Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/05/17

O IES ILLA DE ONS HOMENAXEA A ROALD DAHL

         No ano 2016 o magnífico escritor galés Roald Dahl tería cumprido cen anos. Nos cursos de 1º e 2º da ESO, na materia de Lingua Castelá e Literatura, celebramos este nacemento lendo dúas das súas obras: Charlie y la fábrica de chocolate (1º) e Boy (Relatos de infancia). Ambos os dous textos exemplifican á perfección a desbordante imaxinación do seu autor e tamén o seu singular humor, ingredientes estes que Dahl mestura maxistralmente coa materia prima que lle proporciona unha vida intensa, chea de acontecementos arriscados e extraordinarios.

        
      Como homenaxe ao escritor, Teresa Camila Bernárdez López (2ºA) recolle o guante que lanza Roal Dahld en Boy (relatos de infancia) e escribe un texto xenial e comprometido que de seguro, de poder lelo, celebraría o autor galés.
       Grazas Teresa por amosarnos como a conexión escritor – lectora – escritora compón unha suxestiva cadea que garante unha longa vida á literatura, aos soños e ás historias!
         Aquí tendes o magnífico diálogo textual entre Dahl e Teresa, unha deliciosa peza tocada a dúas mans.
         "Nestas andaba Roald cando neno na hora de estudo en St. Peter’s :
O desastre véuseme enriba cando, atolondradamente, ao ir mollar a pluma craveina sen querer na madeira do pupitre. A pluma rompeuse. Sabía eu que non tiña ningunha de reposto no peto, pero a ruptura dunha pluma non se aceptaba como escusa para non rematar os deberes. Nos puxeran como tarefa un exercicio de redacción co tema “Historia da vida dun penique” (aínda conservo ese traballo nos meus arquivos). Saírame un comezo bastante decente, e estaba escribindo xa de corrido cando se me rompeu a pluma. Quedaba aínda media hora e non podía estarme sen facer nada todo ese tempo. Tampouco podía levantar a man e dicirlle ao capitán Hardcastle que se me rompera a pluma. Sinxelamente non me atrevía. E ademais desexaba de veras rematar a redacción. Sabía exactamente o que lle ía ocorrer ao meu penique nas dúas páxinas seguintes non podía soportar a idea de deixarmo no tinteiro." 
“Historia da vida dun céntimo”
            A miúdo lembro a grande viaxe que foi a miña vida e todo o que teño feito ao longo destes sete anos que levo formando parte do mundo. Sempre me sentín insignificante por seres unha moeda de dous céntimos. O meu aspecto é pouco atractivo: pequena, cor de bronce escuro. Non teño nada que facer diante das moedas de dez, vinte ou cincuenta céntimos. Palabras maiores son as de un ou dous euros...
Lembro que ás veces tiven medo de que me fixeran un buraco como ás pesetas para formar parte dun colar ou acabar abandonado debaixo de calquera moble da casa. Pero, ata o de agora, tiven sorte. Incluso tamén cando nunha ocasión acabei dentro dunha lavadora. Non parei de dar voltas, pero quedei limpo e relucente. Daquela, aínda que eu non me vin, souben que o resto das moedas me miraba con envexa, notábao. Tamén teño formado parte da esmola dun sen teito ou das moedas dunha peixeira, coas mans aínda molladas da auga do peixe. Se entón puidese vomitar, teríao feito. A experiencia no Casino, pola contra, foi trepidante, indo de mesa en mesa...
            Mais nunca na miña vida me teño sentido tan importante como desde que estou aquí, na Fontana de Trevi, cumprindo cun desexo moi especial. A persoa que me botou a esta fonte non o fixo porque pensara que eu son insignificante. Todo o contrario. Estou aquí porque son unha das primeiras moedas que conseguiu ao chegar a terra despois de cruzar o Mar Mediterráneo nunha pateira. Si. Coma eu fixera na lavadora, tamén ela deu voltas e voltas e sentiu as miradas dos outros ao saír do mar. Mais non por envexa. Ela era pequena e insignificante, de cor bronce. Tivo medo de que lle fixeran un buraco, de quedar esquecida para sempre. Por iso eu son mais que un desexo, son tamén un agradecemento por non estar baixo a auga sen poder saír, xunto a outras moitísimas moedas. Certamente síntome orgullosa por cumprir este desexo. Sen dúbida, o meu é un bo final.
 

http://media-cache-ec0.pinimg.com/736x/cf/9f/ef/cf9fefeeb0801d5954c73dc715c3995c.jpg

Pois se Dahl espertou a inspiración dos lectores de 2º da ESO, en 1º da ESO A e B os inquedos e bromistas Oompa Loompa alimentaron o furor poético dos nosos alumnos que, dentro do proxecto de aprendizaxe cooperativa, se arrincaron a compoñer uns poemas-adiviña cos que presentar o noso centro. Un Instituto que, neste final de curso, vai experimentar unha doce transformación cando nos visiten os rapaces dos coles da contorna. Se queredes saber cal é a sorpresa, preguntádelle aos protagonistas que aconteceu no IES Illa de Ons despois do día 9 de xuño....

            Despois de saborear estes bocadiños, se vos apetece seguir disfrutando da obra de Dahl, na Biblioteca do noso IES contamos con algúns dos seus títulos en inglés, galego e castelán. Aquí tendes a relación:
  • Boy (relatos de infancia)
  • Matilda
  • Voando só
  • Charlie e a fábrica de chocolate
  • Charlie e o grande ascensor de cristal
  • Dany, o campión do mundo
  • As bruxas
  • Iago e o pexego xigante
  • The Swan and the Hitch-Hiker
  • A xirafa, o pelicano e o mono
  • Relatos arrepiantes de Roald Dahl

Ningún comentario: