27/03/21
Aquí hai debate!
26/03/21
A poesía serve para...
Para vivir aventuras, para salvar vidas da mediocridade, para levala no peto... Os alumnos e alumnas de 1º ESO descubriron esta semana, a través dos enredos do gato poeta de Fran Alonso, outro xeito de ollar a poesía. Orientados pola profesora de Lingua Galega e Literatura, Amalia Graña, elaboraron poemas colectivos cos que mostran a infinidade de cousas para as que pode servir a poesía.
25/03/21
Moita xente pequena, en moitos lugares pequenos, cultivarán pequenos hortos.
21/03/21
A guerra esperada no Día dos Bosques
O noso Club de Lectura Ons, a illa do tesouro, estivo centrado estas semanas na lectura de Moita xente pequena, de Gustavo Duch; en concreto no relato A guerra esperada.
Os alumnos e alumnas leron o conto e, sen entregarlles o final, tiveron que imaxinar de que tipo de bombas falaba a historia e posibles finais para esta. Despois de aportar todos e todas a súa versión, lemos o final e comentámolo. Acordamos que cada membro do club plantaría unha semente na súa casa e, cando esta xerminase, traeriámola para plantala no horto que comezamos a recuperar no noso centro. Esta semana, para conmemorar o 21 de marzo Día dos Bosques e Día da Poesía, plantaremos a nosa semente e identificaremos os nosos exemplares con pequenos carteis cos nosos nomes.
A guerra esperada. Ilustracións de Sara Plaza e voz de Vicky PeñaPol · len edicións
07/03/21
Exposición 8M - Mulleres da Idade Media
Como xa comentamos en entradas anteriores, este trimestre o alumnado de 1º ESO e 2º ESO estivo a traballar arredor de vida e a obra de sete mulleres que tiveron grande relevancia na Idade Media. O alumnado de 2º ESO B e 2º ESO C, tras participar nun obradoiro de podcast, encargouse de guionizar, gravar e editar unha serie de audios centrados nestas sete figuras femininas. O alumnado de 2º ESO A procurou información sobre as súas historias e maquetouna nunha serie de trípticos onde, ademais, incluíron códigos QR cos podcast dos seus compañeiros e compañeiras e unha imaxe das cabezas das mulleres en volume, elaboradas polo alumnado de 1º ESO.
O Equipo de Igualdade do centro organizou unha exposición con todo este material co fin de que os membros da comunidade educativa poidan visualizar e escoitar este completo traballo realizado arredor de Wallada bint al-Mustakfi, Ende, Teodora de Bizancio, Hildegarda de Bingen, Leonor de Aquitania, Irene de Atenas e Trota de Salerno. Ademais repartiranse chapas coas caras de cada unha delas e, tras a visita á exposición, establecerase un debate co alumnado sobre a importancia na historia destas sete mulleres.
A continuación mostramos o deseño das chapas e os carteis elaborados para a exposición a partir dos trípticos. Podedes escoitar os podcast descargando a aplicación Ivoox e escaneando os códigos QR que atoparedes en cada un dos carteis.
05/03/21
04/03/21
Proxecto #SonMonte
Desde a Biblioteca queremos compartir convosco #SonMonte. O monte na memoria colectiva e #SonMonte. E ti que pintas no monte?, dúas creacións audiovisuais realizadas no noso centro que resumen un fermoso proxecto interdisciplinar, artellado a partir da valorización do monte como patrimonio cultural.
Agardamos que vos gusten!
03/03/21
Premios mulleres da Idade Media
Hoxe fixemos entrega dos premios aos autores e autoras das cabezudas da Idade Media. A verdade é que foi unha decisión difícil, dado o nivel xeral das elaboracións, e desde o centro queremos felicitar ao alumnado de 1º ESO e ás súas familias por implicarse tanto neste proxecto. Ademais dos agasaios entregados hoxe, os traballos galardoados cos primeiros premios formarán parte dunha exposición programada para o 8 de marzo.