O Concello de Bueu e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) organizaron para o día de hoxe un acto co fin de conmemorar o Día Internacional da Muller. O noso centro foi o encargado de inauguralo cunha actuación baseada no musical Miserábeis, adaptada á revolución feminista. Esta posta en escena supón unha mostra do proxecto colaborativo e interdisciplinar sobre a obra de Víctor Hugo que estamos a levar a cabo no noso centro desde o inicio de curso e que representaremos publicamente ao remate deste.
Ademais desta representación, tivo lugar a entrega dos premios correspondentes ao concurso "A igualdade no traballo" nas modalidades de ilustración e literatura. Antía Novas Arribas, alumna de 3º ESO A do noso centro, foi premiada no certame literario pola súa biografía de Christine de Pizan. Noraboa!
Fotografía dos participantes na actuación cos premiados e premiadas nos dous certames.
Deixámosvos cun fragmento da Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá, redactada por Olympe de Gouges en 1791.
Home, es quen de ser xusto?
- A muller nace libre e permanece igual ao home en dereitos.
- O obxectivo de toda asociación política é a conservación dos dereitos naturais e imprescriptibles da Muller e do Home; estes dereitos son a liberdade, a propiedade, a seguridade e, sobre todo, a resistencia á opresión.
- O principio de toda soberanía reside esencialmente na Nación que non é máis que a reunión da Muller e o Home: ningún corpo, ningún individuo, pode exercer autoridade que non emane deles.
- A liberdade e a xustiza consisten en devolver todo o que pertence aos outros; así, o exercicio dos dereitos naturais da muller só ten por límites a tiranía perpetua que o home lle opón; estes límites deben ser corrixidos polas leis da natureza e da razón.
- As leis da natureza e da razón prohiben todas as accións prexudiciais para a Sociedade: todo o que non estea prohibido por estas leis, prudentes e divinas, non pode ser impedido e ninguén pode ser obrigado a facer o que elas non ordenan.
- A lei debe ser a expresión da vontade xeral; todas as Cidadás e Cidadáns deben participar na súa formación persoalmente ou por medio dos seus representantes. Debe ser a mesma para todos; todas as cidadás e todos os cidadáns, por ser iguais aos seus ollos, deben ser igualmente admisibles a todas as dignidades, postos e empregos públicos, segundo as súas capacidades e sen máis distinción que a das súas virtudes e os seus talentos.
- Ningunha muller pode ser eximida de ser acusada, detida e encarcerada nos casos determinados pola Lei. As mulleres obedecen como os homes a esta Lei rigorosa.
- A Lei só debe establecer penas estritas e evidentemente necesarias e ninguén pode ser castigado máis que en virtude dunha Lei establecida e promulgada anteriormente ao delito e legalmente aplicada ás mulleres.
- Sobre toda muller que fose declarada culpable caerá todo o rigor da Lei.
- Ninguén debe ser molestado polas súas opinións incluso fundamentais; se a muller ten o dereito de subir ao cadalso, debe ter tamén igualmente o de subir á Tribuna con tal que as súas manifestacións non alteren a orde pública establecida pola Lei.
- A libre comunicación dos pensamentos e das opinións é un dos dereitos máis preciosos da muller, posto que esta liberdade asegura a lexitimidade dos pais con relación aos fillos. Toda cidadá pode, pois, dicir libremente, son nai dun fillo que vos pertence, sen que un prexuízo bárbaro a force a disimular a verdade; coa excepción de responder polo abuso desta liberdade nos casos determinados pola Lei.
- A garantía dos dereitos da muller e da cidadá implica unha utilidade maior; esta garantía debe ser instituida para vantaxe de todos e non para utilidade particular daquelas a quen é confiada.
- Para o mantemento da forza pública e para os gastos de administración, as contribucións da muller e do home son as mesmas; ela participa en todas as prestacións persoais, en todas as tarefas penosas, por tanto, debe participar na distribución dos postos, empregos, cargos, dignidades e outras actividades.
- As Cidadás e Cidadáns teñen o dereito de comprobar, por si mesmos ou por medio dos seus representantes, a necesidade da contribución pública. As Cidadás unicamente poden aprobala se se admite unha repartición igual, non só na fortuna senón tamén na administración pública, e se determinan a cota, a base tributaria, a recadación e a duración do imposto.
- A masa das mulleres, agrupada coa dos homes para a contribución, ten o dereito de pedir contas da súa administración a todo axente público.
- Toda sociedade na que a garantía dos dereitos non estea asegurada, nin a separación dos poderes determinada, non ten constitución; a constitución é nula se a maioría dos individuos que compoñen a Nación non cooperou na súa redacción.
- As propiedades pertencen a todos os sexos reunidos ou separados; son, para cada un, un dereito inviolable e sagrado; ninguén pode ser privado dela como verdadeiro patrimonio da natureza a non ser que a necesidade pública, legalmente constatada, esíxao de maneira evidente e baixo a condición dunha xusta e previa indemnización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario