Foto biblioteca

Foto biblioteca

20/11/16

"O rostro das letras" e Castelao

O 19 de novembro os departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Literatura e Educación Plástica e Visual, organizaron unha saída a Pontevedra. O alumnado de 3º e 4º da ESO visitou, no Museo de Pontevedra, a exposición "O rostro das letras. Escritores e fotógrafos en España desde o Romanticismo ata a Xeración de 1914" e os fondos sobre Castelao.

A exposición fotográfica representa a diferentes persoeiros como Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Galdós, Baroja, Emilia Pardo Bazán, Unamuno... Todos eles retratados por grandes fotógrafos dos séculos XIX e XX que foron testemuñas dunha época gloriosa da literatura española e galega, como Alfonso, Compañy, Franzen, Juliá, Kaulak, Nicolás Muller, Santos Yubero, Catalá-Roca e Ramón Masats, entre outros.


Nesta mostra reflíctese a evolución do retrato fotográfico desde os primeiros procedementos utilizados (o daguerrotipo e o calotipo) ata o desenvolvemento da prensa ilustrada e o mundo dos reporteiros gráficos. 

Ademais dos primeiros retratos fotográficos e as cartas de visita, os apartados que máis nos chamaron a atención foron os dedicados aos vellos estudos fotográficos, cos decorados e os obxectos cos que os fotógrafos contaban para ambientar as súas fotografías, e o centrado nas tertulias e cafés, onde organizaban as súas reunións os literatos.

Tamén tivemos unha interesante charla didáctica sobre a vida e a obra de Castelao. Descubrimos as súas múltiples facetas: debuxante, pintor, caricaturista, ilustrador, escenógrafo, novelista, médico, etnógrafo, autor teatral, ensaísta, político... A través da ilustración de "Migueliño" coñecemos o relato de Castelao e mesmo fixemos a nosa particular representación.



Aproveitamos a nosa estancia en Pontevedra para facer unha visita guiada polo casco vello. Raquel, a guía turística do Concello, contounos algo de historia da cidade, dalgúns edificios e prazas, as peculiaridades dos nomes dalgunhas rúas, as familias representadas nos escudos das fachadas...

O seguinte vídeo resume esta interesante xornada.



No hay comentarios: