Coñecín a Xesús Constela Doce no curso académico 2004-2005, mentres eu estaba a facer as prácticas da oposición e Xesús acababa de presentar o seu primeiro libro, “As humanas proporcións”, co que gañou o premio Torrente Ballester no 2003 e o premio da Asociación Española de Críticos Literarios no 2004.
Este primeiro libro foi traducido por min ao francés, agora está en varias editoriais francesas, esperando tanto pola miña parte, como por parte do editor galego e do escritor a súa publicación.
Na carta de presentación deste libro ás editoriais francesas fun moi sincera e directa, tanto en dar a miña opinión sobre o libro como sobre o seu autor: agarimoso, amable, sempre cun sorriso, bo compañeiro e un intelectual galego nos nosos tempos, polo menos a min devolveume as ganas de volver a ler en galego.
“As humanas proporcións” chamoume moito a atención tanto pola súa fácil lectura para todos os públicos como pola estrutura do libro, organizado en capítulos curtos. Por iso mesmo decidín traducilo, xa que dende había moitos anos non lía en galego algo actual e novidoso.
O mesmo sucedeu co “LIBRO DAS ALQUIMIAS”, novela que recomendo descubrir ao alumnado e o profesorado pola súa entrañable historia dun rapaz que aprende a quererlle aos libros.
Coido que non podo dicir nada máis sobre esta novela ata a súa presentación neste centro escolar, onde Xesús Constela ten a amabilidade de vir a presentárnolo o vindeiro luns 19 de maio pola tarde. Onde agardamos os alumnos de 3º e 4º da ESO así como os dos outros cursos que o estan lendo.
Quero dende esta páxina dar as grazas á directiva deste centro, os profesores e os alumnos que colaboran neste primeiro proxecto do Plan lector.
Fina Doce
Dinamizadora do Plan Lector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario