Foto biblioteca

Foto biblioteca

23/04/17

23 de abril, Día do Libro.

Pensas que un libro pode cambiar unha vida?


      Os Fantásticos Libros Voadores do Sr. Morris Lessmore, curtametraxe dirixida polo autor e ilustrador William Joyce e o seu co-director Brandon Oldenburg, é unha entretida historia das persoas que dedican a súa vida aos libros e a quen os libros lles devolven o favor, unha alegoría sobre os poderes curativos dunha boa lectura. A historia vira en torno ao amor polos libros, a súa capacidade para iluminar as nosas vidas e o marabilloso que é mergullarse na lectura. 
 
     Esta curtametraxe resultou gañadora do premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos galardóns dos Óscar da 84th Academy Awards.

07/04/17

Entrevista a Fernando Lalana

     O pasado 29 de marzo visitou o noso centro o escritor Fernando Lalana, autor de máis dun centenar de libros publicados coas principais editoriais españolas do sector infantil e xuvenil.
     Os alumnos e alumnas de 3º ESO do Club de Lectura Ons, a illa do tesouro, que leron recentemente a novela La Tuneladora, fixéronlle unha interesante entrevista centrada na súa obra e na súa vida como escritor. 
     A charla, organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Castelá, foi presentada por Daniel Rúa, alumno de 1º ESO e voluntario da Biblioteca Escolar e José Luís Paz, alumno de 3º ESO e membro do Club de Lectura. 



01/04/17

Maruja Mallo en Bueu

     https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiOuQCDgfyKoRL8nbBk_xBbQ8tno2jlqFubg9uVyyEEiNsCRCzMMj3dffHY_dPmu5xJIrwLlZNBuxKfxXrehljxfVZQ8PR13NnBQTZ3LgvX3H5gX4OHsRW2CA_Wmr5UL0cKlSH2RhZ06anW/s400/carlos+bern%25C3%25A1rdez+arquitectura+humana.png
     
     A Deputación de Pontevedra celebra hoxe en Beluso o Día das Artes Galegas, dedicada este ano á pintora Maruja Mallo. A artista estivo na parroquia de Bueu en xullo de 1936 e durante esta estancia realizou unha serie de traballos que hoxe se coñecen como "Caderno de Bueu". 
     O acto celebrarase na Casa do Pobo e contará con dúas partes diferenciadas: unha dirixida a todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos, un contacontos do grupo Polo Correo do Vento,  e outra de carácter institucional. Enrique Mauricio e Carlos Taboada, compoñentes do grupo Polo Correo do Vento, escenificarán a través do debuxo e a palabra a traxectoria da artista e os fitos máis significativos da súa vida. Ambos ademais son autores do libro infantil Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, no que se baseará o contacontos.


     O pasado 8 de marzo, para celebrar o Día Internacional da Muller, o Concello de Bueu tamén organizou un acto homenaxeando á artista galega que incluíu unha conferencia impartida por Carlos Bernárdez, historiador da arte e autor do libro Maruja Mallo. A pintura da nova muller.  

     Nunha entrevista concedida ao Faro de Vigo, o autor fala da presenza de Maruja Mallo en Bueu e na praia de Beluso:
Ela estivo en Bueu no verán de 1936, xusto co inicio do golpe militar que derivaría na Guerra Civil. Foi algo moi traumático para ela. A relación con Bueu foi breve, pero ten un significado moi especial na súa obra. Ela veu acompañada do sindicalista Alberto Fernández "Mesquita". Nesa estancia realiza un traballo moi interesante, cunha serie de debuxos nun caderno que hoxe en día se conserva e que se chama "Caderno de Bueu". Eses debuxos van servir de modelo para un novo tipo de pintura que vai realizar a partir do seu exilio en Arxentina, a principios de 1937. A súa obra posterior, nun primeiro ciclo de pinturas, está relacionada con ese caderno, con arquetipos femininos moi vinculados a elementos de traballo como a pesca e oficios. Son representacións iconográficas de mulleres moi potentes. Algúns deses debuxos inclúen a súa datación en Bueu e Beluso, co que sabemos que hai algúns que son posteriores ao 18 de xullo. Despois do golpe ela refúxiase na casa dos seus tíos, en Lavadores (Vigo), e continúa facendo algúns debuxos. Máis tarde, cando xa está en Arxentina vai deixar testemuño da represión nunha serie de artigos publicado na Vangarda en agosto de 1938, con referencias explícitas a Bueu [ a artista cita a Johán Carballeira; ao sindicalista e carpinteiro de Beluso José da Torre, que foi o primeiro represaliado; e a Didio Riobó, propietario da illa de Ons e que segundo a artista foi "perseguido como masón, aforcouse na illa da que era propietario; non puido soportar o derrame de tanto sangue, a veloz desaparición de tantas vítimas. Deixou sete cartas escritas aos verdugos de Bueu"].

27/03/17

Visita do escritor Fernando Lalana

     O mércores 29 de marzo recibiremos no noso centro ao escritor de literatura infantil e xuvenil Fernando Lalana. O alumnado de 3º ESO que forma parte do Club de Lectura Ons, a Illa do Tesouro,  estivo a ler durante este mes a obra La Tuneladora, e será o encargado de entrevistar a Lalana, que fará unha exposición do seu traballo.


25/03/17

SarabelaTeatro e Salón do Libro

     O pasado venres, unha parte do alumnado do IES Illa de Ons desprazouse ata Pontevedra para ver a obra "Normas para saber vivir na sociedade actual", de Sarabela Teatro, e o VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil.


No seguinte vídeo podedes ver un resumo desta xornada:

22/03/17

XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

     O venres 24 de marzo visitaremos, cos alumnos e alumnas de 1º ESO e o alumnado de 4º ESO matriculado na materia de Artes Escénicas, o XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano leva por lema "O mundo que queremos". A organización do Salón quixo tratar este ano temas como o coidado do medio ambiente, a saúde, a integración e a igualdade. Todas esas accións que podemos levar a cabo a diario, aportando o mellor de nós mesmos e dos nosos coñecementos na medida que formamos parte da sociedade na que vivimos, son as que busca "O mundo que queremos". 
     Aproveitando esta saída, e no mesmo Pazo da Cultura de Pontevedra, veremos a obra de teatro "Normas para saber vivir na sociedade actual" de Sarabela Teatro.

21/03/17

Son de poetas

     Hoxe, Día da Poesía, deixámosvos unha ligazón ao blog Son de poetas, unha Antoloxía da poesía galega musicada elaborada polo Departamento de Lingua galega e Literatura e o Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña.
 
     Poemas de Curros, Pondal, Rosalía, Celso Emilio, Lorca, Ana Romaní, Lois Pereiro, Manuel María ou Neira Vilas entre outros, son interpretados por músicos como Berrogüetto, Carlos Núñez, Nao, Cristina Pato, Milladoiro...

http://sondepoetas.blogspot.com.es/

07/03/17

Muller e Poesía

     Co fin de celebrar dous días de grande importancia deste mes: o Día da Muller (8 de marzo) e o Día da Poesía (21 de marzo), a Biblioteca do IES Illa de Ons en colaboración co Departamento de Música gravou na xornada de hoxe un vídeo poema. A obra escollida nesta ocasión para ser recitada foi Días, incluída no libro Pel de muller, da escritora buenense Asun Estévez.
     Deste xeito a Biblioteca do noso centro quere tamén colaborar co proxecto "3, 2, 1... POESÍA!" proposto pola Biblioteca do CEIP Montemogos (Bueu) para conmemorar o Día da Poesía.
     

     Ana Vilas, María Simone, Antía Piñeiro, Aarón Fandiño, Paula Pena, Rebeca Fernández, Mila Estévez e Malena Ogando, acompañadas por Teté á guitarra, fixeron unha lectura compartida do poema. Colaboraron tamén na gravación as alumnas Lara Parada e María Villanueva.

21/02/17

24 de febreiro #RosalíaTe

 

     Para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, a Biblioteca do IES Illa de Ons e o Equipo de Dinamización Lingüística sumáronse á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para os centros de ensino galegos. A actividade consistiu na gravación dun "reto do manequín" no que participou o alumnado de 1º e 3º ESO, posando en parellas de titores/as e titorandos TEI (titoría entre iguais). Tamén o profesorado e o persoal non docente colaboraron nesta iniciativa, así como as voluntarias da biblioteca de 2º e 4º ESO que deseñaron as poses e o percorrido da gravación. A voz que escoitamos no vídeo é de Ana Vilas, alumna de 4º ESO.

     Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!
    

10/02/17

BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS

     http://leer.es/image/journal/article?img_id=453895&t=1418118854100
    O IES Illa de Ons adheriuse recentemente á iniciativa “Voluntariado na biblioteca escolar” dentro do programa de BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS.
     Un total de trinta alumnos e alumnas apuntáronse a esta proposta de colaboración coa biblioteca do centro. Este alumnado, unha vez rematado o curso, e sempre que teñan realizado un mínimo de 15 horas de traballo voluntario na biblioteca, recibirán un diploma acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
     
     Polo momento o alumnado está a aprender a facer empréstitos e devolucións co Proxecto Meiga, a organizar os fondos e a etiquetar exemplares. Tamén están a colaborar coa planificación dun "Mannequin Challenge" para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.


 

08/02/17

Concurso de cartas e poesías "Dillo en galego"

     Para celebrar o día 14 de febreiro, os equipos da Biblioteca e de Dinamización Lingüística convocan o concurso "Dillo en galego". O alumnado interesado en participar poderá presentar cartas e poesías de amor ou amizade escritas en galego. Os traballos deberán incluír o nome e apelidos do autor/a e deberán depositarse en sobre pechado no "buzón do amor", situado na entrada do instituto, antes das 12:00 h. do martes 14 de febreiro.


     Nesta mesma data proxectarase na pantalla da entrada do noso centro a curtametraxe animada Paperman, a historia dun home que tenta conquistar á rapaza dos seus soños utilizando a imaxinación e uns papeis.
     Paperman, producida por Walt Disney Animation Studios e dirixida por John Kahrs, foi gañadora dun Óscar no ano 2012.

    

30/01/17

Buzón de suxestións

     Estreamos buzón na biblioteca!

      Se tes propostas que facer ou opinións que aportar sobre a biblioteca e o seu funcionamento, podes utilizar o novo buzón situado na entrada.
     Queres saber como está feito? Na seguinte composición de imaxes podes ver o proceso de elaboración.


     Se queres facer un igual só necesitas unha caixa de cartón, pegamento termofusible, papel de alumnio e betún.
  1. Fai debuxos de liña sobre o cartón.
  2. Coa pistola de pegamento termofusible aplica sobre as liñas o produto (ollo co pulso!). Se non tes este tipo de material podes utilizar no seu lugar cola branca con aplicador.
  3. Deixa secar ben ata que endureza.
  4. Aplica cola branca (ou pegamento de barra) sobre toda a superficie.
  5. Coloca enriba o papel de aluminio e fai presión cun algodón por toda a superficie, pegando ben o papel de forma que envolva todos os volumes elaborados.
  6. Cunha esponxiña aplica o betún e deixa que seque uns minutos.
  7. Cun trapo vello limpa suavemente a superficie para eliminar o exceso de betún do altorrelevo, de xeito que as partes altas queden máis limpas (e deixen ver mellor o papel de aluminio) e as partes máis baixas e os contornos das liñas queden máis escuras.

11/01/17

Códigos QR

     Para facilitar o acceso da comunidade educativa a distintos sitios web da nosa biblioteca, elaboramos os seguintes códigos QR que serán distribuídos por distintas aulas e zonas do noso centro. Ademais a biblioteca contará con marcapáxinas con este deseño para o alumnado e as familias que o soliciten.


09/12/16

Lecturas e música recomendadas

O equipo da biblioteca e de dinamización lingüística, a través da coordinadora de equipos de dinamización lingüística do Morrazo, presenta as seguintes recomendacións de lecturas e música en galego ao alumnado e as súas familias.



01/12/16

CULTURGAL 2016

Os días 2, 3 e 4 de decembro de 2016 celébrase, no Pazo da Cultura de Pontevedra, unha nova edición da Feira das Industrias Culturais CULTURGAL. Podes consultar a programación e outra información de interese na seguinte páxina: WEB CULTURGAL 2016


29/11/16

25 de Novembro

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero,  fomos invitados polo equipo da Biblioteca do IES Johan Carballeira de Bueu, a participar nunha serie de actividades centradas no rexeitamento da violencia contra as mulleres. Os alumnos e alumnas dos tres centros públicos de Bueu, pintaron as mans de cor laranxa* e estampáronas sobre cartolinas, escribiron frases de apoio ás vítimas e recordaron ás mulleres asasinadas escribindo os seus nomes sobre siluetas de bolboretas*.


* O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller celébrase anualmente o 25 de novembro para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación. A convocatoria foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981 en conmemoración á data na que foron asasinadas as irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), tamén coñecidas como As Mirabal ou Bolboretas, en República Dominicana.
* A campaña do Secretario Xeral das Nacións Unidas ÚNETE para pór fin á violencia contra a Muller convida a «pintar o mundo de laranxa», usando así a cor elixida por esta campaña como símbolo dun futuro máis brillante sen violencia.

Ademais deste acto, o alumnado de 3º e 4º ESO participou nun programa de Radio Ons centrado nunha audición musical con cancións referentes á violencia de xénero. José Luís (3º ESO) e Ana, Mila e María (4º ESO) foron os/as encargados/as de levalo a cabo.




O cartel que ambientou o espazo da radio, onde se pode ver unha reprodución do cadro de Picasso "Muller que chora", foi elaborado polo alumnado de 1º ESO A.

Tamén tiveron lugar varias actuacións no salón de actos nas que participaron alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO. Poemas, cancións e obras de arte rexeitando a violencia de xénero que emocionaron tanto ao alumnado como ao profesorado.


20/11/16

"O rostro das letras" e Castelao

O 19 de novembro os departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Literatura e Educación Plástica e Visual, organizaron unha saída a Pontevedra. O alumnado de 3º e 4º da ESO visitou, no Museo de Pontevedra, a exposición "O rostro das letras. Escritores e fotógrafos en España desde o Romanticismo ata a Xeración de 1914" e os fondos sobre Castelao.

A exposición fotográfica representa a diferentes persoeiros como Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Galdós, Baroja, Emilia Pardo Bazán, Unamuno... Todos eles retratados por grandes fotógrafos dos séculos XIX e XX que foron testemuñas dunha época gloriosa da literatura española e galega, como Alfonso, Compañy, Franzen, Juliá, Kaulak, Nicolás Muller, Santos Yubero, Catalá-Roca e Ramón Masats, entre outros.


Nesta mostra reflíctese a evolución do retrato fotográfico desde os primeiros procedementos utilizados (o daguerrotipo e o calotipo) ata o desenvolvemento da prensa ilustrada e o mundo dos reporteiros gráficos. 

Ademais dos primeiros retratos fotográficos e as cartas de visita, os apartados que máis nos chamaron a atención foron os dedicados aos vellos estudos fotográficos, cos decorados e os obxectos cos que os fotógrafos contaban para ambientar as súas fotografías, e o centrado nas tertulias e cafés, onde organizaban as súas reunións os literatos.

Tamén tivemos unha interesante charla didáctica sobre a vida e a obra de Castelao. Descubrimos as súas múltiples facetas: debuxante, pintor, caricaturista, ilustrador, escenógrafo, novelista, médico, etnógrafo, autor teatral, ensaísta, político... A través da ilustración de "Migueliño" coñecemos o relato de Castelao e mesmo fixemos a nosa particular representación.



Aproveitamos a nosa estancia en Pontevedra para facer unha visita guiada polo casco vello. Raquel, a guía turística do Concello, contounos algo de historia da cidade, dalgúns edificios e prazas, as peculiaridades dos nomes dalgunhas rúas, as familias representadas nos escudos das fachadas...

O seguinte vídeo resume esta interesante xornada.



11/11/16

11 de novembro, Día das Librarías

Hoxe, 11 de novembro, celébrase o Día das Librarías. A modo de conmemoración deixámosvos unha escolma dalgunhas das librarías máis fermosas do mundo.

Selexyz Dominicanen (Maastricht-Países Baixos)


 

O Ateneo Grand Splendid (Bos Aires)


 

Cafebrería O Péndulo (Cidade de México)

 

Barter Books (Alnwick, Reino Unido)

 

Altaïr (Barcelona)

 

Lello (Porto)

 

Kid’s Republic (Pekín)

 

Acqua Alta (Venecia)

 

Bardón (Madrid)

 

The Last Bookstore (Os Ánxeles)

10/11/16

II Maratón Fotográfico San Martiño de Bueu



     Mañá celebramos en Bueu o San Martiño. Desde a Biblioteca do IES Illa de Ons queremos animar a toda a Comunidade Educativa a participar no II Maratón Fotográfico, unha das actividades programadas polo Concello. 
   

Temática

     Forman parte da temática do Maratón todas as actividades relacionadas coa festa, así como as tradicións e costumes propias do San Martiño de Bueu. As fotografías presentadas terán que realizarse durante os tres días que comprende o maratón, para o que se programarán dous percorridos fotográficos organizados, un por cada categoría (adulta e infantil/xuvenil, consultar programación). Ademáis disto, as persoas participantes poden facer de xeito libre fotos representativas do San Martiño de toda a actividade en torno ás festas (pasarrúas, eventos relixiosos, comida, verbena, tradicións do outono coma o magosto, xogos tradicionais, etc).
 

Premios e categorías

Categoría adulta (maiores 14 anos)
  • Primeiro premio: 150€ + impresión e enmarcado da imaxe + lote entidades colaboradoras
  • Segundo Premio: 75€ + impresión e enmarcado da imaxe + lote entidades colaboradoras
  • Terceiro Premio: 50€ + impresión e enmarcado da imaxe + lote entidades colaboradoras
Categoría infantil/xuvenil (menores 14 anos)
     Escolleranse as tres mellores fotografías, que recibirán como premio: impresión e enmarcado da imaxe + lote de entidades colaboradoras.
     Selección de fotografías finalistas a maiores das xa premiadas, que pola súa calidade poidan formar parte da exposición organizada con motivo do II Maratón Fotográfico San Martiño de Bueu.

EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS FINALISTAS E GAÑADORAS
Do 19 ao 26 de novembro, en horario de apertura da Praza de Abastos (rúa Montero Ríos, s/n 36930 Bueu).

     O Maratón celebrarase do VENRES 11 AO DOMINGO 13 DE NOVEMBRO ambos inclusive, e os traballos entregaranse ata o LUNS 14 DE NOVEMBRO antes das 00:00h da noite preferiblemente por medios dixitais no formulario web da páxina de ARGO NAVIS, ou fisicamente na sede de Argo Navis en horario de 10:00h a 13:30h e de 16:30h a 20:30h (Montero Ríos nº 57 baixo, 36930 Bueu, Pontevedra).

02/11/16

Lecturas de terror en Radio Ons

     O pasado venres, co gallo da celebración do Samaín, os equipos da biblioteca e de dinamización lingüística estivemos a ambientar a radio para a retransmisión do programa que terá lugar o día 4 de novembro. Nesta ocasión será o alumnado da materia de Oratoria o encargado de realizar distintas lecturas dramatizadas de terror.

     Para ir abrindo boca podedes premer na seguinte imaxe e escoitar o relato "El corazón delator" de Edgar Allan Poe, autor co que tamén damos comezo ás nosas lecturas do Club.

http://podcastcdn-11.ivoox.com/audio/0/1/4/1/elcorazondelatoredgarallanpoe-tallerbrujulas-ivoox1481410.mp3?secure=XAHSSWGTQTSqRCiKz4h2TQ==,1478108237