Foto biblioteca
24/10/24
Emigrantes no Día das Bibliotecas
19/10/24
Celebración do Samaín
17/10/24
Novela gráfica sobre anorexia
Comiendo con miedo é unha novela gráfica na que Elisabeth Karin narra a súa vivencia persoal na adolescencia cando foi diagnosticada con anorexia nerviosa. A autora cóntanos a súa experiencia co que ela chama “o seu monstro”, esa voz interior que lle vai dicindo que non coma tanto, que faga máis deporte ou que evite as relacións sociais que poidan estorbarlle na consecución do seu plan, que non é outro que verse máis guapa.
Elisabeth Karin plasma nas diferentes viñetas todo o proceso vivido desde a percepción dos cambios no seu corpo nada máis chegada a puberdade, ata as consecuencias que provocaron que alterase o seu comportamento, especialmente nos hábitos de comida e na relación cos demais.
A obra tamén analiza a mala influencia da contorna social co bombardeo continuo de mensaxes asociadas á beleza da delgadez, de modelos de mulleres excesivamente fracas e os impactos de persoas influentes: «Que guapa estás, adelgazaches?». «O meu propósito este ano é adelgazar», «Se queres estar guapa tes que pasar fame», «Agora que vén o verán temos que facer a operación bikini». «Esta influencer di que con esta dieta adelgazas en dúas semanas»…
O trastorno da conduta alimentaria pode carrexar graves problemas físicos, ademais de alterar o funcionamento psicolóxico e social da persoa. Karin explica detalladamente estes cambios tal e como os viviu ela: a aparición da amenorrea, as consecuencias no seu corpo coas transformacións provocadas polas alteracións hormonais, as mentiras aos médicos, as renuncias ás amizades polo perigo de ter que estar pendente da comida, os conflitos familiares, a negación á deriva de todo iso…
Información obtida da reportaxe de Jordi Ojeda publicada en eldiariodelaeducación.com
13/10/24
Invisible, Redes e Diferente
Invisible (Álbum ilustrado incluído na colección Cuentos para contar entre dos)
Esta obra trata o tema do acoso escolar, encarnado na figura dun neno serio e estudoso, vítima das agresións dun abusón da súa clase. A actitude indiferente con que profesores e compañeiros de aula asisten á violencia que sofre o protagonista e que este oculta aos seus pais, acaba por convencerlle de que se volveu invisible.
Redes (A continuación de Invisible)
O ciberacoso, a sobreexposición e as consecuencias do abuso e falta de control das redes sociais son temas clave abordados neste novela. É un retrato perturbador de como a tecnoloxía pode amplificar as nosas vulnerabilidades e transformar radicalmente as dinámicas sociais, especialmente entre os máis novos.
Diferente
Nesta novela Eloy Moreno fálanos da diferenza e a normalidade, dous conceptos que, talvez, non estean reflectidos como o lector espera. A protagonista é unha nena superdotada de trece anos, chamada Luna, que padece ELA e un cancro terminal. Debido ás circunstancias crea unha bonita e entrañable relación de amizade co seu terapeuta.
11/10/24
Formación de persoas usuarias
Esta semana realizamos na biblioteca unha actividade de formación de persoas usuarias dirixida ao alumnado de 1º ESO. Organizáronse catro sesións nas que fixemos unha presentación dos distintos espazos e seccións e explicamos como facer a procura de exemplares, tanto no espazo físico como virtual; propuxemos tamén un reto, o alumnado debía atopar distintos exemplares distribuídos polas diferentes seccións da biblioteca e, unha vez atopados, debía recoller nun formulario unha serie de datos. Os grupos máis rápidos recibiron como premio libretas de bibliotecas escolares.
28/09/24
Xestión, novidades e hora de ler
22/09/24
FIC BUEU
Como actividade inaugural do curso escolar, o IES Illa de Ons foi convidado pola organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu a levar a escola ao cine e ver algunhas das mellores creacións audiovisuais participantes nel.
O alumnado de 3º e 4º da ESO e o profesorado acompañante puidemos gozar da selección das seguintes curtas que posteriormente comentamos e valoramos.
Chámome Hédi, falareiche da miña nenez. De como era unha nena feliz nunha cidade feliz de Alemaña. O que pasou despois é difícil de contar e difícil de escoitar. Mesmo así, quero contarcho e quero que me escoites. Porque os seres humanos podemos facer moito mal, mais tamén moito ben. Todos podemos escoller; podemos elixir o ben.
Nunha fresca noite de verán, uns animais con ollos cheos de luz abandonan a fraga para internarse nun barrio dos arrabaldes. Catro nenos escapan da cama e as estrelas empezan a caer do ceo. Pola mañá, todo terá cambiado pero polo de agora, a correr!
Helia fixo trece anos e isto leva á súa familia a restrinxirlle o ciclismo.
28/06/24
VIVE A DIVERSIDADE!
Este ano formamos no IES Illa de Ons un equipo de diversidade que traballou desde o inicio de curso en distintas actividades para visibilizar a realidade LGBTIQ+, combatir os prexuízos e facer do centro un espazo inclusivo de respecto e igualdade. A campaña de sensibilización, concienciación e recoñecemento da diversidade afectivo-sexual Vive a diversidade ou a celebración do Día da Saída do Armario, coa participación de O Rabelo cun concerto-coloquio, son algúns exemplos de boas prácticas inclusivas coas que continuaremos nos vindeiros cursos.
O equipo DiversiOns deséxavos unhas felices vacacións! Gocemos da DIVERSIDADE!
23/06/24
Torneo de xadrez e outros premios
O venres pasado, durante a graduación do alumnado de 4º ESO, tivo lugar a entrega de premios de varios certames e concursos celebrados este ano no centro. Os trofeos foron elaborados polo noso compañeiro Vítor, que utilizou a cortadora láser e o plotter de corte de Polos Creativos para os distintos deseños.
Torneo de xadrez
1º posto: Xulián Fernández
2º posto: Breixo Martínez
3º posto: Manuel Soliño
Barraka Arriba
1º posto: Román Parada
2º posto: José Ángel González
3º posto: Damián Ríos
Barraka Abaixo
1º posto: Kike Cerqueiro
2º posto: José Ángel González
3º posto: Román Parada
Trofeo de matemáticas Fundamental
1º CICLO ESO: Mariña Curra e Hugo Rodríguez
2º CICLO ESO: Samuel Castro e Xabi Martínez
22/06/24
A foto fala e Tes un minuto?
O pasado venres 21 de xuño celebramos, durante o acto de graduación do alumnado de 4º ESO, a entrega de premios dos certame audiovisuais “A foto fala" e “Tes un minuto?”, organizado un ano máis polo Equipo de Dinamización Lingüística e coa colaboración da ANPA. O xoves, en distintas sesións organizadas no salón de actos, proxectáronse os traballos gañadores:
Premios “A foto fala”
1º ESO: Emilio Novas
2º ESO: Sabela Cancelas
3º ESO: Alba Gallego
4º ESO: Carlota Nores
Premios “Tes un minuto?”
1º ESO: Laura Agulla, Carla Durán, Sara Torres e Nerea Villanueva
2º ESO: David Dacosta, Tania Ogando, Sheila Pouso e Sara Rivadulla
3º ESO: Daniela Otero
4º ESO: Gabriela Docampo
19/06/24
Contigo
O pasado xoves día 13 visitamos, co alumnado de 1º B, o centro de día Contigo en Bueu. Alí fomos recibidas con moito cariño polas persoas maiores e o persoal de traballo, que nos abriron as súas portas e os seus corazóns. Despois de falar con cada persoa do centro, encheron o ambiente coa súa sabedoría e historias de vida, e nós, a cambio, recitamos diversos poemas en tons alegres. Rematamos cun poema en contra da guerra e unha pequena representación acompañada de música levando a nosa mensaxe de paz e solidariedade.
16/06/24
Chegou o día de Miserábeis
Hoxe é unha data moi especial. Alumnado, profesorado, persoal non docente, exalumnos, exalumnas e familias do IES Illa de Ons, levamos meses traballando con dedicación, esforzo e paixón neste proxecto pedagóxico. Cada ensaio foi unha peza fundamental para chegar ata aquí e sabemos que non foi doado, pero hoxe seguro que todo ese traballo vai dar os seus froitos.
Ao subir ao escenario lembrade que o talento e a entrega que demostrastes durante todo este tempo vai facer desta función algo inesquecible e agora toca gozar e emocionarse cos vosos compañeiros e compañeiras e co público.
Grazas por contribuír non só á arte e á cultura, senón tamén á nosa identidade e á nosa lingua. Moita sorte e a por todas!
31/05/24
Musical Miserábeis
30/05/24
Club de lectura MANGA
O club de lectura MANGA, formado por alumnado dos diferentes niveis educativos, reuniuse en varias ocasións durante este trimestre para ler e comentar distintos aspectos de Neon Genesis Evangelion. Vol 1, unha adaptación ao manga do anime homónimo creado por Yoshiyuki Sadamoto.
13/05/24
Luísa Villalta
No noso centro montamos a exposición cos carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024: Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, do CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense, nos que se amosa a autora como un avatar que nos convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que podemos descubrir imaxes, recursos e actividades interactivas. Esta exposición vén acompañada dunha guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora.
Ademais, na materia de Lingua Galega e Literatura, o profesorado dos distintos niveis está a realizar varias actividades arredor da autora homenaxeada.
29/04/24
Carlos Labraña no IES Illa de Ons
A biblioteca do centro acolleu hoxe unha actividade teatral arredor da obra O valo, na que tivemos a sorte de contar co autor da mesma, Carlos Labraña. Esta obra dramática, proposta como lectura do club para 1º ESO polo “Día da Paz”, fixo reflexionar ao alumnado sobre a igualdade entre as persoas, os límites irracionais establecidos polo poder e a necesidade urxente de acabar coas inxustizas no mundo. O alumnado caracterizouse e dramatizou, poñéndose na pel dos distintos personaxes da historia, demostrando que o IES Illa de Ons segue a ter unha canteira de artistas!
Encontro con Montse Villar
O alumnado de 1º ESO tivo unha visita moi especial o pasado venres, a de Montse Villar, poeta e antiga profesora do noso centro. Durante este encontro coñecimos unha parte moi importante da súa obra, solidaria cos máis desfavorecidos e crítica coas desigualdades sociais, falounos de varios dos seus libros nos que trata diferentes inxustizas e aprendimos que os poemas poden ter dúas lecturas, como en Ubuntu, horizontal e vertical, e que incluso se poden bailar.
O alumnado tamén traballou en grupos deseñando o seu propio libro, ao que irán engadindo distintas creacións literarias elaboradas por eles mesmos durante o que resta de curso.
Moitas grazas, Montse!
25/04/24
Obradoiro de papiroflexia
A vindeira semana dará comezo na biblioteca un obradoiro de papiroflexia, dirixido tanto a alumnado como a profesorado do centro, impartido por varios alumnos e alumnas de 1º ESO. Cada martes e xoves do mes de maio, de 11:30 a 11:50, aprenderemos a crear diferentes figuras de papel.
24/04/24
Día do Libro
Para conmemorar o “Día do Libro” organizouse, na entrada do noso centro, unha exposición con materiais elaborados polo alumnado de 4º ESO nas materias de Lingua e Literatura Castelá e Tecnoloxía.
Por un lado, nas clases de Lingua e Literatura Castelá, o alumnado deseñou libros despregables de distintos títulos lidos durante o pasado trimestre. En Tecnoloxía, tras practicar programación na plataforma COSPACES na 2ª avaliación, o alumnado traballou a realidade aumentada con Merge Cube seguindo a plantilla “Book report”; introduciron información nos cadros de texto, personalizaron a apariencia do cubo e engadiron unha escena do libro elixido. Xa na terceira avaliación crearon carteis en Canva coa portada do libro e o QR para visualizar os traballos en realidade aumentada.
Por outra banda, alumnado e profesorado do centro colaboraron nunha proposta que consistiu na doazón de libros para compartir coa comunidade educativa e tamén coa xente de Bueu. Alumnos e alumnas de 1º e 4º ESO saíron ás rúas para depositar, en distintas localizacións, unha parte dos libros recollidos e así facer a todo o mundo partícipe deste día tan especial.
23/03/24
Digo Viet Nam e basta
O pasado xoves, 21 de marzo, celebramos o Día da Poesía cunha nova visita da poeta Míriam Ferradáns. A autora falou co noso alumnado da linguaxe e dos sentimentos, das palabras que transmiten emocións, de simbolismo, de rimas, de identidade e do poder evocador dalgúns poemas, como “Digo Viet Nam e basta", escrito por Celso Emilio Ferreiro e dedicado ao pobo palestino. Porque onte ademais de falar de poesía tamén quixemos falar de paz e, como di Míriam, para iso é inevitable falar de guerra.
Digo Viet Nam e basta
Viaxe ao país dos ananos 1968
Este poema fai que abramos os ollos ante a realidade, os seus versos transmiten a traxedia e a crueldade dos conflitos armados, ademais dunha mensaxe de loita e de repulsión ante as inxustizas e o abuso de poder.
Moitas grazas, Míriam, por achegarnos un pouco máis á arte da lingua.







































