A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde o 7 de decembro e até o 14 de xaneiro a mostra Hide-and-seek [xogo do agocho] do artista Page Tsou (Taiwan, 1978) que exhibe a súa obra en España por segunda vez. A exposición reúne dez proxectos que comprenden máis dun centenar de orixinais do autor taiwanés, coñecido polos seus deliciosos e galardoados libros ilustrados para nenos.
As obras de Page Tsou son unha fusión de técnicas nas que se poden apreciar influencias do cómic xaponés, da arte urbana e da pintura tradicional oriental.
A mostra recrea un mundo onírico, onde as súas mensaxes esconden lecturas diversas —a influencia de René Magritte está patente en toda a súa obra—. O título da mostra é en si un xogo de palabras: “Gústame debuxar incluíndo sinais ocultos e distintos significados. A maioría das miñas obras son libros ilustrados nos que se tratan certos temas serios envoltos da inocencia e a diversión dos nenos. Esta é a idea principal que reflicte a exposición”, explica Tsou.
En torno á mesma e con ánimo de achegar o universo da arte ao público máis novo, celebraranse diferentes obradoiros.