Foto biblioteca

Foto biblioteca

17/10/24

Novela gráfica sobre a anorexia


     Comiendo con miedo é unha novela gráfica na que Elisabeth Karin narra a súa vivencia persoal na adolescencia cando foi diagnosticada con anorexia nerviosa. A autora cóntanos a súa experiencia co que ela chama “o seu monstro”, esa voz interior que lle vai dicindo que non coma tanto, que faga máis deporte ou que evite as relacións sociais que poidan estorbarlle na consecución do seu plan, que non é outro que verse máis guapa.

     Elisabeth Karin plasma nas diferentes viñetas todo o proceso vivido desde a percepción dos cambios no seu corpo nada máis chegada a puberdade, ata as consecuencias que provocaron que alterase o seu comportamento, especialmente nos hábitos de comida e na relación cos demais. 

    A obra tamén analiza a mala influencia da contorna social co bombardeo continuo de mensaxes asociadas á beleza da delgadez, de modelos de mulleres excesivamente fracas e os impactos de persoas influentes: «Que guapa estás, adelgazaches?». «O meu propósito este ano é adelgazar», «Se queres estar guapa tes que pasar fame», «Agora que vén o verán temos que facer a operación bikini». «Esta influencer di que con esta dieta adelgazas en dúas semanas»…

     O trastorno da conduta alimentaria pode carrexar graves problemas físicos, ademais de alterar o funcionamento psicolóxico e social da persoa. Karin explica detalladamente estes cambios tal e como os viviu ela: a aparición da amenorrea, as consecuencias no seu corpo coas transformacións provocadas polas alteracións hormonais, as mentiras aos médicos, as renuncias ás amizades polo perigo de ter que estar pendente da comida, os conflitos familiares, a negación á deriva de todo iso…

Información obtida da reportaxe de Jordi Ojeda publicada en eldiariodelaeducación.com

Ningún comentario: