O vindeiro luns 19 de decembro, Montserrat Villar, poeta e profesora no noso centro durante o curso 2020/2021, fará a presentación do libro de poemas "Os abrazos do mar".
Neste novo libro de poemas bilingüe castelán/galego, a poeta mira ao mar desde a beira, desde a fronteira e vaino contemplando e debullando en tres tons reflexivos, contidos, como un presente continuo cos adxectivos precisos: o mar como metáfora do eterno retorno e do perpetuo movemento da existencia; o mar da inmensidade, horizonte de ausencias sucado polas aves e os barcos, sempre lonxe; é o mar de todos os días, do porto e da praia coa súa trasfega ao longo das estacións. Non é o mar do ser amado que se afastou nunha cantiga. É o mar cos pés na terra, na area, onde se confunde o incontable co infinito, cachizas de montañas trituradas no tempo con cunchas, espiñas, esqueletos: Os pés pisan esa amálgama / de existencia e semente fosilizada / sen coñecer a exactitude do final .// As mans amasan a terra / que se empeña en fuxir entre os dedos / sen explicación nin conciencia. (Fragmento do prólogo)
Comentario publicado pola Editorial Lastura
Ningún comentario:
Publicar un comentario