Foto biblioteca

Foto biblioteca

21/02/22

Concurso de poesía e imaxe

 
Ao longo da historia atopamos numerosos exemplos de representacións que xogan co texto e coa imaxe, pero é no século XIX, coas vangardas europeas, cando o caligrama convértese nun xénero específico da literatura. Un caligrama é unha representación gráfica a partir dun escrito, en moitas ocasións poético, na que as palabras dispóñense sobre o papel coa intención de representar o seu contido. 
A poesía visual vai máis aló do caligrama, xoga coas palabras pero tamén con imaxes debuxadas, fotografías, obxectos… apreciándose coma se fose un cadro, unha escultura ou calquera outra obra de carácter artístico. 

Para conmemorar o Día da Poesía, a Biblioteca e a ANPA do IES Illa de Ons propoñen ao alumnado do centro a participación no concurso de poesía e imaxe O teu mundo é unha poesía. Poetizas?, no que poderán presentarse creacións poéticas en galego, baseadas ou vinculadas a unha imaxe. Esta pode funcionar como elemento inspirador, como parte do poema, como poema en si mesmo…


BASES:


  1. Admítense obras en calquera tipo de soporte e técnica: papel, tea, colaxe, fotografía, creación dixital, audiovisual, performance, escultura…

  2. A temática é libre e cada alumno/a poderá presentar un máximo de tres obras.

  3. As creacións, escritas en lingua galega, deberán ser inéditas e entregaranse, antes do 16 de marzo de 2022, na biblioteca do centro. As obras deberán identificarse cun pseudónimo e con elas, nun sobre pechado co mesmo pseudónimo escrito no exterior, incluiranse os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e curso do/a autor/a.  

  4. O xurado estará constituído por persoal docente e non docente do IES Illa de Ons, algún membro da ANPA e por unha persoa relacionada co mundo da arte e da literatura.

  5. O fallo do xurado farase público o día 21 de Marzo, Día da Poesía, nun acto organizado na biblioteca do centro durante a hora do recreo. As obras finalistas serán expostas no centro e difundidas por distintos medios.

  6. Os traballos premiados recibirán cheques para trocar en distintos establecementos de Bueu. Outorgaranse tres premios por cada nivel educativo. De non contar co nivel axeitado, o xurado resérvase o dereito a deixar deserto algún premio.

  7. O feito de concursar neste certame implica a aceptación destas bases por parte do/a participante.

14/02/22

Día Mundial da Radio

 
    Para celebrar o 13 de febreiro, Día Mundial da Radio 2022, o noso centro colaborou con Ponte... nas Ondas! achegando as creacións audiovisuais #SonMonte realizadas cos grupos de 1º ESO o curso pasado. Na súa web podedes ver o programa que elaboraron con este e outros traballos de distintos centros educativos de Galicia e norte de Portugal. 
 
 
     PNO! é unha Asociación Cultural e Pedagóxica que realiza actividades educativas e culturais en Galicia e o norte de Portugal. Entre os fins da asociación están a promoción de actividades culturais e pedagóxicas así como a promoción da identidade común dos dous pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.

10/02/22

SÓS

     O alumnado de 4º ESO estivo a traballar, na materia de Lingua e Literatura Galega, arredor de distintos autores das vangardas. Unha das actividades que se lles propuxo foi a elaboración dunha creación audiovisual sobre a obra poética de Manuel Antonio. 

     A continuación podedes ver exemplos dalgúns dos traballos baseados no poema Sós, incluído no libro De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo.




04/02/22

Obradoiro de banda deseñada

     Hoxe inaugurouse, na entrada do noso centro, unha exposición cos resultados do obradoiro de banda deseñada, realizado nos grupos de 3º ESO na materia de Lingua e Literatura Galega. A continuación podedes ver o listado de autores e autoras e unha selección de imaxes.







24/01/22

Concurso de literatura. Letras galegas 2022.

A Escola Galega de Administración Pública convoca, un ano máis, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galega 2022.



  • Participantes: poderán optar aos premios os nenos e nenas que teñan a súa vecindade administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.
  • Contido: Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12, e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.
  • Premios: en cada categoría existirán tres premios en metálico coa seguinte dotación económica:
    • De 9 a 11 anos:
      • 1º premio: 250 euros
      • 2º premio: 200 euros
      • 3º premio: 150 euros
    • De 12 a 14 anos
      • 1º premio: 250 euros
      • 2º premio: 200 euros
      • 3º premio: 150 euros
  • Presentación de solicitudes: presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (PR775A). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  • Prazo: un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.
Máis información no DOG do 18 de xaneiro.

18/01/22

O humor en Carlos Casares

     Durante estas semanas, o IES Illa de Ons  acolleu a exposición Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares, unha mostra formada por sete paneis que tratan distintos aspectos do humor e procuran responder preguntas como Que é? Como xorde? Cantos tipos de humor hai? Para que serve? Cal e a histo‐ ria do humor en Galicia?


    A exposición divídese en tres partes: a primeira trata de explicar o humor a partir da súa definición e características científicas esenciais (bioloxía, neuroloxía, sociedade, teorías sobre a súa finalidade…); a segunda trata de contextualizar a aparición no mundo do humor, así como de dar unha clase sobre o humor na literatura galega, desde a literatura popular ata os memes; e a terceira parte analiza a vida e a obra de Carlos Casares desde o humor, para pasar a desmitificar a figura do escritor mediante imaxes, fotografías e caricaturas aparecidas en prensa e durante as Letras Galegas de 2017.

A seguinte ligazón ofrece un libro-guía da exposición.

SORRISOS POR UN MUNDO. O HUMOR DE CARLOS CASARES

13/01/22

Textos vangardistas

    Durante as últimas semanas do trimestre pasado, o alumnado de 4º ESO estivo a traballar sobre distintos textos vangardistas na materia de Lingua e Literatura Galega. Tras analizar as técnicas utilizadas por diferentes autores, crearon as súas propias composicións con colaxes de textos e imaxes que seleccionaron de xornais e revistas.



16/12/21

Nee Barros e Identidade

    Unha das actividades que o alumnado de 4º ESO, matriculado na materia de Valores, realizou este primeiro trimestre foi a lectura de Identidade, unha obra teatral escrita polo autor Nee Barros. Onte Nee visitou o noso centro, charlou co alumnado sobre a súa obra e aclarou distintos aspectos relacionados coa identidade de xénero e a diversidade sexual, resolvendo diferentes dúbidas plantexadas de xeito anónimo polos rapaces e rapazas.

     Ademais Nee colaborou cun grupo de rapazas na gravación dunha escena para un booktrailer sobre o libro Identidade, traballo proposto desde a materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual.


13/12/21

Guía de lecturas e música recomendadas

      Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo achega un listado de lecturas e música recomendadas para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas. Este ano a guía está ilustrada por Fernanda Patricia, do IES As Barxas.


    
     Xunto a estas recomendacións, a biblioteca montou na entrada do instituto un pequeno decorado con cervos feitos de cartón para amosar algunhas das novidades e animar ao alumnado a ler e escoitar música no Nadal. 

Moitas grazas Amalia, por estas ideas tan chulas.


02/12/21

25N

     O día 25 de novembro conmemoramos no noso centro o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres. 

     Na materia de Igualdade, impartida en 2º ESO pola profesora Diana Vilas, o alumnado reflexionou arredor do concepto de masculinidade tradicional, co fin de obter un listado de actitudes e posicionamentos necesarios para crear unha nova masculinidade, alonxada do machismo e das desigualdades entre homes e mulleres. Unha parte do alumnado e do profesorado participou nunha sesión fotográfica na biblioteca para ilustrar a selección dos  “10 HITS DA REVOLUCIÓN MASCULINA", cos que se deseñaron diferentes carteis seguindo a estética dos pósters publicitarios de moda. Con todo o material elaborado montouse unha exposición na entrada do centro.

     Por outra banda, alumnos e alumnas de distintos cursos, dirixidos por Teté García, participaron nunha actividade no pavillón interpretando diferentes cancións, tocando instrumentos, bailando e recitando poemas, estes últimos escritos por Carlota Nores, alumna de 2º ESO. No seguinte vídeo podedes ver imaxes das actuacións nas que, coma todos os anos, destápanse moitos talentos ocultos dos rapaces e rapazas. Noraboa e grazas pola vosa participación.

26/11/21

CULTURGAL

 

     Do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Venres 26 de 17 a 21h. 

Sábado 27 e domingo 28, de 11 a 21h.  

Consulta o programa cultur.gal

24/11/21

Encontro literario con Montse Villar

     A pasada semana, a escritora Montserrat Villar González, visitou o noso centro para explicar a súa obra "Somos rama. Amar somos". O alumnado de 4º ESO A e 4º ESO B, en dúas sesións distintas na biblioteca, tivo a ocasión de comentar coa autora algúns dos poemas traballados previamente na clase de Lingua Castelá coa profesora Marisa Mallo. Montserrat Villar escoitou a interpretación que os rapaces e rapazas fixeron dos seus poemas e explicou as ideas que quixera transmitir neles e o contexto no que os creaba. Durante a actividade, a autora conseguiu crear un clima de colaboración co alumnado, cun ton sinxelo e unha grande naturalidade que propiciou a complicidade de todos os asistentes.


     Moitas grazas pola túa visita, Montse!

14/11/21

Escribíndome

      Esta semana, o alumnado de 1º ESO e 2º ESO participou nun obradoiro de introdución á escritura expresiva, impartido por Marisé Barreiro e organizado polo departamento de Lingua Castelá. Durante as distintas sesións experimentamos a escritura dun xeio diferente ao habitual “acompañada do permiso de captar a nosa experiencia sobre o papel nos nosos propios termos, despreocupándonos por un momento de ortografía, gramática ou estilo, como quen improvisa unha danza polo simple gozo de moverse ao son da música”.
     

     “Tod@s levamos dentro historias fascinantes que rexistrar, para non esquecer, para saber quen somos, para aprender das experiencias vividas.

     É un exercicio de autoridade persoal que cando se practica regularmente enriquece a conversa con nós mesm@s e co mundo que nos rodea, mellora a nosa capacidade de comunicación, equilibra a nosa vida emocional e favorece a creatividade”.

 Marisé Barreiro





10/11/21

Historias de terror

    O pasado venres reunímonos na biblioteca para escoitar as interpretacións que unha parte do alumnado de 2º ESO fixo de distintas historias de terror. Brais, Saray, África, Tania, Óscar, Anxo, Nuria, Antía, Hugo, José Ángel, Óliver, Xoel, Carlota, Asier, Pepe, Adrián, María Ese, Eva, Juan e Ángel lograron facernos tremer de medo cos seus relatos, traballados na materia de Lingua Castelá coa profesora Marisa Mallo. As alumnas voluntarias da biblioteca, Ari, Leire e Dafne, colaboraron na ambientación do espazo. 

     No seguinte vídeo podedes ver algunhas imaxes desta xornada.

28/10/21

Tes un minuto?


    O Equipo de Dinamización Lingüística do IES Illa de Ons propón un desafío creativo para este curso:
1. A elaboración dun vídeo
2. En galego
3. Cunha duración de un minuto
4. En formato mp4 e peso máximo de 90 MB. 
  
Queres saber máis? Consulta as seguintes bases.


25/10/21

Xa chega o Samaín

     O equipo da biblioteca, coa colaboración do voluntariado e unha parte do alumnado e profesorado, estivo a elaborar distintos elementos decorativos para ambientar unha actividade de dramatizacións terroríficas que vai ter lugar a vindeira semana neste espazo.


     Seguindo as pautas indicadas pola profesora Amalia Graña, elaboráronse unhas fermosas cabazas de rafia, con recheo de papel de xornal e rematadas con paus de carballo, follas secas e follato. Completaremos esta decoración con distintos morcegos colgantes e candeas que situaremos en diferentes puntos da biblioteca.

21/10/21

Día das Bibliotecas

 


    Co gallo da celebración o vindeiro 24 de outubro do día das Bibliotecas, a Rede de Bibliotecas do Concello de Bueu realizará na Biblioteca Torrente Ballester unha serie de actividades de interese para a nosa comunidade educativa.

     Por unha banda organizarase unha pequena exposición con títulos literarios que forman parte do seu fondo e que xiran arredor do libro, a lectura, ou os espazos para ler. Teñen auténticas xoias para todas as idades nas que a literatura, lectura, ou o libro en si, son protagonistas.

     Por outra banda, como a súa intención é que os rapaces e rapazas do Concello de Bueu recoñezan a Biblioteca Municipal, non só como lugar de encontro para a lectura e o estudo, senón tamén como espazo de entretemento, teñen preparado un xogo: CITA CO LIBRO. Os usuarios e usuarias que se acheguen á biblioteca poderán intentar adiviñar, mediante as pistas que se lles proporcionará, o libro que se agocha nunha caixa. Organizaranse tres categorías de participación: infantil ( 0 a 11 anos), xuvenil (12 a 16 anos) e adulto (17 en diante). As persoas que acerten terán un agasallo en forma de libro, e os que non, tamén…

     Animádevos a participar!

18/10/21

Melloras no espazo creativo

    Neste mes de outubro o equipo da biblioteca estivo a facer melloras no espazo creativo. Co premio recibido polo noso proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística #SonMonte, este pasado curso académico, o centro mercou distintos materiais para a realización de pezas audiovisuais: soportes fixos e móviles para fondos fotográficos, fondos de papel de distintas cores, paneis absorbentes para mellorar a acústica das gravacións, micrófonos, trípodes e unha mesa de fotografía para obxectos.





12/10/21

Xestión, actividades e hora de ler


     Durante estas primeiras semanas de curso o equipo da biblioteca, coa colaboración das voluntarias, estivo a facer distintas tarefas de xestión da biblioteca: altas e baixas do alumnado, profesorado e persoal non docente; detección das necesidades dos departamentos; compra, catalogación e etiquetado de exemplares; disposición espacial e ordenación de fondos; recompilación de materiais para mellorar a biblioteca virtual… 


     Tamén organizamos xuntanzas con algúns departamentos para deseñar actividades interdisciplinarias neste primeiro trimestre e elaboramos o calendario da hora de ler, co que empezamos a semana pasada na 1ª sesión de cada xornada.



16/09/21