Queda moi pouco para o XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e para o IES Illa de Ons esta edición é moi especial, xa que imos participar co musical Miserábeis.
Como a maioría de vós saberedes, esta obra presenta unha adaptación propia e integramente en galego da novela do escritor francés Victor Hugo. A historia, que na súa orixe transcorre na Francia do séc. XIX, trasládase agora a un ambiente máis galego, con referencias a temas actuais como a loita pola liberdade, a desigualdade social, a coraxe ou a revolución do pobo.
28 de marzo de 2025 ás 19:00 h
Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra
Este proxecto desenvolveuse nunha primeira edición no curso 2018-2019, obtendo recoñecementos como o 1º Premio de Innovación en Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e o 1º Premio na Categoría de Educación en Valores dos III Premios Provinciais á Xuventude da Deputación de Pontevedra. No curso 23- 24 retomámolo coa participación de máis de 100 membros da comunidade educativa entre alumnado, profesorado, persoal de administración, familiares do alumnado e antigos alumnos e alumnas.