Foto biblioteca

Foto biblioteca

25/03/13

Visita ao salón do libro de Pontevedra



Este mércores 20 de marzo, para descansarmos un pouquiño de tanto exame seguido, fomos todos os de primeiro ata o Salón do Libro de Pontevedra. A algún o nome parecíalle algo aburrido, pero puidemos entrar nun ordenador xigante, vimos un antiquísimo "camión" de bombeiros, gramófonos, calculadoras "prehistóricas", unha morea de máquinas e engranaxes e ata aprendemos curiosidades sobre a orixe da colocación das letras nos teclados dos ordenadores e dos móbiles. Ah, e fixemos un novo amigo, que sae aquí na foto no momento de chegar a Pontevedra desde a súa casa de Canislupilandia.

Despois viñeron en cirolas Mofa e Befa coa obra Románticos, na que foron desfilando (e facendo monecadas) un montón de escritores desta época: Lord Byron, Mary Shelley co monstro de Frankenstein, Rosalía, Bécquer... Xusto despois fixo a súa aparición o Holandés Errante, surcando os mares do mundo cuns curiosos efectos especiais a base de plástico e ventilador. Ao final, non sei se quedou de todo claro se era máis romántico este mariñeiro eterno ou tomar molladuras indo aos partidos invernais do Racing de Ferrol. Que cadaquén tire a súa conclusión.
A pesar de tanto "traballo", aínda nos quedou algo de tempo para choutar pola Illa das Esculturas e internarse polo seu estreito labirinto.
Crónica: Moisés

Ningún comentario: