Foto biblioteca

Foto biblioteca

15/05/18

Semana das letras galegas

     A Biblioteca, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística, está a participar en diferentes actividades para celebrar a semana da nosa Lingua.
     Ademais dunha exposición acerca da figura de María Victoria Moreno, sobre a que o noso alumnado está a traballar, faremos lecturas nas aulas de textos da autora e da obra “Doce cartas a María Victoria Moreno” de Ángela Gracián, adquisición recente da biblioteca.


         Por outra banda, o alumnado de 2º ESO está a participar nun Obradoiro de Regueifas impartido polos expertos regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís o Caruncho. Nestas dúas sesións seleccionaranse aos alumnos e alumnas que intervirán no Certame de Regueifas do Morrazo o día 31 de maio.


     Para rematar, un aviso ao alumnado que está a participar no concurso de relatos en galego, convocado pola ANPA, Biblioteca e Dinamización Lingüística: AMPLÍASE O PRAZO DE ENTREGA DOS RELATOS ATA O VENRES 18 DE MAIO.

Boa semana a todos/as!

08/05/18

FIC Bueu

Outro ano máis decidimos levar a escola ao cine para ver as mellores creacións dos directores de curtametraxes que participan no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

 
            
Manuel Pena, o director do FICBUEU, tivo a amabilidade de facernos unha selección de curtas da última edición coas que, tanto o alumnado de 1º e 2º da ESO coma o profesorado acompañante, desfrutamos contemplando, votando e comentando.



Abaixo tedes información e trailers das curtas visualizadas:

"TIMECODE" (España) de Juanjo Giménez.
 

"TARDE DE PESCA" (España) de Hugo de la Riva.
 
  
"BIG BOOM" (Rusia) de Marat Narimanov.

"LOS HOMBRES DE VERDAD NO LLORAN" (España) de Lucas Castán.
 

   

 "OFF" (Francia) de Thomas Scohy e Kevin Zonnenberg.

"LA INVITACIÓN" (España) de Susana Casares.

07/05/18

Concurso de relatos e certame fotográfico

     A Biblioteca, en colaboración coa ANPA e o Equipo de Dinamización Lingüística do centro, está a promover dous concursos dirixidos ao alumnado do IES Illa de Ons:
  • Un concurso de relatos para conmemorar o Día das Letras Galegas e homenaxear a Mª Victoria Moreno.
  • Un certame fotográfico co fin de seleccionar unha serie de imaxes que ilustrarán un calendario para o vindeiro curso.
     Aquí tedes os carteis promocionais e as bases dos dous concursos.






04/05/18

15/04/18

Casa O’Rei

   
     
     A seguinte lectura do Club será a obra teatral Casa O’Rei de Santiago Cortegoso. O autor propón con este texto un xogo escénico a partir do Rei Lear de William Shakespeare, ambientado aquí nunha típica casa de comidas galega.

     Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

     Ibuprofeno Teatro está actualmente de xira con esta obra teatral. Miguel Borines, Vitoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García (profesora de música do noso centro), Víctor Mosqueira e Xosé Manuel Esperante, dan vida aos personaxes baixo a dirección de Santiago Cortegoso.

11/04/18

Concursos "Humanísimos"

     Os concursos “Humanísimos” van dirixidos aos estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e con eles preténdese brindarlles unha oportunidade para coñecer mellor o Campus de Ferrol e as titulacións que ofrece. Así, convócanse certames de monólogos, de fotografía e de microrrelatos, cada un deles nas categorías de ESO e Bacharelato. Nos tres concursos, o prazo de presentación rematará o 31 de maio. 
Concurso de monólogos 
Os monólogos deberán ser orixinais e de creación propia do autor. Comezarán coa frase 
“No meu primeiro día na Universidade…” e terán una duración máxima de cinco minutos.
  
Concurso de microrrelatos 
O relato, dun máximo de 300 palabras,
terá que comezar coa frase “No meu primeiro día na Universidade…”

 Concurso de fotografía de bibliotecas
 Presentarase unha fotografía por concursante e necesariamente 
deberá gardar relación coa temática das bibliotecas.
 

09/04/18

María Reimóndez visita o noso centro

     O alumnado de 1º e 2º ESO leu, o pasado trimestre, a novela xuvenil “Corredora” da autora María Reimóndez. Esta obra literaria trata a historia de Genet Mullugueta, unha nena etíope á que lle encanta correr pola montaña. A fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai a pedir esmola nas rúas da cidade. Alí coñece a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que lle propón adestrarse e cambiar a súa vida por completo.


    Como actividade complementaria á lectura, e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convidamos a María Reimóndez para comentar a obra e falar das súas experiencias co proxecto Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega que fundou en 1998 e da que foi presidenta durante varios anos.
     


05/04/18

XIX Salón do Libro: “Mulleres de conto”

     Desde o 6 ata o 29 de abril, abre as súas portas o Salón do Libro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Preme na imaxe para acceder á programación 

     O tema desta edición é MULLERES DE CONTO e con ela o Salón do Libro pretende render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da Literatura Infantil e Xuvenil.


23/03/18

Mesa redonda sobre "Maus"

     Os alumnos e alumnas do club de lectura de 4º ESO leron Maus: Relato dun sobrevivente, unha novela gráfica do historietista estadounidense Art Spiegelman na que o autor entrevista ao seu pai acerca das súas experiencias como sobrevivente do Holocausto. Nesta obra as razas humanas represéntanse a través de diferentes tipos de animais: xudeus como ratos, alemáns como gatos e polacos non xudeus como porcos.

     
        A pasada semana tivo lugar na biblioteca do centro unha mesa redonda para comentar a obra. Nela participaron algúns alumnos e alumnas de 4º ESO e Xoán, profesor de Lingua e Literatura Galega. 


22/03/18

Poemas 21 Marzo

     Alejandra Louzao, Antía Piñeiro e Sheila Verde, de 3º ESO, foron as encargadas nesta ocasión de facer a montaxe dos poemas seleccionados polo alumnado, profesorado e persoal non docente para conmemorar o Día da Poesía. Nas imaxes podes ver unha selección de poemas en galego, portugués, éuscaro, castelán, inglés, francés e italiano.





19/03/18

21 de marzo - Día da Poesía

     Para conmemorar o Día da Poesía, o equipo da Bilbioteca propón ao alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons a selección e/ou creación de poemas en distintas linguas. Os textos escribiranse dentro de siluetas de globos de cores cos que decoraremos distintos espazos do centro.


08/03/18

GÚSTAME SER MULLER - 8 DE MARZO

     Por que me gusta ser muller? foi a pregunta que serviu de punto de partida a un grupo de alumnas do noso centro para reflexionar sobre diferentes aspectos relacionados co machismo, o trato desigual entre homes e mulleres ou as vantaxes de ser muller.

     Nos seguintes vídeos podedes ver a gravación desta conversa que tivo lugar na biblioteca do centro.




06/03/18

Doogle conmemorativo do nacemento de Gabo

     Tal día como hoxe, o 6 de marzo de 1927, naceu Gabriel José García Márquez, quen despois se convertería en Gabo para os amigos e admiradores. Premio Nobel de Literatura e creador de obras clásicas e imprescindibles como "Cien años de soledad", "El coronel no tiene quien le escriba", "El otoño del patriarca", "Crónica de una muerte anunciada" y "El amor en los tiempos del cólera", Gabriel García Márquez foi un autor universal, protagonista e máximo expoñente do interese do mundo pola literatura hispanoamericana.

     No día de hoxe, Google homenaxea a este grande da literatura cun fermoso doodle* que evoca as paisaxes oníricas de Macondo, o pobo ficticio de "Cien años de soledad", de "Los funerales de la Mamá Grande", de "La hojarasca" o de "Monólogo de Isabel viendo llover en Macondo".

 
* Os doodles son os creativos deseños que a empresa Google utiliza para decorar o seu logotipo base e conmemorar festividades, aniversarios e as vidas de coñecidos persoeiros.

02/03/18

Lectura e dramatización da obra "A rateira"

     O alumnado de 1º ESO que forma parte de club de lectura, acompañado polas coordinadoras do club e da biblioteca, reuniuse na tarde de onte no centro para facer unha actividade de lectura, caracterización e dramatización da obra "A rateira" de Agatha Christie. 
     
     O seguinte vídeo resume esta actividade na que non faltaron risas, sorpresas e unha merendola!




16/02/18

Book trailer "A rateira" de Agatha Christie

     Para motivar ao alumnado en xeral, e ao do club de lectura en particular, a ler a obra "A rateira" de Agatha Christie, o equipo da biblioteca creou este book trailer que foi proxectado hoxe durante o recreo no noso centro.

    
     Os protagonistas son profesores e profesoras do IES Illa de Ons e o responsable da cafetería, aos que queremos agradecer a súa participación e profesionalidade.

15/02/18

Entroido no IES Illa de Ons


GAÑADORES/AS DO CONCURSO DE CARETAS E CABEZUDOS:



CATEGORÍA: MELLOR ELABORACIÓN

1º Premio: León - Iria Rodríguez Iglesias (1º ESO B)

2º Premio: Raposo - David Juncal López (3º ESO B)

3º Premio: Loro - Zaira Ogando Villar (1º ESO A)

4º Premio: Hatsune Miku - Eva ÁLvarez Martínez (1º ESO B)

CATEGORÍA: MÁIS CREATIVA

1º Premio: Cabezudo de cartón - Antía Piñeiro Otero (3º ESO B)

2º Premio: Galiña - Alejandro Entenza Cruz (1º ESO A)

3º Premio: Rinoceronte - Javier Ferradás Loira (3º ESO A)

4º Premio: Amanita Muscaria - Xavier Graña Lobeira (3º ESO A)

CATEGORÍA: ANTIFACES

1º Premio: Veneciana (bufón) - Laura Bernués García (3º ESO A)

2º Premio: Anubis - Breixo Barco Chamadoira (1º ESO B)

3º Premio: Veneciana - Teresa Bernárdez López (3º ESO A)

30/01/18

VI Certame de Relato Curto FANPA


     A FANPA (Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos) de Pontevedra bota a andar unha nova edición do Certame de Relato Curto que convoca en colaboración con Kalandraka Editora, e que conta co apoio do Concello de Pontevedra e da Deputación provincial.
    
     Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Na categoría de adultos poderán participar profesorado e familiares que convivan co alumnado, así como o alumnado matriculado nas facultades dos campus de Pontevedra e Vigo. Cada persoa poderá presentar un relato inédito que conteña entre 200 e 300 palabras que deberá enviar por correo electrónico antes do 28 de febreiro ao enderezo certame.relatocurto@nontedurmas.org.

     Establécense catro categorías –primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e adultos– e un premio para cada unha dun vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Óscar Villán. Ademais, os 120 finalistas recibirán un libro colectivo cos seus relatos, que incluirá unha historia elaborada expresamente para o certame polo escritor Antonio García Teijeiro. Estes relatos tamén serán publicados polo Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.

     Dos 120 finalistas, o xurado destacará 20 relatos finalistas, entre os que escollerá o gañador de cada categoría, que poderán participar nun obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da AELG.

17/12/17

Exposición Page Tsou - 'Hide-and-seek'


     A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde o 7 de decembro e até o 14 de xaneiro a mostra Hide-and-seek [xogo do agocho] do artista Page Tsou (Taiwan, 1978) que exhibe a súa obra en España por segunda vez. A exposición reúne dez proxectos que comprenden máis dun centenar de orixinais do autor taiwanés, coñecido polos seus deliciosos e galardoados libros ilustrados para nenos.

     As obras de Page Tsou son unha fusión de técnicas nas que se poden apreciar influencias do cómic xaponés, da arte urbana e da pintura tradicional oriental.
     A mostra recrea un mundo  onírico, onde as súas mensaxes esconden lecturas diversas —a influencia de René  Magritte está patente en toda a súa obra—. O título da mostra é en si un xogo de palabras: “Gústame debuxar incluíndo sinais ocultos e distintos significados. A maioría das miñas obras son libros ilustrados nos que se tratan certos temas serios envoltos da inocencia e a diversión dos nenos. Esta é a idea principal que reflicte a exposición”, explica  Tsou.

     En torno á mesma e con ánimo de achegar o universo da arte ao público máis novo, celebraranse diferentes obradoiros.

14/12/17

Lecturas e música recomendadas

     A Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo elaborou as seguintes guías de lectura e música para as vindeiras vacacións. A semana próxima o centro distribuirá entre o noso alumnado as guías impresas de secundaria.


 https://issuu.com/ceipseixo/docs/guia_definitiva_secundaria_16-17

https://issuu.com/ceipseixo/docs/guia_definitiva_primaria_16-17

https://issuu.com/ceipseixo/docs/guia_de_lecturas_para_infantil__201

07/12/17

Vídeo actividades 25 N

     En entradas anteriores anunciabamos as diferentes actividades que o noso centro ía levar a cabo para conmemorar o Día da Non Violencia Contra as Mulleres. O seguinte vídeo resume esa xornada na que colaboraron tanto alumnado coma profesorado e persoal non docente do noso centro.




Algúns poemas que as rapazas recitaron:
 
 E Deus fíxome muller de Gioconda Belli 

E Deus fíxome muller,
de cabelo longo,
ollos, nariz e boca de muller.
Con curvas e marcas
e suaves vagoadas
e cavoume por dentro,
fíxome un taller de seres humanos.
Teceu delicadamente os meus nervios
e balanceou con coidado
o número das miñas hormonas.
Compuxo o meu sangue
e inxectoume con ela
para que irrigara
todo o meu corpo;
naceron así as ideas, os soños, o instinto.
Todo o que creou suavemente
a marteladas de soplidos
e taladrazos de amor,
as mil e unha cousas que me fan muller todos os días
polas que me levanto fachendosa
todas as mañás
e bendigo o meu sexo.



Eu de Florbela Espanca

Eu sou a que no mundo anda perdida,
Eu sou a que na vida não tem norte,
Sou a irmã do Sonho, e desta sorte
Sou a crucificada ... a dolorida ...

Sombra de névoa ténue e esvaecida,
E que o destino amargo, triste e forte,
Impele brutalmente para a morte!
Alma de luto sempre incompreendida! ...

Sou aquela que passa e ninguém vê ...
Sou a que chamam triste sem o ser ...
Sou a que chora sem saber porquê ...

Sou talvez a visão que Alguém sonhou,
Alguém que veio ao mundo pra me ver
E que nunca na vida me encontrou! 
 
 
 
Explosión de Delmira Agustini
 
¡Si la vida es amor, bendita sea!
Quiero más vida para amar! Hoy siento
que no valen mil años de la idea
lo que un minuto azul de sentimiento.

Mi corazón moría triste y lento...
Hoy abre en luz como una flor febea.
¡La vida brota como un mar violento
donde la mano del amor golpea!

Hoy partió hacia la noche, triste, fría...
rotas las alas, mi melancolía;
como una vieja mancha de dolor

en la sombra lejana se deslíe...
¡Mi vida toda canta, besa, ríe!
¡Mi vida toda es una boca en flor!
 

30/11/17

Culturgal

     
     Esta fin de semana celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a décima edición de CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais.
     CULTURGAL conta de con máis de 80 stands dedicados a libros, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía... e cun programa de ao redor de 120 actividades propias: concertos, espectáculos familiares, encontros con escritores, estreas de filmes e moito máis.
     Na seguinte ligazón podes acceder ao PROGRAMA.

23/11/17

Programa de actividades. 25 Novembro.

     A continuación presentamos o programa de actividades que o noso centro levará a cabo mañá venres para conmemorar o día 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.



19/11/17

25 de novembro

     Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca están a organizar unha xornada con actividades contra a violencia de xénero para conmemorar o día 25 de Novembro. 
     Unha das propostas da biblioteca é a elaboración dun grande *caligrama con forma de bolboreta (imaxe representativa desta data) e con textos en cores que rexeiten a violencia de xénero.

     A vindeira semana, os voluntarios e voluntarias da Biblioteca proxectarán o contorno da bolboreta nun grande papel branco, onde cada un/unha de nós poderá escribir a súa palabra, frase, poema, canción...

*Caligrama:
 A representación gráfica a partir dun escrito coñécese co nome de poesía visual ou caligrama. Xeralmente, os textos nos que se basea son poéticos e neles as palabras dispóñense coa intención de representar graficamente o seu contido.
Ao longo da historia, atopamos numerosos exemplos de representacións que xogan co texto e coa imaxe: os xeroglíficos exipcios, as iconográficas escrituras orientais..., pero as orixes da poesía visual cunha intención artística sitúanse na literatura occidental cos technopaegnia (caligramas) ou carmina figurata (en latín).
Os primeiros caligramas coñecidos foron realizados por poetas gregos do período helenístico (Simias de Rodas, Teócrito, Dosíadas…). Xorden de ofrendas relixiosas sobre as que se inscribían o nome do doador e a doazón distribuídos en liñas que, por necesidade, se adaptaban á forma do obxecto ofrecido.
Máis tarde, xa na Idade Media e sobre todo no Manierismo (literatura labiríntica e xeroglífica), retómanse de novo, pero non será ata o século XIX coas vangardas europeas cando se converta nun xénero específico da literatura.
Co poeta vangardista francés Guillaume Apollinaire, os caligramas póñense de moda nas primeiras décadas do século XX. Tamén na literatura hispánica destacan grandes autores como Guillermo Cabrera Infante, Juan José Tablada, Oliverio Girondo e, no panorama literario español, foron creadores de caligramas, entre moitos outros, Ramón Gómez de la Serna ou o catalán Joan Brossa.
Actualmente, existe unha xeración de poetas visuais que empregan os medios dixitais nas súas creacións; esta recente modalidade de xerar arte mesturando texto e imaxe coñécese como Net.Art ou Net.Poesía.

15/11/17

Novas adquisicións de novela gráfica

     A pasada semana visitou o noso centro Carlos González, o responsable de Wells Libros, en Cangas, para falarnos das novidades en cómic e novela gráfica coas que conta a súa libraría.
     Animamos ao alumnado e profesorado do centro a pasarse pola biblioteca para ver as novas adquisicións nesta sección.



07/11/17

Vídeo-resumo da celebración do Samaín

     No seguinte vídeo podedes ver un resumo das actividades desenvolvidas durante a celebración do Samaín no IES Illa de Ons. En próximas entradas publicaremos algunhas das lecturas de terror realizadas polo alumnado de 3º ESO na materia de Lingua Castelá e Literatura.


02/11/17

Samaín 2017