Como xa comentamos en entradas anteriores, este trimestre o alumnado de 1º ESO e 2º ESO estivo a traballar arredor de vida e a obra de sete mulleres que tiveron grande relevancia na Idade Media. O alumnado de 2º ESO B e 2º ESO C, tras participar nun obradoiro de podcast, encargouse de guionizar, gravar e editar unha serie de audios centrados nestas sete figuras femininas. O alumnado de 2º ESO A procurou información sobre as súas historias e maquetouna nunha serie de trípticos onde, ademais, incluíron códigos QR cos podcast dos seus compañeiros e compañeiras e unha imaxe das cabezas das mulleres en volume, elaboradas polo alumnado de 1º ESO.
O Equipo de Igualdade do centro organizou unha exposición con todo este material co fin de que os membros da comunidade educativa poidan visualizar e escoitar este completo traballo realizado arredor de Wallada bint al-Mustakfi, Ende, Teodora de Bizancio, Hildegarda de Bingen, Leonor de Aquitania, Irene de Atenas e Trota de Salerno. Ademais repartiranse chapas coas caras de cada unha delas e, tras a visita á exposición, establecerase un debate co alumnado sobre a importancia na historia destas sete mulleres.
A continuación mostramos o deseño das chapas e os carteis elaborados para a exposición a partir dos trípticos. Podedes escoitar os podcast descargando a aplicación Ivoox e escaneando os códigos QR que atoparedes en cada un dos carteis.
1 comentario:
Moi interesante.
Publicar un comentario