Foto biblioteca

Foto biblioteca

22/04/26

Podcast Radiolibros Ons

      Temos unha novidade moi especial no instituto, nace un novo podcast pensado para acompañar as vosas horas de lectura ao longo da semana. Será un espazo para espertar a curiosidade, descubrir novas historias e atopar recomendacións que vos poidan levar ao voso próximo libro favorito.

     Non podiamos escoller mellor momento para comezar xa que esta semana celebramos o Día do Libro. Ao longo das vindeiras xornadas publicaremos diferentes episodios con recomendacións, curiosidades e fragmentos literarios que merecen ser escoitados con calma.

    Aí van os primeiros podcast!




11/04/26

Semana da Poesía

    As pasadas semanas celebramos o Día da Poesía baixo lema “Poesía eres tú”Entre outras actividades organizamos un recital poético colectivo no que as voces do alumnado, profesorado e persoal non docente do noso centro, acompañadas de música en directo, deron vida a textos de autores e autoras contemporáneos como Fran Pintadera, Sara Búho, Javier García Rodríguez, Montse Villar ou Manu Erena, entre outros. Un dos momentos máis especiais foi a homenaxe a Montse Villar, antiga compañeira do noso centro, á que o profesorado dedicou unha parte do recital cunha selección dos seus poemas.

    Outra das actividades programadas foi un encontro literario con Defreds, quen compartiu co alumnado a súa experiencia como escritor, falando do seu percorrido, das súas inspiracións e do proceso creativo. Na celebración tamén houbo espazo para a creación, a propia Montse Villar impartiu un obradoiro de creación poética no que o alumnado puido explorar a súa voz interior e experimentar coa linguaxe poética. Pola súa banda, Marisé Barreiro guiou un obradoiro de escritura expresiva, no que se traballaron emocións, lembranzas e vivencias persoais como punto de partida para a escrita.

     Como remate destas xornadas tivemos a sorte de contar cun obradoiro de Hip-Hop, impartido polo artista García MC, no que o alumnado traballou a rima, o ritmo e a composición de letras de rap, descubrindo novas formas de expresión poética máis próximas ao seu día a día.