Esta semana celebramos no centro o Día das Bibliotecas cunha serie de actividades para achegar o alumnado á biblioteca escolar e poñer en valor a súa importancia como espazo de aprendizaxe, investigación e cultura.
A primeira actividade estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO e consistiu nunha sesión de formación de usuarios e usuarias.
Tras presentar os diferentes espazos e seccións da biblioteca e explicar como localizar exemplares, tanto no espazo físico coma no catálogo virtual, propuxemos un reto por equipos no que o alumnado debía atopar unha serie de libros e identificar os seus autores e autoras. Os grupos que acadaron os primeiros postos recibirán como agasallo unhas libretas de bibliotecas escolares.
A actividade completarase na aula, na materia de lingua castelá, cunha investigación sobre a historia das bibliotecas, desde as primeiras civilizacións ata a actualidade, para coñecer a súa evolución e o seu papel na conservación e difusión do coñecemento.
Por último, traballaremos arredor dun fragmento da película Ágora, de Alejandro Amenábar, no que se recrea a Biblioteca de Alexandría e o intento de Hipatia por salvar o coñecemento que alberga. Ademais de analizar distintos aspectos da linguaxe cinematográfica nunha tarefa colaborativa, a partir desta escena faremos unha actividade creativa de expresión oral escrita e reflexionaremos sobre a importancia de preservar o patrimonio cultural.



Ningún comentario:
Publicar un comentario