PERO SE ELES TOCAN TI TES QUE BAILAR.
Eles toparon o remedio para bailar seguido sen que a chuvia te estrague unha festa. E co festeiros que somos en Galicia vai ser o invento do século. O pirandargallo, si, como o escoitades, o pirandargallo, que non é outra cousa que un paraugas pinchado no Polo Norte e tan grande como faga falta. Non podía ser outra cousa pensando que ven dun ourensán, Xan da Cova, precursor do Rexurdimento galego, de quen Lamatumbá recolle a idea. Un paraugas universal, unha proxección ourensá a escala planetaria. Así é como lle chaman ao seu último disco paraugas universal.
Xa temos o tempo asegurado para a festa, non choverá, pero faltan os músicos, a orquestra. E a orquestra do século XXI é LAMATUMBÁ. A verbena permanente.
Herdeira das grandes orquestras galegas dos anos cincuenta que incorporaban os ritmos bailables do jazz norteamericano, Lamatumbá é capaz de ir máis lonxe, atrévese a crear un novo son mesturando rock, cumbia, reggae, ska, pasodobre, funky… e o que lle boten. Se ti bailas eles tocan. Pero se eles tocan ti tes que bailar.
Actualiza o concepto de orquestra e dálle un senso próximo á xuventude pero sen perder de vista a esencia da orquestra, diríase máis, despóxanse de todo excepto do único esencial neste tipo de agrupación, son máquinas perfectas nacidas para facerte bailar.
As súas letras falan das nosas cousas e as súas músicas tamén, xa que incluso fan unha chiscadela musical a Los Tamara, a lendaria orquestra.
Lamatumbá, a festa rachada, a esmorga total.
Ningún comentario:
Publicar un comentario