Foto biblioteca

Foto biblioteca

07/03/20

8M PÉSCALO?

 
     O fío condutor desta proposta é a idea de rede nos seus múltiples significados, como instrumento propio da Galiza mariñeira e como idea de unión, conexión, ramificación, tecido... A rede é tamén un elemento moi presente nas obras dunha artista galega, Maruja Mallo, que usamos como referente e inspiración para as (re)creacións fotográficas e o collage co que construímos este cartel.

  
    Os nosos corpos e as nosas caras forman parte deste collage para sinalar que nós, o alumnado do IES Illa de Ons, non somos debuxos nin figuras de ficción, somos persoas de carne e óso, de sexo e xénero diverso, que xuntos/as sostemos a rede coa que queremos pescar ideas que axuden a construír unha sociedade máis igualitaria. A nosa pesca componse de respecto, feminismo, forza, unión, das ideas de que somos diferentes pero queremos ser iguais en dereitos.... Péscalo?
     O lema que acompaña á imaxe invítanos a participar nesa pesca, máis convídanos, tamén, a reflexionar sobre a propia mensaxe do cartel interrogándonos sobre se entendemos a idea que este transmite, e para que todos/as poidan pescalo, unha das figuras do noso cartel reproduce en lingua de signos a mensaxe de que “podemos logralo”, formada polas palabras “muller” e “forza”, que puidemos representar grazas ao consello dunha profesional pertencente a DonSigno.
Este traballo foi realizado polas profesoras e o alumnado da materia de Igualdade, coa colaboración da Biblioteca do IES Illa de Ons. O cartel presentarase mañá no noso centro, durante un acto organizado na hora do recreo.

Ningún comentario: