O 18 de febreiro de 1868, o capitán Nemo chegaba á Ría de Vigo a bordo do Nautilus para facerse cos tesouros de Rande. O capítulo VIII da segunda parte do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", dá a coñecer a batalla librada en outubro de 1702 durante a Guerra de Sucesión entre españois e ingleses e que deu como resultado o afundimento da “Frota de Ouro”, cargada con tesouros procedentes do continente americano.
"O capitán levantouse e rogoume que o seguise. Obedecinlle, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.
Nun radio de media milla en torno ao Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase claramente o fondo areoso. Homes da tripulación equipados con escafandras ocupábanse de inspeccionar bocois medio podrecidos, cofres desfeitos no medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapaban lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.
Comprendín entón que estabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar no que se afundiron os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo cubría as súas necesidades e lastraba con aqueles millóns ao Nautilus."
Pero o suposto tesouro de Rande non foi só froito da imaxinación de Julio Verne, senón que desde hai decenas de anos foron moitos os que tentaron a súa procura. Aínda que se descoñece o paradoiro dos seus tesouros e se os coñecidos como "Galeóns de Rande" seguen mergullados ou non entre a Illa de San Simón e a Ponte de Rande, o certo é que este lugar deu orixe a multitude de historias e lendas.
Esta semana viaxamos por mar co alumnado de 1° e 2° de ESO, desde Cangas ata a Enseada de San Simón, para visitar o Museo de Meirande e coñecer o acontecido na famosa Batalla de Rande, o patrimonio industrial e histórico desta zona e os tesouros arqueolóxicos e culturais da época. A continuación desembarcamos na Illa de San Simón, unida á illa de San Antón por unha ponte, na que descubrimos a súa interesante historia como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos.
Placa conmemorativa dedicada ao Capitán Nemo e á tripulación do Nautilus na Illa de San Simón