Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/11/26

25 N

     Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o noso centro desenvolveu ao longo da semana diferentes actividades de sensibilización para promover a igualdade, o respecto e as relacións afectivas libres de violencia.

     Unha das iniciativas foi a montaxe dunha exposición de bolboretas, elaboradas polo alumnado de 1º e 4º ESO con técnicaas libres. A elección deste símbolo está relacionada coas irmás Mirabal, coñecidas como Las Mariposas: Patria, Minerva e María Teresa, tres activistas dominicanas asasinadas o 25 de novembro de 1960 pola súa oposición á ditadura de Trujillo. A súa historia converteunas nun símbolo internacional da loita pola liberdade e contra a violencia cara ás mulleres. Así, cada bolboreta quixo ser unha homenaxe á memoria de todas as mulleres maltratadas e unha mensaxe de liberdade, transformación e esperanza. As creacións acompañáronse de textos poéticos creados polo propio alumnado ou extraídos dos libros El amor se escribe sin sangre e o Libro do mal amor: Haikus contra a violencia de xénero.

     Desde a biblioteca seleccionáronse tamén varias curtametraxes para traballar nas titorías e promover o debate sobre a violencia machista, os mitos do amor romántico e as relacións saudables. Entre os materiais empregados destacan a campaña #NoTePierdas. Sin libertad no hay amor e No mires para otro lado, do CIM de Úbeda.

    A música, a poesía, o baile e o teatro tiveron tamén o seu espazo. Desde as materias de Música e Proxecto Competencial preparouse unha actuación colectiva na que participou alumnado e profesorado, con bailes, recitados poéticos, cancións e pequenas teatralizacións para transmitir mensaxes de igualdade e compromiso fronte á violencia contra as mulleres.

     Ademais, durante esta semana, a Hora de Ler dedicouse á lectura compartida de varios relatos curtos, para reflexionar sobre as emocións, as relacións e o respecto.

23/11/26

Culturgal 26

      Achégase unha nova edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se celebrará do 26 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

     Unha oportunidade para descubrir as novidades da literatura galega, coñecer autores e autoras, gozar da música, do teatro e doutras manifestacións culturais.

     Desde a biblioteca animámosvos a achegarvos a esta cita coa cultura, a descubrir novas lecturas e a apoiar a creación cultural galega.

     No Pazo da Cultura de Pontevedra do 26 ao 29 de novembro. Máis información na páxina https://cultur.gal/

19/11/26

Mondra

    Este martes pasado tivemos a sorte de recibir a visita de Mondra, un dos referentes actuais da música galega contemporánea, que realizou unha actividade co alumnado de 1º e 2º da ESO.

     Martín achegou ao alumnado a tradición das foliadas, explicou cales eran os instrumentos musicais máis empregados nestes encontros, que se daban con moita frecuencia nas casas do rural, e fixo unha demostración do seu uso. Así mesmo, salientou o papel fundamental das mulleres na transmisión e preservación da música tradicional, tanto a través dos instrumentos como das cantigas populares.

    Despois desta introdución, o alumnado practicou os pasos básicos da muiñeira e, guiados polas explicacións de Mondra, fomos traballando a coordinación, os desprazamentos, os puntos e as voltas, intentando seguir o compás da pandeireta.


      Por último, os rapaces e rapazas de 1º ESO tiña preparada unha sorpresa para o noso convidado e cantaron “Achar con quen casar” do album De ronda. Moitas grazas, Mondra, por regalarnos un anaco da túa arte.

18/11/26

Novembro, o mes da ciencia

      Para conmemorar o mes da ciencia, a biblioteca puxo en marcha unha serie de actividades en colaboración cos departamentos de Ciencias, co obxectivo de achegar o coñecemento científico ao alumnado dun xeito visual e participativo, ao tempo que se fomenta a lectura e a curiosidade por descubrir o mundo que nos rodea. As propostas inclúen diferentes exposicións e actividades que combinan a observación, a investigación e a lectura:

- A ciencia tamén se le: a biblioteca ofrece ao alumnado unha selección de libros informativos e de ficción relacionados coa ciencia: bioloxía e corpo humano, física e química, natureza e medio ambiente, tecnoloxía e inventos, robótica e intelixencia artificial, experimentos científicos, grandes descubrimentos e avances da ciencia. Títulos que nos permiten aprender, investigar, descubrir novas ideas e tamén gozar de historias nas que a ciencia é protagonista.


- Unha viaxe polo universo: unha mostra de planetas en 3D cunha selección de libros relacionados coa astronomía, as constelacións e o universo. O alumnado participará nun cuestionario a través do cal terá que descubrir curiosidades sobre distintos planetas.


- A importancia das células: exposición de modelos de células elaborados polo alumnado, acompañada de información sobre a súa importancia como unidade básica dos seres vivos. Seguindo unha serie de pautas dadas desde a materia de Bioloxía e Xeoloxía, o alumnado fará unha tarefa de investigación sobre o tema.

06/11/26

Premios Samaín

 Esta semana entregamos na biblioteca os distintos premios outorgados polo xurado aos gañadores e gañadoras dos concursos de Samaín.


Gañadoras e gañadores do concurso de doces

  • 3º premio: Manuel Entenza (4º A)
  • 2º premio: Brais Malvido (1º A)
  • 1º premio: Lola e Martina (1º B)


Gañadoras e gañadores do concurso de relatos

  • 5º premio: Laura Agulla (4º A)
  • 4º premio: Lola Davila (1º B)
  • 3º premio: Carla García (2º B)
  • 2º premio: Yoel e Carmen (3º A)
  • 1º premio: Abel e Martín (1º B)


Gañadoras e gañadores do concurso de disfraces


CATEGORÍA INDIVIDUAL

  • 3º premio: Alicia Soliño (1º B)
  • 2º premio: Abel Fernández (1º B)
  • 1º premio: Pablo López (4º B)

CATEGORÍA GRUPO

  • 3º premio: Laia, Nico, Daniela P. e Luma
  • 2º premio: Matilda, Daniela T., Martina e Lola
  • 1º premio: Leire, Laura, Noa, Uxía e Xavi

26/10/26

O Samaín chega ao IES Illa de Ons


     Achégase o Samaín e, para celebralo, o IES Illa de Ons organiza tres concursos nos que o alumnado poderá demostrar o seu talento e espírito terrorífico.

     Os días 29 e 30 de outubro, durante o recreo, a biblioteca encherase de historias arrepiantes. Recordamos ao alumnado que aínda está a tempo de anotarse no concurso de relatos de terror.

     O día 30 de outubro poderedes participar tamén no concurso de disfraces e no concurso de doces. Lembrade entregar as vosas obras de arte culinarias ese mesmo día na conserxería do centro, acompañadas da receita escrita en galego. Despois da valoración do xurado, haberá unha degustación para toda a comunidade educativa.

     Bases completas dos concursos

24/10/26

Día das bibliotecas

      Esta semana celebramos no centro o Día das Bibliotecas cunha serie de actividades para achegar o alumnado á biblioteca escolar e poñer en valor a súa importancia como espazo de aprendizaxe, investigación e cultura.

     A primeira actividade estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO e consistiu nunha sesión de formación de usuarios e usuarias.

     Tras presentar os diferentes espazos e seccións da biblioteca e explicar como localizar exemplares, tanto no espazo físico coma no catálogo virtual, propuxemos un reto por equipos no que o alumnado debía atopar unha serie de libros e identificar os seus autores e autoras. Os grupos que acadaron os primeiros postos recibirán como agasallo unhas libretas de bibliotecas escolares.

     A actividade completarase na aula, na materia de lingua castelá, cunha investigación sobre a historia das bibliotecas, desde as primeiras civilizacións ata a actualidade, para coñecer a súa evolución e o seu papel na conservación e difusión do coñecemento.

     Por último, traballaremos arredor dun fragmento da película Ágora, de Alejandro Amenábar, no que se recrea a Biblioteca de Alexandría e o intento de Hipatia por salvar o coñecemento que alberga. Ademais de analizar distintos aspectos da linguaxe cinematográfica nunha tarefa colaborativa, a partir desta escena faremos unha actividade creativa de expresión oral escrita e reflexionaremos sobre a importancia de preservar o patrimonio cultural.