1. A elaboración dun vídeo2. En galego3. Cunha duración de un minuto4. En formato mp4 e peso máximo de 90 MB.
Foto biblioteca
28/10/21
Tes un minuto?
25/10/21
Xa chega o Samaín
21/10/21
Día das Bibliotecas
Co gallo da celebración o vindeiro 24 de outubro do día das Bibliotecas, a Rede de Bibliotecas do Concello de Bueu realizará na Biblioteca Torrente Ballester unha serie de actividades de interese para a nosa comunidade educativa.
Por unha banda organizarase unha pequena exposición con títulos literarios que forman parte do seu fondo e que xiran arredor do libro, a lectura, ou os espazos para ler. Teñen auténticas xoias para todas as idades nas que a literatura, lectura, ou o libro en si, son protagonistas.
Por outra banda, como a súa intención é que os rapaces e rapazas do Concello de Bueu recoñezan a Biblioteca Municipal, non só como lugar de encontro para a lectura e o estudo, senón tamén como espazo de entretemento, teñen preparado un xogo: CITA CO LIBRO. Os usuarios e usuarias que se acheguen á biblioteca poderán intentar adiviñar, mediante as pistas que se lles proporcionará, o libro que se agocha nunha caixa. Organizaranse tres categorías de participación: infantil ( 0 a 11 anos), xuvenil (12 a 16 anos) e adulto (17 en diante). As persoas que acerten terán un agasallo en forma de libro, e os que non, tamén…
Animádevos a participar!
18/10/21
Melloras no espazo creativo
Neste mes de outubro o equipo da biblioteca estivo a facer melloras no espazo creativo. Co premio recibido polo noso proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística #SonMonte, este pasado curso académico, o centro mercou distintos materiais para a realización de pezas audiovisuais: soportes fixos e móviles para fondos fotográficos, fondos de papel de distintas cores, paneis absorbentes para mellorar a acústica das gravacións, micrófonos, trípodes e unha mesa de fotografía para obxectos.
12/10/21
Xestión, actividades e hora de ler
Durante estas primeiras semanas de curso o equipo da biblioteca, coa colaboración das voluntarias, estivo a facer distintas tarefas de xestión da biblioteca: altas e baixas do alumnado, profesorado e persoal non docente; detección das necesidades dos departamentos; compra, catalogación e etiquetado de exemplares; disposición espacial e ordenación de fondos; recompilación de materiais para mellorar a biblioteca virtual…
Tamén organizamos xuntanzas con algúns departamentos para deseñar actividades interdisciplinarias neste primeiro trimestre e elaboramos o calendario da hora de ler, co que empezamos a semana pasada na 1ª sesión de cada xornada.
16/09/21
26/06/21
Despedimos o curso
Despois dun duro ano de pandemia, no IES Illa de Ons quixemos despedir o curso ofrecendo ao noso alumnado interesantes e variadas propostas de actividades: sendeirismo, baixada en bicicleta polo monte, obradoiros de ilustración con Luis Davila, Marc Taeger e Joshua Acuña, taller de poesía visual con Lois Gil Magariños, obradoiro de hip-hop impartido por Serxio García, proxección de curtametraxes seleccionadas polo FIC Bueu no Centro Social do Mar, actividade “Orientarse no mar” no Museo Massó e un acto de graduación para despedir ao alumnado de 4º de ESO, que este ano remata a súa etapa educativa no noso centro.
O seguinte vídeo resume estas entretidas xornadas.
22/06/21
Adiviña, adiviñanza…
Mañá comezan as vacacións e desde a biblioteca queremos desexarvos un feliz verán e animarvos a realizar actividades variadas neste tempo de lecer: pasear, ler, facer deporte, ver cinema e teatro, cociñar, escoitar música, escribir, debuxar, xogar e conversar coas amizades e a familia, resolver pasatempos…
Podedes comezar por atopar as solucións a estas adiviñas, creadas polo alumnado de 2º ESO coa profesora Amalia Graña, a partir de distintos recursos expresivos: comparacións, metáforas, personificacións, paradoxos…
18/06/21
Entrega de libros asinados
Hoxe foron entregados na Biblioteca, os premios acadados polo alumnado de 2º ESO no Kahoot sobre Xela Arias proposto por Anxo Rajó na súa visita polas Letras Galegas.
Xoán Rodríguez, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, entregou a Gael, Enara, Antón, Lara, Carlota, Rodrigo, Miguel T., Brian, Miguel B., Marta, Sara, Cristina, Inés e Alba cadanseu libro dedicado polo propio Anxo, autor da biografía Xela Arias. Poeta e tradutora.
17/06/21
Actividades remate de curso
A próxima semana remata o curso escolar e a biblioteca está a colaborar cos demais departamentos e a dirección do centro na planificación dunha serie de actividades para despedirnos. No seguinte cartel mostramos as saídas que faremos e os estupendos artistas que visitarán o Illa de Ons os vindeiros luns e martes.
A pasalo moi ben!
14/06/21
Lecturas para o verán
Lembramos ao alumnado, profesorado e persoal non docente, que a biblioteca fará préstamos para este verán. Aínda que durante o curso emprestamos un máximo de tres exemplares á vez, nas vacacións o alumnado poderá levar ata cinco libros que deberá devolver en setembro.
Ademais das novidades de temáticas diversas que durante este curso fomos adquirindo, recordámosvos que as seccións de igualdade e inclusión teñen tamén títulos moi recentes e interesantes.
Entre as lecturas que recomendamos temos estes dous títulos asinados polos propios autores, agasallo da Librería Miranda de Bueu:
Visitantes da estrela vermella, de Tomás González Ahola, e A caída de Guiomar, de Alba Rozas, foron presentados nun acto organizado pola Libraría Miranda o pasado día 12 no Centro Social do Mar de Bueu. Estes dous libros forman parte da colección "A miña primeira novela de..." fundada por Contos Estraños Editora.
Moitas grazas!
10/06/21
Club de lectura con Montse Villar
As pasadas semanas, o club de lectura centrou a súa actividade arredor da obra poética da súa coordinadora, Montse Villar. Montse, ademais de profesora de Lingua e Literatura Castelá, é unha grande poeta, licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Portuguesa, profesora tamén de ELE (Español como Lingua Estranxeira), autora de materiais e manuais didácticos, conferenciante e formadora de profesores, tradutora de autores portugueses, colaboradora en blogues e encontros literarios...
02/06/21
20 Aniversario de Umbrela
Aló polo ano 2001 nacía a revista Umbrela da man do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Illa de Ons. Para celebrar o seu aniversario organizamos unha exposición cunha escolma dalgúns dos materiais publicados durante estes 20 anos, nos que Umbrela rexistrou as vivencias da nosa comunidade educativa.
Na editorial do último número da revista, que está a piques de publicarse, Xoán Rodríguez rememora algúns dos episodios da súa historia:
01/06/21
Cartas e fotografías gañadoras nos concursos da ANPA
Hoxe tivo lugar, na biblioteca do centro, o acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras do I Concurso de Cartas de Amor e Amizade e do IV Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", organizados pola ANPA en colaboración coa Biblioteca. Nesta ocasión foron Mari Nores e Miriam Cabanelas, presidenta e vicepresidenta da ANPA, as encargadas de facer entrega ao noso alumnado dos diferentes premios.
30/05/21
Entrega de premios Concursos ANPA
Lembramos ao alumnado participante no I Concurso de Cartas de Amor e Amizade e no IV Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", que o vindeiro martes 1 de xuño, ás 11:30 h, terá lugar na biblioteca do IES Illa de Ons a entrega dos premios. Para poder respectar co límite de aforo establecido, pregamos que só asista a este acto o alumnado que presentou traballos nalgunha das dúas convocatorias.
Moitas grazas pola vosa colaboración.
29/05/21
Biblioteca virtual
Continuamos actualizando a biblioteca na aula virtual do IES Illa de Ons. Recordade que tedes distintos materiais á vosa disposición: acceso a lecturas dixitalizadas, cultura aberta, audiolibros, páxinas de interese para as distintas materias, xogos en liña...
23/05/21
22 segundos
Hai uns días, unha parte do alumnado de 3º ESO reuniuse na biblioteca para debater sobre distintos aspectos do libro 22 segundos, de Eva Mejuto. Xoán Rodríguez, profesor de Lingua Galega e Literatura, actuou como moderador desta actividade na que participaron Pedro, Zulema, Pablo, Víctor, Lois, Manuel, Breixo, Noemí, Brais, Noel, Fran e Álex. Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación.
Ficha do libro publicado por XERAIS
O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase."Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá -ou non quererá comprender- nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. "22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe -sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas.
22/05/21
Xela Arias. Poeta e tradutora.
O venres tivemos unha visita moi especial no Illa de Ons. Anxo Rajó, exprofesor de Lingua Galega e Literatura do noso centro, veu presentar o seu libro Xela Arias. Poeta e tradutora, da editorial Ir indo. Anxo achegounos a Xela dun xeito moi emotivo, facendo un percorrido pola súa vida desde a infancia en terras luguesas e pola súa obra no eido da literatura como filóloga, poeta e tradutora. A continuación propuxo ao alumnado de 2º ESO a participación nun Kahoot sobre a autora e asinou libros aos gañadores e gañadoras.
Anxo, ademais de escritor e profesor no ensino secundario, foi tamén coordinador da Enciclopedia Universal Galega, do Dicionario Enciclopédico Galego Universal e colaborador no Dicionario de galego de Ir Indo; é membro da Fundación Premios da Crítica Galicia e traballou na sinalización de zonas naturais e históricas deseñando unha interesante rede de roteiros de grande valor medioambiental, algúns deles no noso concello.
Moitas grazas pola túa visita, Anxo. Estrañámoste!
17/05/21
Feliz día das Letras Galegas!
Hoxe, Día das Letras Galegas, recordamos a Xela Arias, unha voz “singular, transgresora e comprometida” en palabras da Real Academia Galega, que renovou nos anos 80 a poesía galega e foi pioneira na tradución de clásicos. Esta semana traballaremos arredor da figura da escritora, poeta e tradutora con distintos materiais adquiridos pola biblioteca.
“Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro"
E o venres... agárdanos unha sorpresa!
10/05/21
A roupa non ten xénero
Alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons secundou, a semana pasada, a iniciativa "A roupa non ten xénero", promovida por un grupo de rapazas do IES Johan Carballeira e que reivindica a liberdade de expresión e a identidade de xénero. O proxecto, que leva desenvolvéndose no centro veciño desde o día 4 de novembro, dá continuidade a unha protesta a nivel nacional en apoio a Mikel, un alumno dun centro educativo do País Vasco que foi discriminado por un profesor por asistir a clase con saia. Esta actividade final, á que todos e todas as participantes acudimos con saias ou vestidos, contou tamén co apoio do alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe A Pedra, o alcalde de Bueu e outros membros do concello.
Ademais do manifesto lido polas rapazas e un fermoso texto reivindicativo escrito por Antía Novas (exalumna do noso centro), o alumnado de 3º ESO do Illa de Ons interpretou unha batucada e entre todos e todas fixemos pintadas na rúa e elaboramos, con prendas de roupa "recortables", unha pancarta que decoramos con proclamas en favor da igualdade, o respecto e a liberdade.


































