Foto biblioteca

Foto biblioteca

09/06/17

IES Illa de Ons, a fábrica de chocolate...

     Hoxe visitaron o IES Illa de Ons os alumnos e alumnas dos centros de primaria de Bueu que o próximo curso estarán matriculados no noso centro en 1º ESO.

     Para recibilos organizamos unha xornada con referencias ao libro de Roald Dahl "Charlie e a fábrica de chocolate", que forma parte das actividades conmemorativas polo centenario do nacemento do autor e que xa adiantamos hai uns días nunha publicación neste blog.

     Á súa chegada puideron ver unha exposición con lamberetadas de todo tipo, elaboradas polo alumnado de 1º e 3º ESO con papeis, cartón, cola... As piruletas, os bastóns de caramelo, os xeados, as tartas multicolores e todas as variedades de doces da nosa particular fábrica tiñan moi boa pinta! Que mágoa non poder comelos...



    
   Os alumnos e alumnas de 1º ESO Iris, Alejandro, Diana e Álex, exerceron de guías durante a xornada e, tras ver a exposición, acompañaron aos nosos invitados e ás súas profesoras ata o salón de actos.


     Alí, algúns alumnos e alumnas explicaron dun xeito especial aos rapaces de primaria, as distintas instalacións do centro que ían poder visitar. Tiñan preparadas unhas rimas-adiviñas inspiradas polos Oompa Loompa (traballadores da fábrica de Willy Wonka) con pistas das aulas e dos profesores que coñecerán o vindeiro curso. 


     Estas rimas, elaboradas polo alumnado de 1º ESO na clase de Lingua Castelá e posteriormente traducidas, forman parte do grupo de actividades realizadas no proxecto de Aprendizaxe Cooperativa que este curso desenvolvemos no noso centro. Coas rimas e cuns "cadáveres exquisitos" baseados tamén na obra de Roald Dahl e realizados na materia de Educación Plástica, elaboramos uns cuadrípticos que foron repartidos entre o alumnado e profesorado de primaria.

    
      Tras esta primeira introdución, e despois dunha serie de aclaracións sobre distintos aspectos da Educación Secundaria, repartíronse entre os convidados uns billetes dourados personalizados (os "Golden Ticket" das tabletas de chocolate de Willy Wonka) para poder degustar un delicioso chocolate quente con biscoitos.


     Despois do recreo tivo lugar o percorrido polas distintas instalacións do centro cos nosos marabillosos guías e, a continuación, unha serie de xogos populares no patio do instituto co alumnado de 2º ESO.

     A xornada non rematou aquí, ao finalizar o horario lectivo o alumnado de 6º de Primaria e de 1º ESO xunto con algúns profesore/as subiron ata Chans, onde xantaron. Despois da comida comezou unha andaina polos montes do Morrazo, o Monte Paralaia e Ermelo que rematou, a última hora da tarde, no instituto. Ao chegar, duchas, pixama, cea e a durmir. Ou non...

Ningún comentario: