Foto biblioteca

Foto biblioteca

08/01/19

Convocatoria de Clubs de Lectura

     O 31 de decembro foi publicada a resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019. O noso centro leva participando nesta convocatoria estes últimos tres anos e cada vez son máis os rapaces e rapazas animados a formar parte dos clubs de lectura formados. 

Durante o 1º trimestre do curso realizáronse as seguintes actividades:

CLUB DE LECTURA DE 1º ESO:
  • Venres 2 de novembro: lectura dramatizada de breves pezas da obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora (IV).
  • Venres 23 de novembro: comezo da lectura dramática e caracterización dos personaxes de La Ratonera, de Agatha Christie, coa proxección previa do Book Trailer realizado o curso pasado.

CLUB DE LECTURA DE 2º ESO:
  • Xoves 16 de novembro: lectura dramatizada de breves pezas da obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora (IV).

CLUB DE LECTURA DE 3º ESO:
  • Mércores 31 de outubro: lectura da obra teatral Farsa Plautina, de Agustín Magán, para preparar a lectura de La Celestina, que será a lectura monográfica durante o 2º e 3º trimestre.

  • Mércores 21 de novembro: lectura dramatizada de breves pezas da obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora (IV) e representación de tres deses pezas no acto organizado o luns 26 de novembro no noso centro para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
    • Mándame un Whatsapp de Fernando J. López.
      • Interpretada por Antía e Carla.
    • Masculino y Femenina de Pilar Zapata.
      • Interpretada por Gisela, Alba, Sara e Víctor.
    • Pareja con tenedor de Jesús Campos.
      • Interpretada por Santi e Paula. 


20/12/18

Se non vou nun bou...

     Mañá comezan a navegar as novas maletas viaxeiras: coloridas bibliotecas móviles cheas de libros, filmes e música, que botarán amarras nas casas do noso alumnado, para que poidan gozar co seu contido en familia. Agardamos que sexan do voso agrado. 


10/12/18

Día Internacional dos Dereitos Humanos

  Os alumnos e alumnas de 1º ESO do noso centro participaron hoxe, xunto co alumnado dos outros centros educativos de Bueu, nos actos organizados pola Asociación de Veciños da Banda do Río e a Asociación de Alfombras Florais, con motivo da conmemoración do setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU.


     O acto consistiu na confección dunha alfombra duns sete metros de diámetro, con deseños seleccionados dos debuxos do concurso escolar sobre os Dereitos Humanos celebrado o pasado mes de setembro. A composición completouse cunha serie de figuras de papiroflexia, representando as esculturas da obra Universo iluminado do artista Cristóbal Gabarrón, creadas para celebrar o aniversario da ONU en 2015.
     Ademais, desde o concello fíxose unha lectura dos trinta dereitos humanos a cargo de diversos persoeiros, entre eles o ciclista Álvaro Pino, a poetisa Oriana Méndez, o cociñeiro Pepe Solla, a cantante Uxía Senlle, o ilustrador Marc Taeger ou Rosmy Gabarrón, a filla de Cristóbal Gabarrón. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, foi o encargado de pechar o acto lendo o último dos 30 dereitos humanos.
     Deixámosvos cun vídeo que inclúe as prácticas de papiroflexia dos rapaces e un resumo dos actos do día de hoxe na Praza Massó de Bueu.


05/12/18

Calendario 2019

     Xa está aquí, xa chegou, o calendario do 2019!


     Recordades que o pasado mes de maio a Biblioteca, en colaboración coa ANPA, convocou un concurso de fotografía? Pois ben, este curso deseñamos varios calendarios utilizando as 12 imaxes gañadoras para ilustrar cada mes do ano. Se estades interesados/as en comprar un calendario de parede (tamaño A3), un de mesa ou un de bolsillo, poñédevos en contacto co alumnado de 2º, 3º ou 4º ESO. Cos cartos recadados custearán dúas saídas educativas propostas polo centro, a viaxe á neve e a viaxe de fin de estudos.

     Moitas grazas pola vosa colaboración.


03/12/18

Guías de lectura e música

     Un ano máis compartimos con todos e todas vós as guías de lectura elaboradas pola Coordinadora dos Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo. Podedes atopar nelas ideas para agasallar, tanto para os máis pequenos como para os maiores da casa.



30/11/18

CULTURGAL

Que é Culturgal?
Culturgal é a Feira das Industrias Culturais que se celebra anualmente na primeira semana de Decembro e que en 2018 chega a súa décimo primera edición do 30 de novembro ao 2 de decembro.
Que vou atopar?
Ademais de poder achegarte aos máis de 80 stands dedicados a libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía e máis, Culturgal conta cun programa de ao redor de 120 actividades propias durante os 3 días: concertos, espectáculos familiares, encontros con escritores, estreas de filmes e moito máis. Todo nun recinto feiral de 4.875 metros cadrados.
Quen organiza Culturgal?
A asociación Culturgal, na que están integradas as seguintes asociacións gremiais: Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías.
Onde e cando se celebra?
Culturgal 2018 celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda s/n) do 30 de novembro ao 2 de decembro de 2018. A Feira ten horario ininterrumpido de 11:00h a 21:00h o venres e o sábado. O horario do domingo é de 11:00h a 20:00.
Como chego ao recinto de Culturgal?
Pazo da Cultura de Pontevedra
RUA ALEXANDRE BÓVEDA, S/N
36005 Pontevedra

CONSULTA AQUÍ A PROGRAMACIÓN 

29/11/18

Concurso fotográfico e maratón

     A Asociación de Veciños da Banda do Río convoca, para este domingo 2 de decembro, o Maratón Fotográfico 2018 de Bueu. Trátase dunha iniciativa creativa financiada baixo a convocatoria de Cultura 2018 Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra que ten como temática a lingua.

     Poderán participar todos os interesados/as (os menores de idade terán que vir acompañados por un adulto). Establécense tres categorías:
  • Infantil: para menores de 12 anos.
  • Junior: de 12 a 18 anos.
  • Senior: para maiores de 18.
     Os participantes serán convocados no entorno do Estaleiro de Purro, na Banda del Río, ás 10 da mañá. Alí se lles recordarán as bases do concurso, as condicións para a participación e se repartirán (e recollerán posteriormente) as follas de inscrición. A continuación darase un prazo de 5 horas para tomar as fotografías que respondan aos temas propostos (a lingua nas súas distintas manifestacións), cun máximo de 10 fotos finais a concurso para cada participante.

     Na seguinte ligazón podedes acceder ás bases completas do concurso.


Actuacións contra a violencia de xénero

     O pasado luns 26 de novembro, co fin de conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, tivo lugar no noso centro un acto no que participaron alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO e parte do profesorado e persoal non docente. A actividade consistiu na posta en escena de varias performances, cancións, pequenas pezas teatrais, unha homenaxe ás vítimas recentes e a distribución de chapas coa imaxe de mulleres que ao longo da historia loitaron contra a violencia de xénero.


14/11/18

Magosto

     As castañas, a ra, os zancos, a chave, a corda, o aro, as carreiras de sacos, o xogo das cadeiras, o da botella... foron os protagonistas do magosto celebrado na tarde do pasado luns no noso centro.
     Algúns descubriron habilidades ocultas relacionadas coa puntería ou o equilibrio e outros puxéronse as botas enfouzando con tizóns a quenes pillaron por banda.

12/11/18

Lecturas de terror

     Os días 2 e 5 de novembro realizáronse, no vestíbulo do centro, unha serie de actividades centradas en diferentes historias de terror, medo e intriga. Os alumnos e alumnas de 4º ESO leron relatos elaborados a partir de historias de medo recompiladas no seu entorno. Por outra banda, proxectáronse uns vídeos de terror, narrados e montados polo alumnado de 3º ESO A nas materias de Lingua e Literatura Castelá e Tecnoloxía.
      Para as lecturas de terror o equipo da biblioteca ambientou o espazo, no que tamén se expuxo unha selección de libros e películas relacionados co tema.
     
     Aquí tedes un pequeno vídeo con fragmentos das lecturas realizadas.


31/10/18

SAMAÍN 2018


26/10/18

Voluntariado da Biblioteca

   

     Velaquí tedes o equipazo de voluntarios e voluntarias que colaborarán este curso na nosa biblioteca: Pedro, Dani, Sara, Paula, Noa, Laura, Anxo, Andrés, Antía e Jennifer. A vindeira semana teremos os carnés e comenzaremos as prácticas de xestión, ademais dos preparativos da celebración do Samaín.

23/10/18

Doazóns de libros para a Biblioteca

     Esta semana, ademais das novidades mercadas pola Biblioteca, temos novos títulos nos nosos fondos grazas ás doazóns de dous membros da Comunidade Educativa do IES Illa de Ons: Iván Novas (presidente da ANPA do centro) e Lourdes Garrido (profesora de Lingua e Literatura Castelá).
Moitas grazas pola vosa xenerosidade.

Doazón de libros de Iván Novas


Doazón de libros de Lourdes Garrido


06/10/18

Maleta viaxeira de BANDA DESEÑADA

     A ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES puxo a disposición dos centros unhas maletas viaxeiras co fin de achegar materiais que sirvan para reforzar e apoiar as iniciativas de formación no ámbito do fomento da lectura.

     O noso centro solicitou para o mes de outubro a MALETA DE BANDA DESEÑADA, que conta cunha selección de cómic e novela gráfica, para coñecer autores e títulos de banda deseñada que están a ser referencia entre os lectores do xénero.

     A maleta viaxará pola aulas dos distintos grupos, que disporán dela durante a hora de ler no calendario establecido.


Esta selección de libros completará a dotación da biblioteca de aula que foi actualizada durante a semana pasada.

05/10/18

OBRADOIRO DE ARTE

     O pasado sábado tivo lugar en Bueu o Concurso Internacional de Debuxo "Nenos polos Dereitos Humanos", impulsado polo artista Cristóbal Gabarrón, para conmemorar o 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
    A actividade desenvolveuse durante a mañá a carón do Estaleiro do Purro e contou coa colaboración da Asociación de Veciños da Banda do Río, artistas e estudantes de Belas Artes. Uns douscentos rapaces e rapazas participaron nesta iniciativa, entre eles alumnado do noso centro, que traballaron a idea previamente na materia de Educación Plástica e consultaron bibliografía na Biblioteca para coñecer máis a fondo persoeiros que durante a historia loitaron polos dereitos humanos.
Deixámosvos cun vídeo resumo desta xornada.


17/09/18

CONCURSO INTERNACIONAL DE DEBUXO "KIDS FOR HUMAN RIGHTS"

     Bueu únese á celebración do 70 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos, a través da realización dun obradoiro e unha serie de exposicións de arte infantil, organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río. 
     

     O taller de pintura “Ruta polos dereitos humanos” que impartirá o artista Cristóbal Gabarrón, terá lugar o 29 de setembro e será o xerme dunha serie de exposicións por toda a localidade durante o mes de outubro, nas que se elixirán os debuxos participantes no concurso internacional de arte infantil que a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas polos Dereitos Humanos e o Servizo de Información das Nacións Unidas en Xenebra, xunto co artista e a Fundación Gabarrón están desenvolvendo a nivel mundial, e no que se insta aos mozos e mozas a reflexionar sobre a importancia dos dereitos humanos. No taller está previsto que participen en torno a 200 nenos e nenas de entre 4 e 14 anos de idade do municipio.

     O lugar elixido será a contorna do Estaleiro da Banda do Río (tamén coñecido como Purro), e para o seu desenvolvemento contarase con monitores formados e con experiencia no ámbito das artes plásticas. Posteriormente, e co obxectivo de dar visibilidade a estas creacións infantís así como apoiar a educación en valores a prol dos dereitos humanos, está previsto que se organicen exposicións na Sala de Exposicións Domínguez Búa, o Museo Massó, o salón de plenos do Concello, a Praza de Abastos de Bueu, a Capela dos Santos Reis, o Estaleiro de Purro, o Centro Social do Mar, a Aula da Natureza de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e todos os centros de primaria e secundaria do municipio.

     Así mesmo, unha selección dos traballos participarán directamente no concurso internacional de debuxo “Nenos polos dereitos humanos” que convida aos pequenos e pequenas de entre 10 e 14 anos a crear obras de arte creativas baseadas en tres posibles temas: o dereito humano que considera importante defender, unha persoa á que se admira polos seus esforzos en prol dos dereitos humanos, e a maneira na que o neno ou nena pode defender os dereitos humanos.

     O prazo de presentación de traballos a este concurso esténdese ata o 31 de outubro de 2018 e os gañadores/as serán anunciados o 10 de decembro no Día Mundial dos Dereitos Humanos.

07/09/18

FIC BUEU 2018

     O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) celebra a súa undécima edición do 7 ao 15 de setembro no Centro Social do Mar de Bueu.



PROGRAMACIÓN:

Venres 7 de setembro
Sábado 8 de setembro
Domingo 9 de setembro
Luns 10 de setembro
Martes 11 de setembro
Mércores 12 de setembro
Xoves 13 de setembro

  • 11:00 h Proxección das Seccións Infantil e Xuvenil (Centro Social do Mar. Actividade reservada aos centros de ensino)

Venres 14 de setembro
Sábado 15 de setembro
E tamén…
Do 7 ao 16 de setembro: Ruta Tapas 5 Estrelas
Do 11 ao 14 de setembro: II Mercado da Curtametraxe
Actividades para os e as cineastas
15 de setembro: Alfombra floral

27/06/18

Revista Umbrela nº 23

     Coma todos os anos o IES Illa de Ons elaborou unha revista anual que recompila moitas das actividades realizadas no centro durante o curso. As primeiras páxinas da revista resérvanse para textos escritos polo noso alumnado: relatos, poemas, vivencias persoais... Agardamos que vos guste!

https://drive.google.com/file/d/1TV0-jjrsGNnqN7IJ1NJWBkD22GQ8ejX4/view