Foto biblioteca

Foto biblioteca

06/05/13

Primeiro da ESO en busca do conto perdido


A Biblioteca Municipal de Bueu e a editorial Nivola convidáronnos hoxe pola tarde a unha entretida charla na que unha matemaga conseguiu presentarnos xuntos o mundo das narracións tradicionais e o dos números. Tomando como fío condutor unha partida de oca, na que se enfrontaron moi duramente o EQUIPO AZUL contra o EQUIPO AMARELO, entre todos fomos resolvendo as diversas cuestións que nos foron poñendo, sempre sobre os contos de toda a vida: Cincenta, Carapuchiña Vermella, Alicia no País das Marabillas... E asegúrovos que algunha de fácil non tiña nada, sobre todo unha que consistía en acertar unhas claves. Menos mal que deu coa solución certa rapaza de Beluso, que se non algúns aínda estamos agora dándolle voltas á cabeza. Tamén tivo o seu momento estelar Cristian Piñeiro, que tivo que saír diante de todos para escoitar, cos ollos tapados, diversos sons e intentar relacionalos cos seus recordos. Houbo a quen lle parecía moi fácil a cousa pero, claro, cos ollos abertos calquera!
Unha das cousas máis interesantes foi cando se falou dos significados ocultos dos contos. Que se o sangue indicaba falta de pureza, que se referencias sexuais ocultas... Vaia, que eu nunca me fixara en que os contos se podían entender de varias formas. Haberá que ler algún outra vez. Por alí xa había quen estaba disposto! Ao mellor, ata os hai nesa biblioteca: polo menos na sala na que estivemos había un bo montón de libros para a nosa idade. Uns cantos nunca estiveramos alí, pero só con facernos socios podemos levalos prestados para a nosa casa.
Por certo, a partida de oca gañouna o equipo... Vaia, xa non me acordo! Bo, dá igual! O importante é que pasamos unha hora divertida. O peor foi que tivemos que ir e volver á chuvia. Os profes e algúns alumnos levaban paraugas e cazadoras, pero houbo quen pillou unha ben boa.

Ningún comentario: