Bueu únese á celebración do 70
aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos, a través da
realización dun obradoiro e unha serie de exposicións de arte infantil, organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río.
O taller de pintura “Ruta polos
dereitos humanos” que impartirá o artista Cristóbal Gabarrón, terá
lugar o 29 de setembro e será o xerme dunha serie de exposicións por
toda a localidade durante o mes de outubro, nas que se elixirán os
debuxos participantes no concurso internacional de arte infantil que a
Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas polos Dereitos Humanos e o
Servizo de Información das Nacións Unidas en Xenebra, xunto co artista e
a Fundación Gabarrón están desenvolvendo a nivel mundial, e no que se
insta aos mozos e mozas a reflexionar sobre a importancia dos dereitos
humanos. No taller está previsto que participen en torno a 200 nenos e
nenas de entre 4 e 14 anos de idade do municipio.
O lugar elixido será a contorna do
Estaleiro da Banda do Río (tamén coñecido como Purro), e para o seu
desenvolvemento contarase con monitores formados e con experiencia no
ámbito das artes plásticas. Posteriormente, e co obxectivo de dar
visibilidade a estas creacións infantís así como apoiar a educación en
valores a prol dos dereitos humanos, está previsto que se organicen
exposicións na Sala de Exposicións Domínguez Búa, o Museo Massó, o salón
de plenos do Concello, a Praza de Abastos de Bueu, a Capela dos Santos
Reis, o Estaleiro de Purro, o Centro Social do Mar, a Aula da Natureza
de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e todos os centros de
primaria e secundaria do municipio.
Así mesmo, unha selección dos traballos
participarán directamente no concurso internacional de debuxo “Nenos
polos dereitos humanos” que convida aos pequenos e pequenas de entre 10 e
14 anos a crear obras de arte creativas baseadas en tres posibles
temas: o dereito humano que considera importante defender, unha persoa á
que se admira polos seus esforzos en prol dos dereitos humanos, e a
maneira na que o neno ou nena pode defender os dereitos humanos.
O prazo de presentación de traballos a
este concurso esténdese ata o 31 de outubro de 2018 e os gañadores/as
serán anunciados o 10 de decembro no Día Mundial dos Dereitos Humanos.