nosa primeira parada foi Celanova. Alí percorremos o conxunto arquitectónico do Mosteiro de San Salvador, facendo breves altos nalgúns dos espazos para recitar versos de Celso Emilio Ferreiro. 

     No mosteiro un guía explicounos con detalle a historia das distintas construcións: os claustros, a igrexa do século XVII (o retablo, o coro baixo, o órgano), a capela San Miguel... Na igrexa descubrimos que a profe Lourdes Garrido, coordinadora dos clubs de lectura, provén dunha familia de artistas, coñecidos como "Os escultores de Parderrubias", e que no seu taller de escultura relixiosa construíron algunhas das pezas que hoxe atopamos na igrexa. Dúas das cousas que  máis nos impresionaron foron a capela mozárabe de San Miguel (declarada monumento nacional en 1923) e a Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, que ten o seu espazo físico na antiga biblioteca dos monxes do  “Claustro do Poleiro”. A biblioteca conta cunha interesante exposición, organizada dentro da campaña Voces de Muller, con escolmas de mulleres célebres en diversos ámbitos (literatura, ciencia, política, artes escénicas...).


     O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a darnos uns chapuzóns no río Arnoia, aínda que moita calor non ía. Algunha tamén aproveitou para botar unha sestiña...


     Para finalizar a nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga fría e quente.

     Para o vindeiro curso repetimos!!!! 

22/06/19

Recital poético. Miriam Ferradáns e Lucía Novas.

     Hai uns días visitaron o noso centro as poetas de Bueu Miriam Ferradáns e Lucía Novas. Neste acto participaron os alumnos e alumnas de 4º ESO que, tras gozar co recital destas grandes autoras, entrevistáronas e leron algunhas das súas composicións poéticas.
     
No seguinte vídeo podedes ver algúns dos momentos desta xornada
    

Andrea Cordeiro, Antía Piñeiro, Jennifer Freire, Teresa Bernárdez, Manuel Estévez e David Juncal recitando poemas de Míriam e Lucía.

Fotografía do alumnado de 4º A e B coas autoras e os profesores do Departamento de Lingua Galega





15/06/19

Concurso de relatos en galego - Gañadoras da modalidade B

 

 O mar é un camiño

     O mar é un camiño. Cada un decide o seu destino, mais non sabemos como vai ser o camiño polo que pasamos ata chegar a onde queremos chegar. Eu penso no meu camiño, pero aínda non sei a onde quero ir. O vento guiarame aos poucos, reconducíndome pola vida. Tropezarei con penedos, diso estou segura, pero tamén o estou de que sempre haberá un compás que me guíe pola dirección correcta.
     Eu penso no meu camiño, ainda que non saiba ben a onde quero ir, pero tamén penso nos camiños doutra xente. Xente ancorada no tempo, xente que se perdeu polo camiño. Entón, penso que o vento xa non guía aos poucos, o vento transfórmase nun ar frío que conxela a todo o que navega, todo o que traspasa unha fronteira que separa o que é o meu camiño, o indicado, dos outros camiños, cheos de silvas e perigos agochados a cada paso, cada onda que acariña o mar. A profundidade do oceano é a mesma ao meu lado da fronteira, mais ao outro lado do trópico todo parece tornarse escuro, como se dun momento a outro alguén puidera precipitarse ao baleiro.
     Penso se esa xente que cae até o baleiro é merecedora dese final só por partir de diferente saída, aínda procurando un mesmo destino. Eu non estou preocupada pola meta porque sei que o camiño será fácil.
     Esa xente si, a xente doutro lado do trópico paréceme incribelmente valente porque tropezan con mil penedos máis ca min durante o camiño. Eles si que saben cal é a meta que queren, porque non deixan de loitar, aínda que o vento se volvera un ar frío.
     Ogallá un día o vento estea do voso lado e vos guíe aos poucos, xente que vos amosades perdida polo camiño.
Teresa Camila Bernárdez López

