Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/02/19

II Certame de fotografía OBXECTIVO BUEU

     Un ano máis a Biblioteca do noso centro, en colaboración coa ANPA e o Equipo de Dinamización Lingüística, promoverá varios concursos dirixidos ao alumnado do IES Illa de Ons.
     Aquí tedes o cartel promocional e as bases do primeiro deles, o II Certame de fotografía OBXECTIVO BUEU. 
       Animádevos a participar!



24/02/19

Rosalía e os dereitos das mulleres

     
Ilustración da artista Abi Castillo
    
     Tal día como hoxe no ano 1837 nace Rosalía de Castro, unha das máis importantes poetisas da literatura do século XIX, figura destacada do Rexurdimento galego e unha defensora temperá dos dereitos das mulleres. No artigo Las literatas Rosalía aborda os prexuízos sociais que dificultan que as mulleres se dediquen a tarefa literaria e deféndese das acusacións dalgúns, aclarando que é ela mesma quen escribe as súas obras, e non o seu marido, Manuel Murguía.
    
      Mañá no noso centro terá lugar un acto homenaxe a Rosalía, organizado polo profesor de Lingua e Literatura Galega Anxo Rajó e coa participación do alumnado de 3ºA e 4ºC.

Visita dos "Belulectores"

     O club de lectura de 1ºB recibiu o pasado venres ao alumnado do club de lectura de 6º do CEIP Montemogos que veu acompañado por Mª José, profesora que coordina a biblioteca deste centro de Beluso.
    Despois de comer, tanto a rapazada como as profes xogaron a "Catapúm Chimpúm" e "Bulldog", e algún que outro improvisou pasos de baile máis que modernos. A continuación, na biblioteca, repetimos as actividades da xuntanza da pasada semana co club de lectura de 1ºA co CEIP A Pedra: Antía e Carla de 3ºA fixeron unha dramatización da peza teatral Mándame un Whatsapp e o alumnado de 1ºB leu a obra Misterio no Instituto, pero nesta ocasión coa colaboración de Antón, o director do centro, que fixo unha interpretación de si mesmo.

     Na seguinte ligazón BIBLIOMONTEMOGOS podedes ver algunhas das imaxes que publicaron os nosos invitados.
     Xa sabedes, cando queirades repetimos!

17/02/19

Club de lectura compartido

     O pasado venres o club de lectura de 1º ESO A tivo uns invitados moi especiais, o voluntariado da Biblioteca do CEIP A Pedra, que visitaron o noso centro para compartir unha tarde de xogos e lecturas.

     Os rapaces e rapaces, acompañados polas súas profesoras Lina e Macu, achegáronse ao noso centro e, despois de comer no patio, divertímonos cos xogos organizados por Sabela, profesora de inglés do IES Illa de Ons. A continuación trasladámonos á biblioteca onde as alumnas Antía e Carla (de 3º ESO) fixeron unha lectura dramatizada da pequena peza teatral Mándame un Whatsapp de Fernando J. López (incluída na obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora - IV). Ademais, alumnos e alumnas de 1º ESO A interpretaron unha pequena obra de teatro, protagonizada por eles mesmos e escrita pola profesora Lourdes Garrido, coordinadora dos clubs de lectura. Finalmente compartimos algunhas risas coas imitacións e interpretacións improvisadas que realizaron rapaces e rapazas dos dous centros.

     Agardámosvos novamente cando queirades!


13/02/19

VII Certame de relato curto

      Unha nova edición, a sétima, do certame literario de relato curto da FANPA (Federación de ANPA de centros públicos da provincia de Pontevedra), está en marcha.


     As bases do certame e o seguimento do calendario de entrega así como os relatos premiados e o libro publicado de cada edición están dispoñibles no web específico do VII Certame:
http://blogs.nontedurmas.org/certame/

       Os principais obxectivos deste certame son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
  • Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega. Cando se promovan dende os colexios e institutos, serán descartados os grupos de relatos de temática semellante.
  • Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares, profesorado e alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo).
  • Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. Estará escrito en Times New Roman, de tamaño 12 pt. e interliñado de 1,5 liñas.
  • O prazo de envío dos textos finalizará o 28 de febreiro de 2018.

07/02/19

Debuxando ao alén. Exposición interactiva



  A exposición interactiva de Ana Juan, Debuxando ao alén, aproxímanos ao universo creativo desta ilustradora e descúbrenos o proceso creativo de dous proxectos: Otra vuelta de tuerca e Snowhite. Ademais, preséntanos Erthaland, Snowhite’s Mystery Tale, unha aventura gráfica interactiva. Aquí poderemos mergullarnos no primeiro capítulo desta aventura e realizar unha visita virtual á contorna en que transcorre. Así mesmo, a realidade aumentada e unha recreación animada revélannos novos puntos de vista e múltiples detalles deste proxecto.

     Se queres facerte unha idea do proxecto antes de ir á exposición, achégate ata a Biblioteca do noso centro, temos a sorte de contar cunha pequena mostra do que alí  podemos descubrir. 


     Debuxando ao alén permanecerá aberta ata o día 24 de febreiro, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra. A artista Itziar Ezquieta realizará visitas guiadas os domingos 10, 17 e 24 de febreiro ás 12:00h. A organización recomenda descargar previamente a aplicación "Ana Juan, dibujando al otro lado" nos teléfonos ou tabletas dos visitantes para mellorar a experiencia.

01/02/19

Voces de Bueu



     José Manuel Dopazo, presidente da Asociación Club Golfiños de Bueu, visitou o IES Illa de Ons o pasado venres para presentar o libro Voces de Bueu. Mosaico de vivencias, unha  obra que recolle 25 historias de xente desta vila, 5 de cada parroquia, nas que se amosa o xeito de vivir e de falar nos distintos lugares deste concello.

     Durante a presentación, tanto Dopazo como Xoán, profesor de Lingua e Literatura Galega do noso centro, leron algunhas das historias recollidas no libro.