Foto biblioteca

Foto biblioteca

27/11/23

Actividades 25N

 Para conmemorar o Día Internacional da non Violencia Contra as Mulleres, o IES Illa de Ons organizou distintas actividades:

- Difusión do proxecto #25NPatriarcadas_Revirad@s: os carteis que elaboramos no noso centro, e que recentemente foron premiados pola Deputación de Pontevedra, expuxéronse en distintas entidades e centros educativos da nosa comunidade.

IES Xunqueira I (Pontevedra)

IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

IES de Cotobade

Museo Massó (Bueu)

- Xogo de escape na biblioteca. O alumnado de 4º ESO participou nesta actividade, centrada na temática da violencia de xénero e guiada por Anacos Educativos.


- Material audiovisual para traballar nas titorías. O alumnado dos distintos niveis educativos visualizou, durante as horas de titoría, diferentes propostas audiovisuais que lles permitiron reflexionar e debater sobre aspectos como a violencia nas relacións adolescentes, o papel dos homes na igualdade, as fases nunha situación de maltrato, os condicionantes aos que se ven sometidas as mulleres, decálogos para educar en igualdade, etc.

19/11/23

Premio en Educación en Valores


O pasado venres o IES Illa de Ons recibiu o
2º premio á Educación en Valores nos VII Premios Provinciais á Xuventude, da Deputación de Pontevedra. O proxecto galardoado, #PatriarcadasRevirad@s, foi realizado o curso pasado na materia de Igualdade de 2º ESO e baseouse na reflexión arredor dalgunhas ideas falsas, relacionadas co feminismo e a violencia de xénero. Os alumnos e alumnas indagaron sobre distintas mensaxes machistas, seleccionaron ideas para traballar a súa resposta e bosquexaron carteis creativos para visibilizala. Coa colaboración da Biblioteca creouse unha campaña publicitaria composta por dous grupos de carteis, na serie PATRIARCADAS alumnado e profesorado vomitan unha selección das distintas ideas machistas falsas ás que se lles dá a volta na serie REVIRAD@S, onde os argumentos expóñense por medio de conversas de Whatsapp.

Noraboa por este recoñecemento!


17/11/23

25 N_ Bolboretas de papel

     Minerva, Patria e María Teresa Mirabal eran tres irmás defensoras da liberdade que fixeron fronte á ditadura de Rafael Leónidas Trujillo. Dentro do movemento antiditatorial do que formaban parte eran coñecidas como "As Bolboretas", porque ese era o nome co que Minerva adoitaba identificarse nas relacións políticas.



     As irmás Mirabal loitaron por conseguir igualdade e máis dereitos para as mulleres e isto custoulles a liberdade e a vida, foron encarceradas e brutalmente asasinadas polas forzas militares do dictador o 25 de novembro de 1960. Nacións Unidas declarou este día como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

     Durante a vindeira semana realizaremos no centro distintas actividades para conmemorar esta data e homenaxear a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais de traballar con diferentes materiais audiovisuais nas titorías, durante os recreos organizarase un obradoiro de marcapáxinas de bolboretas na biblioteca.

16/11/23

Presentación dos Premios Xerais en Bueu

    Este sábado, 18 de novembro, terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu a presentación dos Premios Xerais 2023: "Ninguén contará a verdade" de Pedro Feijoo, ”A botella de lentellas" de Leticia Barbadillo e "Furia" de María Reimóndez. Animamos á comunidade educativa do IES Illa de Ons a acudir a este acto, organizado pola Librería Miranda e o Concello de Bueu, ao que asistirán os autores e autoras premiadas.

08/11/23

Aulas de xadrez

     A vindeira semana dará comezo na biblioteca a actividade "Aulas de xadrez", un pequeno obradoiro impartido por Vítor, profe do departamento de Matemáticas, no que poderemos aprender nocións básicas de xadrez, que serán de grande utilidade como preparación para o torneo que terá lugar no 2º trimestre deste curso. 
     Para quen queira ir botando un ollo, deixamos aquí a ligazón á páxina da FEGAXA (Federación Galega de Xadrez) con documentación de interese e libros en pdf de descarga libre.

    Animádevos a participar!


07/11/23

Premiadas e premiados nos concursos de terror

     Despois dunha terrorífica semana, cuns igualadísimos resultados nas votacións dos distintos xurados, por fin temos as gañadoras e gañadores dos distintos concursos de terror.

CONCURSO DE DISFRACES
1º premio: 
Sara Torres Rosales e Nerea Villanueva Fiel
2º premio:
Samuel Castro Souto, Alejandro Fuentes Malvido e Xabi Martínez Pena
3º premio
Xavi Iglesias Piñeiro, Hugo Malvido Martínez, Javier Oliveira Reiriz,
Xoel Portela Germade e Iván Santaclara Novo

CONCURSO DE DOCES
1º premio: 
Ángela Lino Pequeño
2º premio: 
Catarina Domínguez Cabanelas
3º premio: 
Mariña Fernández Calo

CONCURSO DE RELATOS
1º premio:
Laura Agulla Pastoriza
2º premio: 
Uxía Guimeráns López
3º premio: 
Leire Fernández Riveiro

Noraboa a todas e todos e moitas grazas pola vosa participación.


A biblioteca quere agradecer tamén a colaboración especial de dúas alumnas: Gabriela, voluntaria da biblioteca que se encargou da entrega de premios, e Silvana, a iluminadora oficial durante o concurso de relatos.