Co obxectivo de sensibilizar e implicar a toda a comunidade educativa na loita contra a violencia machista, este ano desenvolvemos no centro un conxunto de actividades que puxeron o foco na memoria, na reflexión e no compromiso colectivo.
Durante o recreo, na entrada do centro proxectáronse dous vídeos, un dun contador co número de denuncias por violencia machista rexistradas en Galiza nos últimos dez anos, e outro elaborado polo alumnado o pasado curso por estas datas, co fin de tomar conciencia da dimensión real desta lacra social.
Ao longo da semana, o fío musical do centro estivo formado por unha selección de cancións que abordan a violencia machista, ofrecendo así un acompañamento sonoro que convidou á reflexión e ao debate nas aulas.
O alumnado de 4º de ESO participou activamente creando marcadores de páxinas e chapas, nas que plasmaron mensaxes de rexeitamento á violencia de xénero e de apoio á igualdade. Estes obxectos foron distribuídos entre a comunidade educativa e noutros centros educativos da contorna.
Finalmente, a biblioteca e outros espazos do edificio foron decorados con citas de mulleres célebres que alzaron a súa voz contra o machismo, permitindo que o alumnado, profesorado e persoal non docente atopasen, nos seus tránsitos polo centro, mensaxes de forza, valentía e reivindicación.




Ningún comentario:
Publicar un comentario