As pasadas semanas celebramos o Día da Poesía baixo lema “Poesía eres tú”. Entre outras actividades organizamos un recital poético colectivo no que as voces do alumnado, profesorado e persoal non docente do noso centro, acompañadas de música en directo, deron vida a textos de autores e autoras contemporáneos como Fran Pintadera, Sara Búho, Javier García Rodríguez, Montse Villar ou Manu Erena, entre outros. Un dos momentos máis especiais foi a homenaxe a Montse Villar, antiga compañeira do noso centro, á que o profesorado dedicou unha parte do recital cunha selección dos seus poemas.
Outra das actividades programadas foi un encontro literario con Defreds, quen compartiu co alumnado a súa experiencia como escritor, falando do seu percorrido, das súas inspiracións e do proceso creativo. Na celebración tamén houbo espazo para a creación, a propia Montse Villar impartiu un obradoiro de creación poética no que o alumnado puido explorar a súa voz interior e experimentar coa linguaxe poética. Pola súa banda, Marisé Barreiro guiou un obradoiro de escritura expresiva, no que se traballaron emocións, lembranzas e vivencias persoais como punto de partida para a escrita.
Como remate destas xornadas tivemos a sorte de contar cun obradoiro de Hip-Hop, impartido polo artista García MC, no que o alumnado traballou a rima, o ritmo e a composición de letras de rap, descubrindo novas formas de expresión poética máis próximas ao seu día a día.

Ningún comentario:
Publicar un comentario