Foto biblioteca

Foto biblioteca

25/03/22

Eva Mejuto e Matilde Bares

O alumnado de 4º ESO está a ler, na materia de Lingua e Literatura Galega, o relato “Matilde”, escrito por Eva Mejuto e baseado na vida da mestra Matilde Bares. 
O 4 de abril a autora visitará o noso centro para falar co alumnado desta obra e da importancia da figura de Matilde Bares.



20/03/22

Día Mundial da Poesía

     Mañá, 21 de marzo, conmemórase o Día Mundial da Poesía
"Unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz.
A UNESCO adoptou por primeira vez o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía durante a súa 30ª Conferencia Xeral en París en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo."

Fonte: es.unesco.org 

     No noso centro, para celebrar esta data, convocamos o concurso de poesía e imaxe O teu mundo é unha poesía. Poetizas? Recordamos a todos e todas aquelas interesadas en participar que o prazo de entrega ampliouse ata o vindeiro xoves 24 de marzo.



16/03/22

O segredo de Al’eume

     Hoxe visitou o noso centro Pilar Ortega Pereiro, autora do libro O segredo de Al’eume, que foi gañador no IV Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. Os alumnos e alumnas de 1º da ESO inscritos no Club de Lectura leron, durante as pasadas semanas, este entretido libro e, posteriormente, compartiron as súas opinións sobre el nunha xuntanza na biblioteca. 

     Hoxe aproveitaron a visita de Pilar para facerlle preguntas acerca dalgunhas das historias e personaxes que aparecen no libro, ademais doutras curiosidades sobre a súa actividade como escritora.

11/03/22

Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Un ano máis abre as súas portas o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que nesta ocasión presenta a súa programación baixo o lema Con moita arte! 

Ata o día 27 de marzo poderemos gozar de máis de trescentas actividades pensadas para todo tipo de públicos. Na seguinte ligazón podedes consultar a programación: SALÓN 22

08/03/22

8M

      Para conmemorar a data de hoxe, Día Internacional da Muller, organizouse no centro unha exposición con distintos traballos realizados co alumnado de 1º ESO nas materias de Xeografía e Historia e Educación Plástica, coa colaboración da Biblioteca. O proxecto HERStory-HA centrouse no estudo de sete mulleres que tiveron grande relevancia na Historia Antiga. 


     As seguintes imaxes mostran un momento da entrega dos premios das cabezudas, o alumnado posando coas súas creacións e a montaxe final da exposición.




06/03/22

Entroido

     O pasado venres 25 de febreiro celebramos no IES Illa de Ons o Benid´Ons Fest, con actuacións musicais e bailes tanto do alumnado coma do profesorado e persoal non docente.


     Ademais convocouse o xa tradicional concurso de cabezudas, centrado este ano na representación de diferentes mulleres da Historia Antiga. Os departamentos de Xeografía e Historia e Educación Plástica e Visual, coa colaboración da Biblioteca, estiveron a traballar co alumnado de 1º ESO arredor da vida e obra de sete mulleres: Enheduanna, Semíramis, Hatshepsut, Cleopatra, Nefertiti, Safo e Hipatia. Con todo o material elaborado montaremos unha exposición o día 8 de marzo da que, polo momento, mostramos as  cabezas das distintas mulleres, creadas polo alumnado con volumes en papel maché.



23/02/22

23 de febreiro. Día de Rosalía

Ilustración de Viki Rivadulla

Este ano 2022 marca un fito no calendario rosaliano: o recente descubrimento, por parte da investigadora Sagrario Abelleira, do expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, que permitía fixar definitivamente o día 23 de febreiro de 1837 como a verdadeira data de nacemento da escritora.


En realidade, xa existían moitos indicios de que este sería o verdadeiro día do nacemento de Rosalía. A anterior data (24 de febreiro) dábase por boa en virtude da única proba documental acreditada que existía até o momento, a partida bautismal da autora, mais xa Murguía, no seu Diccionario de escritores gallegos, escribía que Rosalía nacera en Santiago o 23 de febreiro de 1837.


Fonte: ‘Nós Diario’



Vídeo: 

Retratos creados por distintos artistas plásticos.

Música de Guadi Galego interpretando o poema “Tecín soia a miña tea”.


Tecín soia a miña tea,

sembrei soia o meu nabal,

soia vou por leña ó monte,

soia a vexo arder no lar.


Nin na fonte nin no prado,

así morra coa carrax,

el non ha de virm'a erguer,

el xa non me pousará.


¡Que tristeza! O vento soa,

canta o grilo ó seu compás...

Ferve o pote... mais, meu caldo,

soíña t'hei de cear.


Cala, rula, os teus arrulos

ganas de morrer me dan;

cala, grilo, que si cantas,

sinto negras soïdás.


O meu homiño perdeuse,

ninguén sabe en onde vai...

Anduriña que pasache

con el as ondas do mar;

anduriña, voa, voa,

ven e dime ond'está.


Rosalía de Castro: Follas Novas.

21/02/22

Concurso de poesía e imaxe

 
Ao longo da historia atopamos numerosos exemplos de representacións que xogan co texto e coa imaxe, pero é no século XIX, coas vangardas europeas, cando o caligrama convértese nun xénero específico da literatura. Un caligrama é unha representación gráfica a partir dun escrito, en moitas ocasións poético, na que as palabras dispóñense sobre o papel coa intención de representar o seu contido. 
A poesía visual vai máis aló do caligrama, xoga coas palabras pero tamén con imaxes debuxadas, fotografías, obxectos… apreciándose coma se fose un cadro, unha escultura ou calquera outra obra de carácter artístico. 

Para conmemorar o Día da Poesía, a Biblioteca e a ANPA do IES Illa de Ons propoñen ao alumnado do centro a participación no concurso de poesía e imaxe O teu mundo é unha poesía. Poetizas?, no que poderán presentarse creacións poéticas en galego, baseadas ou vinculadas a unha imaxe. Esta pode funcionar como elemento inspirador, como parte do poema, como poema en si mesmo…


BASES:


  1. Admítense obras en calquera tipo de soporte e técnica: papel, tea, colaxe, fotografía, creación dixital, audiovisual, performance, escultura…

  2. A temática é libre e cada alumno/a poderá presentar un máximo de tres obras.

  3. As creacións, escritas en lingua galega, deberán ser inéditas e entregaranse, antes do 16 de marzo de 2022, na biblioteca do centro. As obras deberán identificarse cun pseudónimo e con elas, nun sobre pechado co mesmo pseudónimo escrito no exterior, incluiranse os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e curso do/a autor/a.  

  4. O xurado estará constituído por persoal docente e non docente do IES Illa de Ons, algún membro da ANPA e por unha persoa relacionada co mundo da arte e da literatura.

  5. O fallo do xurado farase público o día 21 de Marzo, Día da Poesía, nun acto organizado na biblioteca do centro durante a hora do recreo. As obras finalistas serán expostas no centro e difundidas por distintos medios.

  6. Os traballos premiados recibirán cheques para trocar en distintos establecementos de Bueu. Outorgaranse tres premios por cada nivel educativo. De non contar co nivel axeitado, o xurado resérvase o dereito a deixar deserto algún premio.

  7. O feito de concursar neste certame implica a aceptación destas bases por parte do/a participante.

14/02/22

Día Mundial da Radio

 
    Para celebrar o 13 de febreiro, Día Mundial da Radio 2022, o noso centro colaborou con Ponte... nas Ondas! achegando as creacións audiovisuais #SonMonte realizadas cos grupos de 1º ESO o curso pasado. Na súa web podedes ver o programa que elaboraron con este e outros traballos de distintos centros educativos de Galicia e norte de Portugal. 
 
 
     PNO! é unha Asociación Cultural e Pedagóxica que realiza actividades educativas e culturais en Galicia e o norte de Portugal. Entre os fins da asociación están a promoción de actividades culturais e pedagóxicas así como a promoción da identidade común dos dous pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.

10/02/22

SÓS

     O alumnado de 4º ESO estivo a traballar, na materia de Lingua e Literatura Galega, arredor de distintos autores das vangardas. Unha das actividades que se lles propuxo foi a elaboración dunha creación audiovisual sobre a obra poética de Manuel Antonio. 

     A continuación podedes ver exemplos dalgúns dos traballos baseados no poema Sós, incluído no libro De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo.




04/02/22

Obradoiro de banda deseñada

     Hoxe inaugurouse, na entrada do noso centro, unha exposición cos resultados do obradoiro de banda deseñada, realizado nos grupos de 3º ESO na materia de Lingua e Literatura Galega. A continuación podedes ver o listado de autores e autoras e unha selección de imaxes.







24/01/22

Concurso de literatura. Letras galegas 2022.

A Escola Galega de Administración Pública convoca, un ano máis, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galega 2022.



  • Participantes: poderán optar aos premios os nenos e nenas que teñan a súa vecindade administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.
  • Contido: Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12, e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.
  • Premios: en cada categoría existirán tres premios en metálico coa seguinte dotación económica:
    • De 9 a 11 anos:
      • 1º premio: 250 euros
      • 2º premio: 200 euros
      • 3º premio: 150 euros
    • De 12 a 14 anos
      • 1º premio: 250 euros
      • 2º premio: 200 euros
      • 3º premio: 150 euros
  • Presentación de solicitudes: presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (PR775A). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  • Prazo: un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.
Máis información no DOG do 18 de xaneiro.

18/01/22

O humor en Carlos Casares

     Durante estas semanas, o IES Illa de Ons  acolleu a exposición Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares, unha mostra formada por sete paneis que tratan distintos aspectos do humor e procuran responder preguntas como Que é? Como xorde? Cantos tipos de humor hai? Para que serve? Cal e a histo‐ ria do humor en Galicia?


    A exposición divídese en tres partes: a primeira trata de explicar o humor a partir da súa definición e características científicas esenciais (bioloxía, neuroloxía, sociedade, teorías sobre a súa finalidade…); a segunda trata de contextualizar a aparición no mundo do humor, así como de dar unha clase sobre o humor na literatura galega, desde a literatura popular ata os memes; e a terceira parte analiza a vida e a obra de Carlos Casares desde o humor, para pasar a desmitificar a figura do escritor mediante imaxes, fotografías e caricaturas aparecidas en prensa e durante as Letras Galegas de 2017.

A seguinte ligazón ofrece un libro-guía da exposición.

SORRISOS POR UN MUNDO. O HUMOR DE CARLOS CASARES

13/01/22

Textos vangardistas

    Durante as últimas semanas do trimestre pasado, o alumnado de 4º ESO estivo a traballar sobre distintos textos vangardistas na materia de Lingua e Literatura Galega. Tras analizar as técnicas utilizadas por diferentes autores, crearon as súas propias composicións con colaxes de textos e imaxes que seleccionaron de xornais e revistas.



16/12/21

Nee Barros e Identidade

    Unha das actividades que o alumnado de 4º ESO, matriculado na materia de Valores, realizou este primeiro trimestre foi a lectura de Identidade, unha obra teatral escrita polo autor Nee Barros. Onte Nee visitou o noso centro, charlou co alumnado sobre a súa obra e aclarou distintos aspectos relacionados coa identidade de xénero e a diversidade sexual, resolvendo diferentes dúbidas plantexadas de xeito anónimo polos rapaces e rapazas.

     Ademais Nee colaborou cun grupo de rapazas na gravación dunha escena para un booktrailer sobre o libro Identidade, traballo proposto desde a materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual.


13/12/21

Guía de lecturas e música recomendadas

      Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo achega un listado de lecturas e música recomendadas para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas. Este ano a guía está ilustrada por Fernanda Patricia, do IES As Barxas.


    
     Xunto a estas recomendacións, a biblioteca montou na entrada do instituto un pequeno decorado con cervos feitos de cartón para amosar algunhas das novidades e animar ao alumnado a ler e escoitar música no Nadal. 

Moitas grazas Amalia, por estas ideas tan chulas.