Érase unha vez…

      Oh, espelliño, espelliño! Quen é o máis bonitiño?
     A miña armadura reloce á luz do solpor, que entra pola ventá tinxindo a estancia dunha cor amarela, laranxa e ocre. Poño unha pose parecida á dos reis da Idade Media, pero non hai resposta.
     Maldición! Serventa! Isto é un anaco de cristal, non o que che pedín!
Furioso, boto unha última mirada de desprezo ao espello e detrás miña, no reflexo, vexo algo que chama a miña atención. Un pequeno brillo, sutil e case imperceptible. Xírome e achégome aos grandes andeis, amodo, coma unha pantera que avanza con sixilo cara á súa presa, como se fora escapar. É un libro, cun lombo con decoracións douradas e unha cuberta desgastada, que anticipa que é un libro con historia. Ábroo con coidado e as páxinas brillan ao poñelas á luz. Que contos! Que aventuras! Vai ser a miña seguinte viaxe! Sento na miña butaca de veludo, botando para atrás a miña longa e fermosa capa, e observo un mapa que semella estar en latín. Comezo a narrar a historia, poñendo énfase nos sentimentos, vivindo cada frase como se fose o discurso da miña vida… e entra Rodriga.
     Chegas tarde, condenada! Chameite hai unha eternidade!
     Anda, Don Quixote! Toma a pílula, digo a “apócema”!
     Trago ese remedio do demo e ela vaise contenta.
___

     Pecho a porta e deixo a Afonso no seu cuarto delirando, coma sempre. Quen o ía dicir! Un Don Quixote do século XXI!

Sara Soliño Iglesias


Un tesouro esquecido

     Aquilo non tiña sentido. Deille voltas e voltas, e máis voltas, pero non logrei atoparlle nin pés nin cabeza. Ese anaco de papel vello e noxento non tiña sentido, mais sentía unha atracción inexplicable cara a el. De súpeto, ouvín unha voz que me chamaba. Era a miña nai, cansa de esperar a que lle levara aquilo que me pedira ir buscar a aquel escuro cuarto e do cal xa nin me lembraba. Decidín gardar o meu pequeno tesouro no peto e volver onda ela coa escusa de que non atopara o que pedira. Sorprendentemente, creume e tras librarme dunha reprimenda fun cara ao meu cuarto. Alí analicei cautelosamente o anaco de papel e cheguei á conclusión de que era parte dun mapa.
     Cando vin cara ao reloxo xa era a hora da cea. A miña nai non tardaría en chamarme, e efectivamente nun par de minutos volveu berrar o meu nome. Fun cear, sen poder sacar o misterioso anaco da cabeza. Pensei en preguntarlle ao meu pai, xa que só el coñecía o almacén; de feito se non fora así, a miña nai non me tería mandado buscar aquela cousa. Saquei o tema coidadosamente para que non se decatara de que collera algo seu sen permiso, e contoume unha historia sorprendente. Comezou a relatar unha lenda de piratas en que o protagonista era o meu tataravó. Resulta que fora un dos piratas máis intrépidos da súa época e que conseguira moitos tesouros que agochara en lugares remotos. Díxome que estas riquezas pertenceron á nosa familia e ían pasando de pais a fillos ata que o avó as perdeu. Mais eu sei que iso non é certo. Hai case dez anos que morreu e no tempo que pasei con el aprendín moitas cousas que me resultaron moi útiles. Podería ser un pouco frío e os anos chegáronlle a afectar á memoria, pero el non era capaz de perder algo así. Sei que era moi intelixente. O máis probable era que o ocultara. Seguro que en canto comezou a notar as perdas de memoria causadas pola idade decidiu agochar o seu tesouro. Lembro con claridade as historias de piratas que me contaba. El sentíase coma un auténtico pirata e seguro que non quería que o tesouro caera en malas mans. Por desgraza, non chegou a contarlle ao meu pai onde escondera o mapa e por iso el cría que o perdera.
     Tras darlle moitas voltas ao longo da noite concluín que o meu avó non agochara un mapa, senón varios. Para maior seguridade seguramente dividiu o mapa en anacos e os ocultou por separado. Iso explicaría por que só atopei este anaco. Esa noite tomei unha decisión que cambiaría a miña vida. Decidín comezar a procura da fortuna perdida da miña familia. Aínda non sabía como nin onde buscar, pero estaba decidido a atopala.


Paula Fernández Cruz

11/06/19

Premiados e premiadas nos concursos de relatos

     Hoxe tivo lugar na biblioteca do noso centro a entrega dos premios dos dous concursos de relatos convocados pola ANPA coa colaboración da Biblioteca e Dinamización Lingüística. O acto foi presentado por Lourdes Garrido, profesora de Lingua e Literatura Castelá e coordinadora dos clubs de lectura, que estivo acompañada por Mari Nores, representante da ANPA. Os premios para cada concurso e cada modalidade consistiron en VALES de 30€, 20€ e 10€ para trocar por produtos nos establecementos colaboradores coa ANPA do centro.

