Achégase a data de celebración das Letras Galegas e xa sabedes que este ano o autor homenaxeado é Ricardo Carbalho Calero, referente da historia do idioma galego: como 
investigador, como autor literario e como docente e promotor da nosa 
lingua nos diferentes ámbitos, espazos e contextos de uso. É o 
responsable da primeira gramática do galego elaborada cunha base 
científica sólida e da primeira historia da literatura galega 
contemporánea, ademais de ser o primeiro profesor en ocupar a cátedra 
universitaria de Lingüística e Literatura galegas. Un auténtico pioneiro
 e un incansable defensor (e tamén construtor) da nosa identidade como 
comunidade, como pobo, como país.
     A REAL ACADEMIA GALEGA e o PORTAL GALEGO DA LINGUA contan cunha grande cantidade de material e actividades sobre o autor, dirixido a rapaces e rapazas de todas as idades. 
     
     Desde a biblioteca propoñemos ao alumnado do IES Illa de Ons unha actividade poética e visual baseada nalgunha das súas obras. 
     Seguramente teredes escoitado falar dos caligramas e probablemente fixestes algún nalgunha ocasión. Un caligrama é unha representación gráfica a partir dun escrito. Xeralmente os textos nos que se basea son poéticos e neles as palabras dispóñense sobre o papel coa intención de representar graficamente o seu contido, por iso son coñecidos como poesías visuais. 
     Ao longo da historia atopamos numerosos exemplos de representacións que 
xogan co texto e coa imaxe, pero é no século XIX, coas vangardas 
europeas, cando o caligrama convértese nun xénero específico da 
literatura. Co poeta vangardista francés Guillaume Apollinaire, póñense 
de moda nas primeiras décadas do século XX. 
Anímaste a facer un? Segue os seguintes pasos para elaboralo:
- Primeiramente seleccionaremos un poema do autor (non ten que ser necesariamente o poema enteiro, podes escoller un fragmento ou estrofa). → POEMAS
- Faremos un debuxo sinxelo con lapis sobre o papel, que represente a idea que nos suxira o poema.
- A continuación escribiremos o poema seguindo o contorno do debuxo ou encheremos a área limitada polas liñas, de maneira que os versos non excedan o contorno fixado polo debuxo. Cando teñamos o texto definitivo repasarémolo cun rotulador fino.
- Por último borraremos os trazos de lapis para deixar só visibles as palabras e os versos que conforman o caligrama.
- Tamén poderemos recortar palabras de revistas, xornais, folletos... para reciclar e crear o poema visual con diferentes fontes e tamaños.
 


 
Ningún comentario:
Publicar un comentario