Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/10/24

Emigrantes no Día das Bibliotecas

 Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas. A data foi elixida en memoria do incendio de 1992 que destruíu a Biblioteca Nacional e Universitaria de Bosnia e Hercegovina, coñecida nos medios como Biblioteca de Saraievo.​ A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como lugares de encontro das persoas lectoras de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana, onde os libros están ao alcance de todas as persoas.
Para poñer o noso gran de area na conmemoración desta data, organizamos unha pequena actividade na biblioteca co alumnado de Expresión Artística de 4º ESO arredor dun libro extraordinario, a novela gráfica Emigrantes, de Shaun Tan. Unha historia contada a través dunha serie de imaxes sen palabras que trata o tema da experiencia migratoria.


     Durante a lectura do libro, o alumnado interpretou de distintas maneiras as imaxes, deténdose máis ou menos tempo na súa atención e procurando atopar o significado final da historia, sobre a que tivemos un pequeno debate ao remate da actividade. Ademais, seleccionamos aquelas imaxes que máis nos chamaron a atención do libro e coas que traballaremos posteriormente na aula nunha actividade plástica creativa.

Ningún comentario: