Foto biblioteca

Foto biblioteca

30/05/21

Entrega de premios Concursos ANPA

      Lembramos ao alumnado participante no I Concurso de Cartas de Amor e Amizade e no IV Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", que o vindeiro martes 1 de xuño, ás 11:30 h, terá lugar na biblioteca do IES Illa de Ons a entrega dos premios. Para poder respectar co límite de aforo establecido, pregamos que só asista a este acto o alumnado que presentou traballos nalgunha das dúas convocatorias. 

     Moitas grazas pola vosa colaboración.

29/05/21

Biblioteca virtual

     Continuamos actualizando a biblioteca na aula virtual do IES Illa de Ons. Recordade que tedes distintos materiais á vosa disposición: acceso a lecturas dixitalizadas, cultura aberta, audiolibros, páxinas de interese para as distintas materias, xogos en liña...





23/05/21

22 segundos

 Hai uns días, unha parte do alumnado de 3º ESO reuniuse na biblioteca para debater sobre distintos aspectos do libro 22 segundos, de Eva Mejuto. Xoán Rodríguez, profesor de Lingua Galega e Literatura, actuou como moderador desta actividade na que participaron Pedro, Zulema, Pablo, Víctor, Lois, Manuel, Breixo, Noemí, Brais, Noel, Fran e Álex. Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación.


 Ficha do libro publicado por XERAIS

O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase."Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá -ou non quererá comprender- nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. "22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe -sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas.

22/05/21

Xela Arias. Poeta e tradutora.


     O venres tivemos unha visita moi especial no Illa de Ons. Anxo Rajó, exprofesor de Lingua Galega e Literatura do noso centro, veu presentar o seu libro Xela Arias. Poeta e tradutora, da editorial Ir indo. Anxo achegounos a Xela dun xeito moi emotivo, facendo un percorrido pola súa vida desde a infancia en terras luguesas e pola súa obra no eido da literatura como filóloga, poeta e tradutora. A continuación propuxo ao alumnado de 2º ESO a participación nun Kahoot sobre a autora e asinou libros aos gañadores e gañadoras.

     Anxo, ademais de escritor e profesor no ensino secundario, foi tamén coordinador da Enciclopedia Universal Galega, do Dicionario Enciclopédico Galego Universal e colaborador no Dicionario de galego de Ir Indo; é membro da Fundación Premios da Crítica Galicia e traballou na sinalización de zonas naturais e históricas deseñando unha interesante rede de roteiros de grande valor medioambiental, algúns deles no noso concello.      

     Moitas grazas pola túa visita, Anxo. Estrañámoste!

17/05/21

Feliz día das Letras Galegas!

     Hoxe, Día das Letras Galegas, recordamos a Xela Arias, unha voz “singular, transgresora e comprometida” en palabras da Real Academia Galega, que renovou nos anos 80 a poesía galega e foi pioneira na tradución de clásicos. Esta semana traballaremos arredor da figura da escritora, poeta e tradutora con distintos materiais adquiridos pola biblioteca. 

   “Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro"

E o venres... agárdanos unha sorpresa!

10/05/21

A roupa non ten xénero

     Alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons secundou, a semana pasada, a iniciativa "A roupa non ten xénero", promovida por un grupo de rapazas do IES Johan Carballeira e que reivindica a liberdade de expresión e a identidade de xénero. O proxecto, que leva desenvolvéndose no centro veciño desde o día 4 de novembro, dá continuidade a unha protesta a nivel nacional en apoio a Mikel, un alumno dun centro educativo do País Vasco que foi discriminado por un profesor por asistir a clase con saia. Esta actividade final, á que todos e todas as participantes acudimos con saias ou vestidos, contou tamén co apoio do alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe A Pedra, o alcalde de Bueu e outros membros do concello. 

     Ademais do manifesto lido polas rapazas e un fermoso texto reivindicativo escrito por Antía Novas (exalumna do noso centro), o alumnado de 3º ESO do Illa de Ons interpretou unha batucada e entre todos e todas fixemos pintadas na rúa e elaboramos, con prendas de roupa "recortables", unha pancarta que decoramos con proclamas en favor da igualdade, o respecto e a liberdade.

06/05/21

Teatro e poesía no club de lectura

     Neste trimestre, a coordinadora do club de lectura Montse Villar, seleccionou os seguintes títulos de teatro e poesía para traballar co alumnado:

O principiño e o asteroide de ferralla, de Xavier Frías Conde.

 Antes da lectura desta pequena peza teatral, traballouse a imaxe de O Principiño de Saint-Exupéry para, despois, falar dos elementos dunha obra de teatro.  Comentamos o significado da obra, a imaxe da ferralla no espazo, a contaminación na que vivimos e a figura do principiño como fío condutor do texto.

     Para completar a actividade convidamos ao autor a visitar o noso centro o día 29 de abril. Xavier Frías falounos da súa obra infantil e xuvenil e conversou co alumnado, resolvendo todas as súas dúbidas. Foi unha xornada literaria moi enriquecedora na que participaron os cursos de 1º de ESO e o alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura.


Poemas para dibujar en voz alta, de Gabriela Zárate Carrió.

Trátase dunha colección de poemas do cotiá que convidan ao lector a pintalos e titulalos: a bicicleta,  a familia, as diferenzas... 


     Escolléronse seis poemas que os alumnos e alumnas leron e ilustraron, debuxos que foron enviados á propia autora. Onte tivemos o pracer de conversar con ela a través dunha videoconferencia, durante a cal transmitiu aos rapaces as súas inquedanzas literarias e sociais e completou comentando algún dos poemas do libro. Os alumnos e alumnas leron en voz alta os seus poemas preferidos e agradeceron a amabilidade da poeta.

     Deixámosvos con algunhas imaxes desta conexión.


04/05/21

Maia

    O xoves pasado, os rapaces e rapazas de 3º ESO, coa colaboración do profesorado e do persoal non docente, elaboraron un maio con forma de muller. 


     Para facer a nosa Maia partimos dunha estrutura con forma cónica construída con listóns de madeira e unha serie de aros de diferentes tamaños. Para vestila utilizamos fiúncho, xesta, tuia, espadana, bugallas, laranxas, calas, pampullos, margaridas e outra serie de flores, recollidas tanto o día anterior coma durante esa mesma xornada por toda a comunidade educativa. 


    O sábado día 1 de maio a nosa Maia formou parte dunha mostra na Praza Massó de Bueu, xunto con outros maios elaborados polos demais centros educativos do concello e un enorme maio con forma de polbo feito pola Asociación de Alfombras de Bueu.

02/05/21

“Palabrogramas”

 O alumnado de 2º da ESO vai sobrado de creatividade. Mirade como xogaron coa forma gráfica das palabras para crear estes "palabrogramas" na materia de Lingua Galega.