     
As gañadoras e gañadores dos premios no II Concurso de Relatos en Galego "Teresa López González" foron:

MODALIDADE A (1º e 2º ESO)
1º premio: Breixo Parada (2º ESO A)
2º premio: Laura Brocos (1º ESO A)
3º premio: Lois Carracelas (1º ESO A)

MODALIDADE B (3º e 4º ESO)
1º premio: Sara Soliño (3º ESO A)
2º premio: Paula Fernández (3º ESO A)
3º premio: Teresa Bernárdez (4º ESO B)*

As gañadoras e gañadores dos premios no I Concurso de Relatos en Castelán foron:

MODALIDADE A (1º e 2º ESO)
1º premio: Alejandro Aguete (1º ESO A)
2º premio: Laura Brocos (1º ESO A)
3º premio: Clara Costas (2º ESO B)

MODALIDADE B (3º e 4º ESO)
1º premio: Teresa Bernárdez (4º ESO B)*
2º premio: Sara Soliño (3º ESO A)
3º premio: Antía Novas (3º ESO A) 

Noraboa a todas e todos! Dentro de moi pouco publicaremos os vosos relatos.

* Os premios da alumna Teresa Bernárdez foron recollidos por Darío Camiña, ao non poder esta asistir ao acto.

09/06/19

Entrega de premios dos concursos de relatos


     O martes 11 de xuño, nun acto organizado na biblioteca do IES Illa de Ons, coñeceremos os premiados e premiadas nos dous concursos de relatos convocados pola ANPA en colaboración coa Biblioteca e Dinamización Lingüística. 

     Os relatos en castelán da modalidade A (1º e 2º ESO) debían comezar co seguinte frangmento:
     Tengo poca fortuna: nunca me ha tocado ninguna rifa y siempre lo pierdo todo, por eso sé que es difícil creer lo que me ocurrió. Abrí casualmente el cajón de aquella mesita vieja y carcomida por la polilla que llevaba tantos años en el cobertizo y allí encontré... 

     Os relatos en castelán da modalidade B (3º e 4º ESO) debían comezar co seguinte frangmento de La caja de música de Alfonso Zurro:
    Y cierra la tapa. Un bulto negro, que parece flotar en el aire y tal vez lleve tiempo observándola se acerca a ellla...
      O punto de partida para as dúas modalidades dos relatos en galego foi a seguinte imaxe:




05/06/19

Miserábeis. O Musical


     Alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons está a realizar os últimos ensaios para a estrea, o 19 de xuño no Auditorio de Cangas, de Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a Comunidade Educativa do noso centro leva traballando desde o comezo do curso. No acto conmemorativo do 8 de marzo, celebrado no Centro Social de Bueu, xa avanzamos unha mostra coa adaptación á revolución feminista dalgunhas das escenas da obra.
    Esta adaptación con formato de teatro musical, xorde da reflexión do claustro de profesores e profesoras arredor da importancia dunha práctica docente que fomente a aprendizaxe cooperativa, competencial, dende unha óptica feminista e en lingua galega. Para a súa posta en práctica elaborouse un cronograma no que foron integrados a planificación de pequenas investigacións, proxectos sobre temáticas específicas, un calendario de ensaios e obradoiros de canto coral en galego, así como diversas tarefas de contido interdisciplinar.

     O obxectivo principal desta proposta non é unicamente a creación do produto final que veremos os días 19 e 21 de xuño, senón que, é no proceso de creación e produción do espectáculo onde se atopa o feito educativo; posto que é aquí onde se ocasiona a aprendizaxe significativa e a vinculación e asimilación de contidos en base á experiencia. 
Imaxes dalgúns dos ensaios


15/05/19

Concurso de relatos polas Letras Galegas

     A Biblioteca, en colaboración coa ANPA e o Equipo de Dinamización Lingüística do centro, está a promover a segunda edición do concurso de relatos en galego para conmemorar o Día das Letras Galegas. O certame, dirixido ao alumnado do IES Illa de Ons, desenvolverase na segunda quincena do mes de maio. 


    Ademais, durante esta semana, o alumnado do centro estivo a traballar sobre a figura de Antonio Fraguas Fraguas, autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas. O centro expuxo o grupo de carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de difundir a figura e o legado do autor entre a comunidade educativa.