Neste trimestre, a coordinadora do club de lectura Montse Villar, seleccionou os seguintes títulos de teatro e poesía para traballar co alumnado:
O principiño e o asteroide de ferralla, de Xavier Frías Conde.
Antes da lectura desta pequena peza teatral, traballouse a imaxe de O Principiño de Saint-Exupéry para, despois, falar dos elementos dunha obra de teatro. Comentamos o significado da obra, a imaxe da ferralla no espazo, a contaminación na que vivimos e a figura do principiño como fío condutor do texto.
Para completar a actividade convidamos ao autor a visitar o noso centro o día 29 de abril. Xavier Frías falounos da súa obra infantil e xuvenil e conversou co alumnado, resolvendo todas as súas dúbidas. Foi unha xornada literaria moi enriquecedora na que participaron os cursos de 1º de ESO e o alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura.
Poemas para dibujar en voz alta, de Gabriela Zárate Carrió.
Trátase dunha colección de poemas do cotiá que convidan ao lector a pintalos e titulalos: a bicicleta, a familia, as diferenzas...
Escolléronse seis poemas que os alumnos e alumnas leron e ilustraron, debuxos que foron enviados á propia autora. Onte tivemos o pracer de conversar con ela a través dunha videoconferencia, durante a cal transmitiu aos rapaces as súas inquedanzas literarias e sociais e completou comentando algún dos poemas do libro. Os alumnos e alumnas leron en voz alta os seus poemas preferidos e agradeceron a amabilidade da poeta.
Deixámosvos con algunhas imaxes desta conexión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario