Foto biblioteca

Foto biblioteca

20/12/25

Agasalla libros polo Nadal

     Con vistas ao Nadal, na biblioteca preparamos un recuncho moi especial para inspirar as lecturas destas datas tan sinaladas. Elaboramos un panel con recomendacións lectoras para agasallar, no que se poden atopar títulos das guías do EDL do Morrazo xunto con algunhas das últimas adquisicións da nosa biblioteca, pensadas para todos os gustos e idades.

     Este espazo foi decorado cunha serie de elementos realizados co plotter de corte de Polos Creativos, combinados con figuras de papiroflexia. Unhas fermosas ventás ás que asomarse a mirar e escoller unha boa lectura para estas festas.

     Onte, neste mesmo recuncho decorado, apareceron uns misteriosos agasallos destinados ao voluntariado da biblioteca. Semella que os trasnos andiveron a facer das súas, lembrándonos que o Nadal tamén é tempo de agradecer e recoñecer o traballo de quen sempre está disposto a botar unha man.

18/12/25

Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea

      O alumnado de 2º de ESO participou nun club de lectura arredor do libro Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, da escritora Annabel Pitcher. Durante a sesión compartiron a súa opinión sobre a lectura e expresaron os sentimentos e emocións que espertou neles a historia. A continuación, sacaron distintos obxectos dun carriño da compra e asociaron cada un deles aos diferentes personaxes do libro, reflexionando sobre o seu significado. Para rematar a sesión, e tomando como punto de partida un fragmento do libro, traballaron en pequenos grupos na creación dunha nova historia, uns encargáronse de elaborar o nó, mentres que outros imaxinaron o desenlace. Nunha fase posterior, xuntarase o traballo de todos os grupos para dar forma a unha nova narración colectiva creada a partir da lectura compartida.

14/12/25

Guías de lectura EDL do Morrazo

     Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo achega, a través de distintas guías, un listado de lecturas recomendadas para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas. 
Agasalla galego, é a túa lingua!


01/12/25

Actividades contra a violencia de xénero

       Co obxectivo de sensibilizar e implicar a toda a comunidade educativa na loita contra a violencia machista, este ano desenvolvemos no centro un conxunto de actividades que puxeron o foco na memoria, na reflexión e no compromiso colectivo.

     Durante o recreo, na entrada do centro proxectáronse dous vídeos, un dun contador co número de denuncias por violencia machista rexistradas en Galiza nos últimos dez anos, e outro elaborado polo alumnado o pasado curso por estas datas, co fin de tomar conciencia da dimensión real desta lacra social.


    Instalouse nunha parede un mural composto por bolboretas elaboradas polo alumnado, cada unha delas portando o nome dunha muller asasinada por violencia machista no último ano. Esta intervención tiña tamén como finalidade homenaxear as irmás Mirabal, símbolo da resistencia e da loita contra a opresión, sobre as que o alumnado puido coñecer máis a través da proxección dun vídeo coa súa historia.

    Ao longo da semana, o fío musical do centro estivo formado por unha selección de cancións que abordan a violencia machista, ofrecendo así un acompañamento sonoro que convidou á reflexión e ao debate nas aulas.

    O alumnado de 4º de ESO participou activamente creando marcadores de páxinas e chapas, nas que plasmaron mensaxes de rexeitamento á violencia de xénero e de apoio á igualdade. Estes obxectos foron distribuídos entre a comunidade educativa e noutros centros educativos da contorna.

    Finalmente, a biblioteca e outros espazos do edificio foron decorados con citas de mulleres célebres que alzaron a súa voz contra o machismo, permitindo que o alumnado, profesorado e persoal non docente atopasen, nos seus tránsitos polo centro, mensaxes de forza, valentía e reivindicación.