Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/10/22

Ampliación prazo concurso de micropesadelos

     Aínda que xa está a urna sanguenta case chea de pesadelos, o equipo da biblioteca decidiu ampliar o prazo do concurso de microrrelatos ata o vindeiro mércores 2 de novembro. 


Imaxe dunha visita terrorífica que tivemos hoxe na biblioteca.

25/10/22

Bookface

      Pois xa temos algunhas imaxes da actividade proposta para celebrar o Día das Bibliotecas. Non descartamos propoñela para outra ocasión porque hai xente que quedou con gana de máis… 



Moitas grazas pola vosa participación!

22/10/22

Bookface no Día das Bibliotecas

     Para celebrar o 24 de outubro, Día das Bibliotecas, propoñemos á comunidade educativa do noso centro a participar nunha actividade coñecida como Bookface. Consiste na realización dunha fotografía utilizando a portada dun libro na que apareza unha parte da anatomía humana e facer un posado con el, de maneira que completemos co noso propio corpo a imaxe representada.

     Anímate a enviarnos unha montaxe (biblioteca@iesillaons.com) ou pásate pola biblioteca a facer a fotografía, é moi sinxelo! 

     Ensinámosvos uns exemplos realizados por Carlota, Carla, Dafne, Ariadna, Xiana, Antía, Enara e Eva, alumnas de 4º ESO.


     Coas imaxes enviadas elaboraremos unha presentación que publicaremos neste blog e proxectaremos no noso centro.

20/10/22

Bea, á procura da luz

 

Ligazón á publicación sobre a imaxe

     Esta semana visitou o noso centro Verónica Salazar (“Bea”), unha figura importantísima no activismo feminista salvadoreño e defensora dos dereitos humanos. Cando era nova, e en pleno conflito armado, Bea uniuse á guerrilla motivada polas situacións de inxustiza que observaba ao seu redor. Logo da guerra comezou a traballar na recollida de información en casos de asasinatos machistas e hoxe, 30 anos despois, forma parte de dúas organizacións feministas que traballan na protección dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e as nenas e na defensa da cultura da paz.
     Verónica conversou co alumnado de 4º sobre a terrible realidade que viven as nenas e mulleres no Salvador e presentou a publicación "Bea, á procura da luz", un relato da Colección Defensoras de Dereitos que ten como obxectivo a difusión das loitas de mulleres en distintas partes do mundo.


     Nesta ligazón podedes acceder a toda a colección que inclúe, ademais da historia de Verónica, os relatos de Haydée Castillo (Nicaragua), Miriam Suazo (Honduras), Estela Ángeles Mondragón (México) e María Cuc Choc (Guatemala).

Carteis gañadores do concurso de Samaín

      Pois xa temos gañadoras do concurso de carteis de Samaín que promocionan o concurso de micropesadelos. Noraboa a Rocío Pereira Martínez (2º ESO B) e Emma Freire Paz (4º ESO C) polos seus terroríficos deseños! A entrega de premios terá lugar a primeira semana do mes de novembro na biblioteca.

     Parabéns tamén ao resto de participantes polas súas arrepiantes creacións!

     Recordamos ao alumnado interesado en participar no CONCURSO DE MICROPESADELOS, que poden depositar o seu relato na urna sanguenta da biblioteca ata o venres 28 de outubro.

09/10/22

Concurso de carteis

     Entre as actividades para celebrar o Samaín, a biblioteca propón un concurso de carteis dirixido ao alumnado do noso centro. Anímate a participar! 

Non esquezas presentar a túa proposta antes do luns 17 de outubro na biblioteca do IES Illa de Ons.



02/10/22

Actividades interdisciplinarias e "Hora de ler"

    A pasada semana o equipo da biblioteca tivo varias xuntanzas con algúns departamentos do centro e co Equipo de Dinamización da Lingua Galega para deseñar actividades interdisciplinarias nos distintos grupos. Ademais elaboramos o calendario da "Hora de ler"que dará comezo esta vindeira semana e que xa foi distribuído por todas as aulas do centro.




23/09/22

Inicio do curso na biblioteca

Imaxe de Tatsuya Tanaka

    Benvidos a todos e todas! Comezamos un novo curso escolar con algunhas novidades na biblioteca do IES Illa de Ons. As máis salientables son a recuperación do aforo no espazo principal e o restablecemento dos puntos de lectura informal do 1º e 2º andar, a apertura total da sección de xogos (o curso pasado por protocolo COVID só estaba dispoñible unha parte), as clases impartidas desde algunhas materias na propia biblioteca e as actividades de formación de persoas usuarias nos distintos grupos.

   Por outra banda, durante estas primeiras semanas de curso, o equipo da biblioteca estivo a facer tarefas de xestión: altas e baixas do alumnado, profesorado e persoal non docente; detección das necesidades dos departamentos; compra, catalogación e etiquetado de exemplares; disposición espacial e ordenación de fondos...

    Ademais, ao equipo de voluntariado da biblioteca sumouse este curso un pequeno grupo de alumnas de 1º ESO que xa están a recibir formación por parte das súas compañeiras máis veteranas para a realización das distintas actividades de organización.

24/06/22

Premios “Tes un minuto?”

    O pasado martes 21 de xuño tivo lugar, no Centro Social do Mar de Bueu, o acto de entrega de premios do certame de vídeos “Tes un minuto?”, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro e coa colaboración da ANPA.

    A este evento, no que participou toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons, foron invitados Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Manuel Pena, director do Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu. O acto comezou coa lectura do poema de Manuel María “A fala” por parte do alumnado e profesorado.

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

     A continuación fíxose entrega dos premios ás mellores creacións audiovisuais. Na categoría de vídeo titorial a gañadora foi Mariña Fernández, na de vídeo familiar, Pablo Loira, na de vídeo documental, Román Parada, o máis creativo foi o vídeo musical “Tola tras de ti” dun grupo de alumnos e alumnas de 3° ESO B, e na categoría de mellor vídeo á promoción da igualdade o gañador foi Pedro Costas. Tamén foron entregados dous galardóns a series de vídeos; o accésit foi para o vídeo sobre o tempo, de Antía Riobó e Saray Santomé, e as gañadoras do primeiro premio foron Daniela, Catalina e Mariña cos tres vídeos de un minuto explicando como facer o cacho de San Xoán. Fóra das categorías temáticas entregáronse os premios aos mellores vídeos, o primeiro recibiuno Cristian Verde, o segundo, Manuel Soliño, o terceiro, Xavi Martínez, o cuarto, Daniela Otero e o quinto, Alba Gallego.

     A gala contou con varias interpretacións musicais, nas que participaron alumnas e alumnos dos distintos cursos, e rematou cunha actuación na que alumnado, profesorado, persoal non docente e ANPA bailaron en prol da diversidade e o respecto a ritmo de Tanxugueiras co seu “Pano corado”.

13/06/22

Fitofaladoiro Ons


     Durante este curso o noso centro participou no proxecto Fitofaladoiro Ons, incluído dentro do Plan Proxecta, cuxo obxectivo principal consistiu en facer unha labor de investigación sobre o tipo de vexetación da nosa contorna máis próxima. O ámbito familiar e veciñal foi unha das principais fontes de información acerca dos nomes e diferentes usos das plantas, que os propios rapaces e rapazas rexistraron nun herbario. A concienciación da importancia de preservar o noso patrimonio e do proveito da memoria colectiva así como o fomento do uso do galego, foron outros dos obxectivos que promoveron as actividades incluídas no proxecto. 

     Na web do FITOFALADOIRO ONS recóllense os resultados deste traballo no que, ademais da Biblioteca, participaron os departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua e Literatura Galega, Educación Física e Debuxo.

11/06/22

Poemas con preposicións

     As preposicións son palabras que serven de enlace dunhas unidades gramaticais con outras. Poñendo como exemplo este poema de Cristóbal Malló Ferrer, a profesora Amalia Graña propuxo ao alumnado de 4º a creación de poemas utilizando preposicións no inicio de cada verso.

Ó vento. 
Ante o mar. 
Baixo a terra. 
Cabe o sol. 
Coa lúa. 
Contra o tempo. 
Desde o día. 
Na luz. 
Entre a néboa. 
Cara a Deus. 
Ata a morte. 
Polo amor.
Para o amor. 
Segundo o desexo. 
So os bicos. 
Sobre os ósos. 
Tralos teus ollos.

Amosamos a continuación unha selección dos poemas creados.






02/06/22

Tes un minuto?

 


     Lembramos ao noso alumnado que o prazo de entrega dos vídeos para o proxecto “Tes un minuto?” foi ampliado ata o día 15 de xuño.

20/05/22

Videopoemas

      Na materia de Lingua Galega e Literatura de 3º ESO, a profesora Amalia Graña estivo a traballar co alumnado na creación de videopoemas, unha forma de poesía visual que incorpora imaxe, texto e música, na que se combina a linguaxe fílmica coa lingua poética. Tras visualizar distintos exemplos e analizar os elementos básicos empregados neles, propúxose ao alumnado crear un videopoema a partir do seu texto preferido ou dun texto de creación propia. Ademais tiveron que seleccionar a banda sonora e capturar imaxes fixas ou en movemento, tendo en conta a idoneidade dos medios técnicos para a súa gravación e posterior edición. 
 
    Amosamos algúns dos videopoemas creados:
 

Gael Calviño Comedeiro

 

Eva Dopazo Piñeiro

 


Noa Pastoriza Ferradás
 
 

Rocío Comedeiro Losada
 
 

Pedro Costas García
 
 

Cristina Cruz Paz
 
 

Gabriel Cruz Paz 
 
 

Adrián Graña Lobeira 
 
 

Alba Otero Dacosta
 
 

Antón Otero Medal 



Emma Freire Paz

19/05/22

Adiviña, adiviñanza…

     Os alumnos e alumnas de 2º ESO B, guiados pola profesora Amalia Graña, crearon unha serie de adiviñas para as que utilizaron distintos recursos expresivos. Es quen de atopar as solucións?




16/05/22

Florencio Delgado Gurriarán

    Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, a Biblioteca do IES Illa de Ons adquiriu dous libros para coñecer un pouco máis a obra e a vida de Florencio Delgado Gurriarán. Miro Villar e Héctor Cajaraville recollen nestas dúas biografías a traxectoria do poeta valdeorrés.

      O alumnado do noso centro estivo a traballar esta semana en distintas actividades arredor da figura do autor e da época na que desenvolveu a súa obra, utilizando como material orientativo a guía didáctica e os carteis divulgativos da exposición que puxo á nosa disposición a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

12/05/22

Contacontos en 1º e 2º ESO

O pasado luns visitou o noso centro Boniface Ofogo, contacontos camerunés especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra.



Boniface naceu en Bogondo, pobo situado no centro de Camerún, en 1966. É autor de Unha vida de conto, unha autobiografía na que se resalta a importancia da tradición oral en África, e do libro O león Kandinga, que forma parte da inesgotable tradición oral dos bantú, unha tribo que vive nas sabanas e selvas africanas, desde o centro de Camerún ata Sudáfrica.
 

10/05/22

Letras Galegas e Colectivas en Bueu

    Coa colaboración de diversos colectivos culturais e veciñais da vila,  O Concello de Bueu organiza as ‘Letras Galegas e Colectivas’. Cinema, música, contacontos ou recitais poéticos serán algunhas das actividades que levarán as Letras Galegas a diversos lugares, como Beluso, Sanamedio, Cela ou Meiro.

Ciclo de Cinema Galego
    O Cineclub Bueu organiza todos os venres deste mes unha serie de proxeccións de cinema galego, que se poderán ver ás 21 horas no Centro Social do Mar. 
 Na parroquia de Beluso
    A Asociación Cultural Novos Ventos, coa colaboración do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, programará na Casa do Pobo da parroquia diversos eventos tanto para a cativada como para o público adulto. 
    Desenvolverase tamén un obradoiro de iniciación ao baile tradicional e o mesmo día das Letras Galegas celebrarase a XXI Romaría das Letras.
Na parroquia de Cela
    A Asociación Cultural Costumes de Cela organiza o 21 de maio un festival que se celebrará a partir das 17.30 horas no Eirado de Cela. Alí terá lugar a representación teatral de “Sabela e o paxaro máxico” da compañía Tarabelos Teatro e a entrega de premios do concurso de microrrelatos e de debuxo. A xornada rematará coa actuación do grupo tradicional Retrouso e coa animación e xogos tradicionais para a cativada a cargo de Barafunda Teatro.
No lugar de Meiro
    Da man da Asociación Veciñal A Morada celebraranse as Letras Galegas na Casa da Aldea de Meiro o domingo 22 de maio a partir das 19 horas, cando terá lugar a presentación do libro Peroxo. Un rapaz de aldea.