Co motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o IES Illa de Ons organizou unha campaña de concienciación mediante a difusión dunha serie de carteis por distintos establecementos de Bueu e a montaxe dunha exposición na sala Amalia Domínguez Búa, en colaboración co CIM e o Concello de Bueu. A exposición permanecerá aberta ata o día 2 de decembro de 16:30 h a 20:30 h de luns a venres e os sábados e domingos abrirá tamén en horario de mañá, de 11:30 h a 13:30 h.
Tomando como referencia a campaña de prevención do consumo de alcohol en
menores #MenoresSinAlcohol que levou a cabo o Ministerio de Sanidade,
Consumo e Benestar Social no ano 2017, o alumnado do IES Illa de Ons
creou diferentes mensaxes que inciden na reflexión contra as distintas
formas de violencia machista presentes na nosa sociedade.
Alumnos e alumnas de 1º e 4º da ESO
participaron na construción das distintas mensaxes a partir dun debate
guiado polas profesoras da materia de Igualdade de Xénero, arredor dos
estereotipos e tipos de violencias detectados en diversos eidos da súa
vida cotiá. No novo espazo audiovisual da biblioteca crearon, coa orientación da profesora de Educación Plástica e Visual, as escenas e retratos empregados para os carteis, usando como
modelos aos seus propios compañeiros e compañeiras, así como a alumnado
doutros cursos e profesores e profesoras do centro educativo.
Este proxecto pretende cuestionar, á súa vez, o uso da violencia contra as mulleres na industria da publicidade a través da recreación de diferentes anuncios de marcas comerciais que tentan dulcificar ou recubrir de contido sexual(izado) imaxes que amosan violencia de xénero. Con lemas como #PublicidadeSexista ou #PublicidadeSenViolencia, o alumnado recreou diferentes posados e montaxes da publicidade actual, para cuestionar o erotismo ou sensualidade con que se revisten as escenas de ameaza e de agresión.
O obxectivo do proxecto é enviar mensaxes de identificación, rexeitamento e prevención das distintas formas que adopta a violencia machista, sobre todo, nos espazos e formas de socialización da mocidade.
O obxectivo do proxecto é enviar mensaxes de identificación, rexeitamento e prevención das distintas formas que adopta a violencia machista, sobre todo, nos espazos e formas de socialización da mocidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario