Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/10/08

NORABOA POLO PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

NORABOA !!!



Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
23 de outubro de 2008
A obra galardoada é O único que queda é o amor






Agustín Fernández Paz foi galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil correspondente a 2008 pola súa obra O único que queda é o amor, editada por Xerais. O Premio concédeo o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada durante 2007. Está dotado con 20.000 euros.

Biografía
Agustín Fernández Paz (Vilalba, Lugo. 1947), profesor de Lingua e Literatura no Instituto dos Rosais de Vigo, pertence aos colectivos de renovación pedagóxica Avantar e Nova escola Galega. Impartiu numerosos cursos sobre temas relacionados coa didáctica da lingua e coa normalización lingüística.

Obtivo, entre outros, o premio Merlín de literatura infantil en galego, o Lazarillo, Edebé de Literatura Xuvenil e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Entre a súa numerosa produción literaria cabe citar Cartas de inverno, Amor dos quince anos, Un tren cargado de misterios, No corazón do bosque, Corredores de sombra, Contos por palabras, Rapazas, Trece anos de Branca e O raio veloz. A súa obra foi traducida ao castelán, catalán, éuscaro e portugués.

O Xurado
O Xurado estivo composto por Margarita Salas, da Real Academia Española; Manuel González, pola Real Academia Galega; Xavier Etxaniz, pola Real Academia da Lingua Vasca; Cristina Minguillón, pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil; Remedios Morales, pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas; Marta Rivera de la Cruz, pola Asociación Colexial de Escritores; Rosario González, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España; María Menéndez, polo ministro de Cultura; Jordi Sierra i Fabra e Fernando Marías, autores galardoados en edicións anteriores. Actuou como presidente o director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Rogelio Blanco, e como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras, Mónica Fernández.

Ningún comentario: