Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/10/22

Ampliación prazo concurso de micropesadelos

     Aínda que xa está a urna sanguenta case chea de pesadelos, o equipo da biblioteca decidiu ampliar o prazo do concurso de microrrelatos ata o vindeiro mércores 2 de novembro. 


Imaxe dunha visita terrorífica que tivemos hoxe na biblioteca.

25/10/22

Bookface

      Pois xa temos algunhas imaxes da actividade proposta para celebrar o Día das Bibliotecas. Non descartamos propoñela para outra ocasión porque hai xente que quedou con gana de máis… 



Moitas grazas pola vosa participación!

22/10/22

Bookface no Día das Bibliotecas

     Para celebrar o 24 de outubro, Día das Bibliotecas, propoñemos á comunidade educativa do noso centro a participar nunha actividade coñecida como Bookface. Consiste na realización dunha fotografía utilizando a portada dun libro na que apareza unha parte da anatomía humana e facer un posado con el, de maneira que completemos co noso propio corpo a imaxe representada.

     Anímate a enviarnos unha montaxe (biblioteca@iesillaons.com) ou pásate pola biblioteca a facer a fotografía, é moi sinxelo! 

     Ensinámosvos uns exemplos realizados por Carlota, Carla, Dafne, Ariadna, Xiana, Antía, Enara e Eva, alumnas de 4º ESO.


     Coas imaxes enviadas elaboraremos unha presentación que publicaremos neste blog e proxectaremos no noso centro.

20/10/22

Bea, á procura da luz

 

Ligazón á publicación sobre a imaxe

     Esta semana visitou o noso centro Verónica Salazar (“Bea”), unha figura importantísima no activismo feminista salvadoreño e defensora dos dereitos humanos. Cando era nova, e en pleno conflito armado, Bea uniuse á guerrilla motivada polas situacións de inxustiza que observaba ao seu redor. Logo da guerra comezou a traballar na recollida de información en casos de asasinatos machistas e hoxe, 30 anos despois, forma parte de dúas organizacións feministas que traballan na protección dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e as nenas e na defensa da cultura da paz.
     Verónica conversou co alumnado de 4º sobre a terrible realidade que viven as nenas e mulleres no Salvador e presentou a publicación "Bea, á procura da luz", un relato da Colección Defensoras de Dereitos que ten como obxectivo a difusión das loitas de mulleres en distintas partes do mundo.


     Nesta ligazón podedes acceder a toda a colección que inclúe, ademais da historia de Verónica, os relatos de Haydée Castillo (Nicaragua), Miriam Suazo (Honduras), Estela Ángeles Mondragón (México) e María Cuc Choc (Guatemala).

Carteis gañadores do concurso de Samaín

      Pois xa temos gañadoras do concurso de carteis de Samaín que promocionan o concurso de micropesadelos. Noraboa a Rocío Pereira Martínez (2º ESO B) e Emma Freire Paz (4º ESO C) polos seus terroríficos deseños! A entrega de premios terá lugar a primeira semana do mes de novembro na biblioteca.

     Parabéns tamén ao resto de participantes polas súas arrepiantes creacións!

     Recordamos ao alumnado interesado en participar no CONCURSO DE MICROPESADELOS, que poden depositar o seu relato na urna sanguenta da biblioteca ata o venres 28 de outubro.

09/10/22

Concurso de carteis

     Entre as actividades para celebrar o Samaín, a biblioteca propón un concurso de carteis dirixido ao alumnado do noso centro. Anímate a participar! 

Non esquezas presentar a túa proposta antes do luns 17 de outubro na biblioteca do IES Illa de Ons.



02/10/22

Actividades interdisciplinarias e "Hora de ler"

    A pasada semana o equipo da biblioteca tivo varias xuntanzas con algúns departamentos do centro e co Equipo de Dinamización da Lingua Galega para deseñar actividades interdisciplinarias nos distintos grupos. Ademais elaboramos o calendario da "Hora de ler"que dará comezo esta vindeira semana e que xa foi distribuído por todas as aulas do centro.