O meu tío Checho nunca foi un mariñeiro convencional.
Era o compañeiro de traballo dun veciño seu e,aínda que a gamela coa que faenaban non era súa,el gobernaba nela coma se fose o mesmo dono.
Digo que non era un mariñeiro convencional porque pola mañá ía ao boliche, pero pola tarde ían recoller algas para venderllas ao señor Manolo, un home da praia de Beluso que,despois de secalas,vendía as plantas acuáticas a unha empresa farmacéutica.
Debido a ese dobre emprego ao meu tío apodárono O CARROMEIRO, que é un tipo de alga.Resulta que,coma todos os días despois de xantar,o meu tío Checho colleu o camiño de terra que leva á praia de Tulla e subiu á gamela onde o esperaba o seu veciño Ramón.
Non había nin un chisco de aire e o mar estaba en calma.O día era soleado e as gaivotas descansaban pracidamente na punta da Xuda.
Nin meu tío nin o compañeiro podían imaxinar sequera que o medio natural que lles daba de comer ía pórlles unha proba tan difícil de superar.Sempre facían o mesmo percorrido.Saían da praia da Tulla,recollían algas durante aproximadamente dúas horas e despois dirixíanse cara á Praia de Beluso onde os esperaba o señor Manolo.Pasaron vogando pola punta da Xuda e uns metros máis adiante colleron cadanseu bicheiro e comezaron a arrastrar as algas e a subilas na súa fráxil gamela.
Cando consideraron que colleran suficientes algas nesa zona, pasaron a faenar enfronte da praia das Nenas.Había un tempo que non arrastraban algas nesa zona e estaba a rebosar delas.Colleron todas as algas que puideron e,cando se dispoñían a emprender o camiño de volta,déronse conta de que lles resultaría moi difícil levar todo o peso que tiñan cargado na gamela ata terra.Comezaron a vogar con todas as súas forzas pero, ao chegar á pedra do Cabalo,xa non podían máis e decidiron parar un pouco para discutir sobre o grande dilema que o mar lles propuña:Enfrontábanse a deixar parte da carga no mar e voltar fácilmente a terra ou tentar,con moito esforzo, volver a terra con toda a súa carga arriscándose a que a súa débil embarcación afundise.Falaron durante media hora do tema, despois de descansar un pouco,optaron pola segunda opción.A razón desta temeridade era que naqueles tempos de fame e pobreza ninguén se podía permitir o luxo de desperdiciar uns pesos máis.
Comeron un pedazo de pan e beberon un pouco de viño e baixo un sol de xustiza reanudaron o seu camiño de volta.
Cada minuto que pasaba a gamela enchíase un pouco máis de auga e a travesía estábase a converter nunha carreira cara a cara coa morte, pois aínda que pareza un paradoxo,ningún dos dous mariñeiros sabía nadar.
Con moitísimo esforzo chegaron á Praia de Beluso.Alí xa os esperaba o señor Manolo,con bastante preocupación polo seu inusual retraso na entrega da mercadoría.
Despois desta trepidante aventura o meu tío Checho xurouse en segredo que non volvería arriscar a súa vida por uns cantos pesos.
AUTOR: ÁNGEL MANUEL TORRES FERRADÁS3º ESO IES “ILLA DE ONS”PUBLICADO NO Nº 1 DA REVISTA “OS GALOS” DE BUEU