Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/03/20

Romance incompleto e A árbore

     Hoxe contamos coas achegas de Toño Omil, profesor do IES Illa de Ons, e Emma Freire, alumna de 1º ESO C. Toño recita Romance incompleto, poema de Celso Emilio Ferreiro incluído en Longa noite de pedra, e Emma recréanos coa lectura dunha poesía escrita por ela mesma, A árbore.




Moitas grazas!

23/03/20

Da terra asoballada e O soño sulagado

      Hoxe publicamos dúas composicións audiovisuais inspiradas en poemas de Ramón Cabanillas e Celso Emilio Ferreiro. Na primeira delas, Alba Porto, Paula Fernández, Antía Novas, Diana Ogando e Sara Soliño de 4º ESO A, declaman unha selección de poemas da obra de Cabanillas Da terra asoballada. A continuación podedes ver o traballo audiovisual de Pedro Costas, de 1º ESO A, baseado no poema Eu en ti, de Celso Emilio Ferreiro.



Moitas grazas!

22/03/20

Continuamos a compartir poesía

     A comunidade educativa do IES Illa de Ons continúa a colaborar coa iniciativa Poesía no teu sofá; nesta ocasión son dous alumnos de 1º ESO, Manuel Juncal e Gael Calviño, os que queren compartir con vós as súas lecturas de poemas. Moitas grazas aos dous!

Manuel Juncal Pastoriza


O escudo, Manuel María. Gael Calviño Comedeiro.

21/03/20

Máis Poesía no teu sofá

     Hoxe, Día Mundial da Poesía, profesores e profesoras do noso centro poñen voz a poemas de Lugrís Freire, Pessoa, Celso Emilio Ferreiro, Baldo Ramos, Jaime Barreiro e Chus Pato.

Anxo Rajó recita Amor de Manuel Lugrís Freire e D. Diniz de Fernando Pessoa.


Diana Vilas recita Eu en ti de Celso Emilio Ferreiro e
Ás veces fáltannos as palabras de Baldo Ramos.


Poema de Jaime Barreiro recitado por Esther Lorenzo


 Antón Guitián recita un poema da obra Urania, de Chus Pato.


Lembrámosvos que durante estes días de corentena toda a comunidade educativa pode seguir enviando os seus audios e vídeos recitando poesía en galego.

Moitas grazas polas vosas achegas e feliz día!

18/03/20

Unha serea poeta

Xa temos a primeira achega á iniciativa Poesía no teu sofá, en galego
Violeta Gago Rosales recita Unha serea poeta, poema incluído no libro Poemar o mar de Antonio García Teijeiro.


Moitas grazas, Violeta!


POESÍA NO TEU SOFÁ, en galego

       Achégase o Día da Poesía e nós con estes pelos! A situación que estamos a vivir colleunos por sorpresa e aquí ficamos, nas nosas casiñas, gastando máis sofá da conta... Desde a biblioteca propoñemos achegarlle un pouco de arte a este tempo de apoltrone que provoque algo máis que o luír extra dos mobles da casa.
       Nos últimos días están a xurdir nas redes múltiples recomendacións para levar algo mellor o tempo de illamento: bibliotecas dixitais, novo cinema galego, museos virtuais, teatroteca, documentais, concertos en directo, cultura en 360º, salón do libro virtual... Entre todas elas hai unha iniciativa para combater a corentena a ritmo de verso: #PoesíaEnTuSofá. Este festival, que terá lugar os próximos días 20, 21 e 22 de marzo, propón a un grupo de artistas de distintas disciplinas o recitado de poemas desde cada un dos seus perfís de Instagram.

     Na biblioteca ímonos apropiar da súa idea para facer a nosa versión particular:
POESÍA NO TEU SOFÁ en galego
Versión en galego da imaxe orixinal 
 
     Animamos a toda a Comunidade Educativa do IES Illa de Ons a participar nesta proposta que consiste en recitar poemas en galego (propios ou alleos) e gravalos para compartilos a través do blog da biblioteca. Podedes enviar os vosos vídeos ou audios, durante os días que dure esta reclusión inevitable, á conta de correo da biblioteca: biblioteca@iesillaons.com. Unha vez revisados publicarémolos de maneira gradual.

     Aquí tedes unha axuda → Listaxe de obras de poesía en galego

     Moitas grazas por participar!

09/03/20

Concurso de cartas

     Como xa todos e todas saberedes, a primavera o sangue altera e consecuentemente os nosos corazóns e espíritos románticos, poéticos e creativos funcionan dun xeito peculiar, un pouco acelerados e, nalgúns casos, a fume de carozo. Aproveitando esta circunstancia e a proximidade desta estación do ano e do Día da Poesía, a biblioteca convoca, en colaboración con ANPA, un concurso de cartas de amor, amizade, admiración, desamor... dirixido a todo o alumnado do IES Illa de Ons.


07/03/20

8M PÉSCALO?

 
     O fío condutor desta proposta é a idea de rede nos seus múltiples significados, como instrumento propio da Galiza mariñeira e como idea de unión, conexión, ramificación, tecido... A rede é tamén un elemento moi presente nas obras dunha artista galega, Maruja Mallo, que usamos como referente e inspiración para as (re)creacións fotográficas e o collage co que construímos este cartel.

  
    Os nosos corpos e as nosas caras forman parte deste collage para sinalar que nós, o alumnado do IES Illa de Ons, non somos debuxos nin figuras de ficción, somos persoas de carne e óso, de sexo e xénero diverso, que xuntos/as sostemos a rede coa que queremos pescar ideas que axuden a construír unha sociedade máis igualitaria. A nosa pesca componse de respecto, feminismo, forza, unión, das ideas de que somos diferentes pero queremos ser iguais en dereitos.... Péscalo?
     O lema que acompaña á imaxe invítanos a participar nesa pesca, máis convídanos, tamén, a reflexionar sobre a propia mensaxe do cartel interrogándonos sobre se entendemos a idea que este transmite, e para que todos/as poidan pescalo, unha das figuras do noso cartel reproduce en lingua de signos a mensaxe de que “podemos logralo”, formada polas palabras “muller” e “forza”, que puidemos representar grazas ao consello dunha profesional pertencente a DonSigno.
Este traballo foi realizado polas profesoras e o alumnado da materia de Igualdade, coa colaboración da Biblioteca do IES Illa de Ons. O cartel presentarase mañá no noso centro, durante un acto organizado na hora do recreo.

01/03/20

Miserábeis no Salón do Libro

    Un ano máis o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas. Nesta 21ª edición, unha actividade proposta polo noso centro formará parte da programación do Salón, que foi presentada o pasado xoves pola concelleira de Cultura Carmen Fouces. Será co musical Miserábeis, a adaptación da obra de Víctor Hugo estreada en Cangas e Bueu o pasado mes de xuño, co que novamente alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons subirá ao escenario a emocionar ao público. Se aínda non sabes de que vai o tema, aquí tes un anticipo do que poderás ver o venres 13 de marzo, ás 21:00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.