Foto biblioteca
28/09/24
Xestión, novidades e hora de ler
22/09/24
FIC BUEU
Como actividade inaugural do curso escolar, o IES Illa de Ons foi convidado pola organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu a levar a escola ao cine e ver algunhas das mellores creacións audiovisuais participantes nel.
O alumnado de 3º e 4º da ESO e o profesorado acompañante puidemos gozar da selección das seguintes curtas que posteriormente comentamos e valoramos.
Chámome Hédi, falareiche da miña nenez. De como era unha nena feliz nunha cidade feliz de Alemaña. O que pasou despois é difícil de contar e difícil de escoitar. Mesmo así, quero contarcho e quero que me escoites. Porque os seres humanos podemos facer moito mal, mais tamén moito ben. Todos podemos escoller; podemos elixir o ben.
Nunha fresca noite de verán, uns animais con ollos cheos de luz abandonan a fraga para internarse nun barrio dos arrabaldes. Catro nenos escapan da cama e as estrelas empezan a caer do ceo. Pola mañá, todo terá cambiado pero polo de agora, a correr!
Helia fixo trece anos e isto leva á súa familia a restrinxirlle o ciclismo.
28/06/24
VIVE A DIVERSIDADE!
Este ano formamos no IES Illa de Ons un equipo de diversidade que traballou desde o inicio de curso en distintas actividades para visibilizar a realidade LGBTIQ+, combatir os prexuízos e facer do centro un espazo inclusivo de respecto e igualdade. A campaña de sensibilización, concienciación e recoñecemento da diversidade afectivo-sexual Vive a diversidade ou a celebración do Día da Saída do Armario, coa participación de O Rabelo cun concerto-coloquio, son algúns exemplos de boas prácticas inclusivas coas que continuaremos nos vindeiros cursos.
O equipo DiversiOns deséxavos unhas felices vacacións! Gocemos da DIVERSIDADE!
23/06/24
Torneo de xadrez e outros premios
O venres pasado, durante a graduación do alumnado de 4º ESO, tivo lugar a entrega de premios de varios certames e concursos celebrados este ano no centro. Os trofeos foron elaborados polo noso compañeiro Vítor, que utilizou a cortadora láser e o plotter de corte de Polos Creativos para os distintos deseños.
Torneo de xadrez
1º posto: Xulián Fernández
2º posto: Breixo Martínez
3º posto: Manuel Soliño
Barraka Arriba
1º posto: Román Parada
2º posto: José Ángel González
3º posto: Damián Ríos
Barraka Abaixo
1º posto: Kike Cerqueiro
2º posto: José Ángel González
3º posto: Román Parada
Trofeo de matemáticas Fundamental
1º CICLO ESO: Mariña Curra e Hugo Rodríguez
2º CICLO ESO: Samuel Castro e Xabi Martínez
22/06/24
A foto fala e Tes un minuto?
O pasado venres 21 de xuño celebramos, durante o acto de graduación do alumnado de 4º ESO, a entrega de premios dos certame audiovisuais “A foto fala" e “Tes un minuto?”, organizado un ano máis polo Equipo de Dinamización Lingüística e coa colaboración da ANPA. O xoves, en distintas sesións organizadas no salón de actos, proxectáronse os traballos gañadores:
Premios “A foto fala”
1º ESO: Emilio Novas
2º ESO: Sabela Cancelas
3º ESO: Alba Gallego
4º ESO: Carlota Nores
Premios “Tes un minuto?”
1º ESO: Laura Agulla, Carla Durán, Sara Torres e Nerea Villanueva
2º ESO: David Dacosta, Tania Ogando, Sheila Pouso e Sara Rivadulla
3º ESO: Daniela Otero
4º ESO: Gabriela Docampo
19/06/24
Contigo
O pasado xoves día 13 visitamos, co alumnado de 1º B, o centro de día Contigo en Bueu. Alí fomos recibidas con moito cariño polas persoas maiores e o persoal de traballo, que nos abriron as súas portas e os seus corazóns. Despois de falar con cada persoa do centro, encheron o ambiente coa súa sabedoría e historias de vida, e nós, a cambio, recitamos diversos poemas en tons alegres. Rematamos cun poema en contra da guerra e unha pequena representación acompañada de música levando a nosa mensaxe de paz e solidariedade.
16/06/24
Chegou o día de Miserábeis
Hoxe é unha data moi especial. Alumnado, profesorado, persoal non docente, exalumnos, exalumnas e familias do IES Illa de Ons, levamos meses traballando con dedicación, esforzo e paixón neste proxecto pedagóxico. Cada ensaio foi unha peza fundamental para chegar ata aquí e sabemos que non foi doado, pero hoxe seguro que todo ese traballo vai dar os seus froitos.
Ao subir ao escenario lembrade que o talento e a entrega que demostrastes durante todo este tempo vai facer desta función algo inesquecible e agora toca gozar e emocionarse cos vosos compañeiros e compañeiras e co público.
Grazas por contribuír non só á arte e á cultura, senón tamén á nosa identidade e á nosa lingua. Moita sorte e a por todas!
31/05/24
Musical Miserábeis
30/05/24
Club de lectura MANGA
O club de lectura MANGA, formado por alumnado dos diferentes niveis educativos, reuniuse en varias ocasións durante este trimestre para ler e comentar distintos aspectos de Neon Genesis Evangelion. Vol 1, unha adaptación ao manga do anime homónimo creado por Yoshiyuki Sadamoto.
13/05/24
Luísa Villalta
No noso centro montamos a exposición cos carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024: Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, do CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense, nos que se amosa a autora como un avatar que nos convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que podemos descubrir imaxes, recursos e actividades interactivas. Esta exposición vén acompañada dunha guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora.
Ademais, na materia de Lingua Galega e Literatura, o profesorado dos distintos niveis está a realizar varias actividades arredor da autora homenaxeada.
29/04/24
Carlos Labraña no IES Illa de Ons
A biblioteca do centro acolleu hoxe unha actividade teatral arredor da obra O valo, na que tivemos a sorte de contar co autor da mesma, Carlos Labraña. Esta obra dramática, proposta como lectura do club para 1º ESO polo “Día da Paz”, fixo reflexionar ao alumnado sobre a igualdade entre as persoas, os límites irracionais establecidos polo poder e a necesidade urxente de acabar coas inxustizas no mundo. O alumnado caracterizouse e dramatizou, poñéndose na pel dos distintos personaxes da historia, demostrando que o IES Illa de Ons segue a ter unha canteira de artistas!
Encontro con Montse Villar
O alumnado de 1º ESO tivo unha visita moi especial o pasado venres, a de Montse Villar, poeta e antiga profesora do noso centro. Durante este encontro coñecimos unha parte moi importante da súa obra, solidaria cos máis desfavorecidos e crítica coas desigualdades sociais, falounos de varios dos seus libros nos que trata diferentes inxustizas e aprendimos que os poemas poden ter dúas lecturas, como en Ubuntu, horizontal e vertical, e que incluso se poden bailar.
O alumnado tamén traballou en grupos deseñando o seu propio libro, ao que irán engadindo distintas creacións literarias elaboradas por eles mesmos durante o que resta de curso.
Moitas grazas, Montse!
25/04/24
Obradoiro de papiroflexia
A vindeira semana dará comezo na biblioteca un obradoiro de papiroflexia, dirixido tanto a alumnado como a profesorado do centro, impartido por varios alumnos e alumnas de 1º ESO. Cada martes e xoves do mes de maio, de 11:30 a 11:50, aprenderemos a crear diferentes figuras de papel.
24/04/24
Día do Libro
Para conmemorar o “Día do Libro” organizouse, na entrada do noso centro, unha exposición con materiais elaborados polo alumnado de 4º ESO nas materias de Lingua e Literatura Castelá e Tecnoloxía.
Por un lado, nas clases de Lingua e Literatura Castelá, o alumnado deseñou libros despregables de distintos títulos lidos durante o pasado trimestre. En Tecnoloxía, tras practicar programación na plataforma COSPACES na 2ª avaliación, o alumnado traballou a realidade aumentada con Merge Cube seguindo a plantilla “Book report”; introduciron información nos cadros de texto, personalizaron a apariencia do cubo e engadiron unha escena do libro elixido. Xa na terceira avaliación crearon carteis en Canva coa portada do libro e o QR para visualizar os traballos en realidade aumentada.
Por outra banda, alumnado e profesorado do centro colaboraron nunha proposta que consistiu na doazón de libros para compartir coa comunidade educativa e tamén coa xente de Bueu. Alumnos e alumnas de 1º e 4º ESO saíron ás rúas para depositar, en distintas localizacións, unha parte dos libros recollidos e así facer a todo o mundo partícipe deste día tan especial.
23/03/24
Digo Viet Nam e basta
O pasado xoves, 21 de marzo, celebramos o Día da Poesía cunha nova visita da poeta Míriam Ferradáns. A autora falou co noso alumnado da linguaxe e dos sentimentos, das palabras que transmiten emocións, de simbolismo, de rimas, de identidade e do poder evocador dalgúns poemas, como “Digo Viet Nam e basta", escrito por Celso Emilio Ferreiro e dedicado ao pobo palestino. Porque onte ademais de falar de poesía tamén quixemos falar de paz e, como di Míriam, para iso é inevitable falar de guerra.
Digo Viet Nam e basta
Viaxe ao país dos ananos 1968
Este poema fai que abramos os ollos ante a realidade, os seus versos transmiten a traxedia e a crueldade dos conflitos armados, ademais dunha mensaxe de loita e de repulsión ante as inxustizas e o abuso de poder.
Moitas grazas, Míriam, por achegarnos un pouco máis á arte da lingua.
17/03/24
"A lebre mecánica" e "Que me pare o corazón se te esquezo"
O club de lectura de 3º ESO xuntouse esta semana para falar de dous libros que tratan problemas que afectan na actualidade a moitos mozos e mozas, por un lado a ludopatía e as apostas en xogos ou competicións e por outro determinadas condutas perigosas nas redes sociais. "A lebre mecánica" de Ledicia Costas e "Que me pare o corazón se te esquezo" de Andrea Maceiras, permitiron adentrarnos en mundos moi perigosos e de fácil accesibibilade para a xuventude.
As cousas entre Nana e Corvo ultimamente non van nada ben. Conseguiran construír un mundo onde compartían todo: películas, música, manga, videoxogos... Non querían separarse nunca. Mais iso era antes. Agora Corvo desaparece durante horas e non conta onde vai. Cando Nana lle pregunta que lle pasa, enfádase. No seu grupo de amigos ninguén comprende que lle sucede. Desde que empezou a ir en serio coas apostas semella outro. O que antes era pura diversión converteuse nun pesadelo. Case sen decatarse, Corvo acaba metido nunha rede de problemas da que semella imposible saír.
Sinopse publicada pola Editorial Xerais
Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo. Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón. Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz.
Sinopse publicada pola Editorial Xerais
15/03/24
Cabezudas polo clima
13/03/24
Homenaxe ás avoas no 8M
O venres pasado tivemos na biblioteca unha visita moi especial e das que máis ilusión fixo ao noso alumnado. Algunhas das avoas das rapazas e rapaces de 1º ESO achegáronse ao centro para compartir con nós unha data tan importante coma o 8 de marzo. O alumnado preparou, na materia de Lingua e Literatura Castelá, unha entrevista cunha serie de cuestións para coñecer un pouco máis as vivenzas destas mulleres desde a súa infancia. Ao finalizar, os netos e netas de cada unha delas entregáronlles unhas cartas redactadas con moito agarimo e agasalláronas cuns broches de flores de origami elaborados polo alumnado colaborador da biblioteca.
Ademais, aproveitamos a súa visita para realizar con elas unha práctica de retrato fotográfico como parte do proxecto "Fotografía en curso", que estamos a desenvolver este ano no noso centro dentro do Plan Proxecta.
Moitas grazas a todas!
12/03/24
"A foto fala” e "Tes un minuto?"
Lembramos á comunidade educativa do IES Illa de Ons que o Equipo de Dinamización da Lingua convocou para o presente curso dous certames audiovisuais: “A foto fala” e “Tes un minuto?”.
O prazo para presentar os documentos do certame "A foto fala" amplíase ao 15 de abril e os vídeos de "Tes un minuto?" poderán entregarse ata o 26 de abril.



















































